01:24 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-02-2012

Vixiada, deturpada e secuestrada

Rosalía Castro

Valorar (34)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ



Sorprende a escasa difusión do libro do profesor Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro; sorprende o silencio sectario de moitos "rosalianos" ao respecto. Sorprende o silencio de moitos medios, sobre todo os dos progres.  Sorprende a complicidade das propias institucións que deberían velar pola obra da autora de Follas Novas. Efectivamente, claro que non é nada sorprendente.

A lectura do libro Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (AS-PG, A Coruña, 2011) tróuxome á memoria a consulta que fixen de diversos documentos policiais e da Guardia Civil do tardofranquismo, secretos por suposto,  a propósito de actos relacionados coa autora de Cantares Gallegos. Cando corresponda a nivel legal poderán verse cousas ben significativas que amparan aínda máis os argumentos analíticos que se expoñen no citado libro. Son singularmente acaídos para o capítulo titulado Da heterodoxia e a "tolemia" á beatificación. Houbo un intento sistemático ao longo do tempo, e logrado en gran parte, de desfigurar a vida e obra de Rosalía de Castro. Como afirma o propio profesor Francisco Rodríguez para que "deixaran de notarse as arestas heterodoxas e conflictivas da súa obra e da súa persoa".

Os servicios secretos de información durante a dictadura franquista, tanto policía como Guardia Civil, nas súas distintas seccións operativas fixeron un seguimento sistemático, metodoloxicamente planificado de todo o que tivera que ver co galeguismo, xa fora o máis "rexionalista" e folclórico ata o nacionalismo da Unión do Pobo Galego (UPG).

Para o caso que nos ocupa, os servicios de intelixencia fan investigación exhaustiva sobre A Misa por Rosalía, os galardoados co Premio Padrón de Ouro e  o Patronato Rosalia de Castro. Informa sobre os seus antecedentes, membros, obxectivos e posta en práctica. Por exemplo na nota informativa do SI nº ref. 1236 (DGS) con data 19 de xuño 1970 indican ademais dunha campaña para iniciar subscrición na prensa galega "encaminada a restaurar casa Rosalía Castro de Murguía convirtiéndola en Museo" o proxecto do Patronato para "fijar fecha anual de exaltación de tal poetisa".

Na información máis longa e conflictiva sobre su "proyecto de elevar instancia al Gobierno a fin de que el veinte y cuatro de de febrero de cada año sea declarado día de Rosalía, por coincidir su nacimiento" os servicios de información son taxantes, din literalmente:

"Se advierte que desde el punto de vista policial, no es conveniente acceder a tal petición porque la fecha del veinticuatro de febrero cae en pleno curso escolar, y conociendo los puntos de contacto entre los galleguistas y los estudiantes universitarios, fácilmente se aprovecharía la efemérides para bajo el pretexto de exaltar a la principal poetisa de la lengua gallega, hacer verdadera propaganda galleguista, dejando a un lado el aspecto literario y buscando el medio de difundir tal ideología política".

Noutro informe policial, moi anterior (25 de outubro de 1968) dise:

"Se pretende restaurar la casa museo en que vivió y murió la poetisa que se encuentra bastante abandonada y conseguir para la misma algunos objetos que en vida le pertenecieron al objeto de incorporarlos al museo que existe en la citada casa.

Para arbitrar recursos económicos que el citado Patronato no tiene se pensó primeramente en rifar un coche marca "Dodge- Dar" que la fábrica Barreiros se comprometía a donar con este fin, pero no se llevó a cabo esta iniciativa por lo mucho que había que abonar al Tesoro en impuestos. En vista de ello se acordó la confección de tarjetas-postales, en colores en que se recogieran vistas de la casa-museo y otras de los alrededores de la villa de Padrón y estimados como recuerdos rosalianos.

Con tal fin se confeccionaron 30.000 postales en los talleres del Faro de Vigo por un importe aproximado de 75.000 pesetas.

Las tarjetas postales se están vendiendo al que las solicita al precio de cuatro pesetas ejemplar... pero su venta hasta la fecha no ha tenido éxito".

A continuación indicase onde está a Casa Museo así como o cemiterio de Adina e moi extensamente o informe di:

"donde reposaron los restos mortales de la poetisa desde julio de 1885, fecha de su fallecimiento, hasta mayo de 1891 en que fueron trasladados, con gran solemnidad, hasta la iglesia conventual de Santo Domingo, en Santiago, en cuyo monumento funerario, levantado en la pared se puede leer: "D.O.M. Para eterna memoria Galicia fixo facer por suscripción nacional este momento onde descansa na paz do Señor a que foi groria da súa patria, señora Doña Rosalía de Castro Murguía. Finou no 15 de xulio de 1885", dando comienzo a dicha suscripción la Colonia Gallega en la Isla de Cuba.

Séguense ocupando os servicios de información, por orde política claro,  en anos posteriores doutros actos sobre Rosalía e o galeguismo.

Non hai moito tempo informáronme dun feito moi significativo, sobre a petición para comprar libros para bibliotecas e para algúns seminarios, a propósito de Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria: "ese libro non entrará neste departamento". Isto non é un feito aillado.

Como dicía Manuel Murguía (parece unha simple tautoloxía, mais ten un significado ben profundo) para saber de Rosalía de Castro, para saber ben, tanto da súa vida como da súa obra hai que lela. Hai que lela.  

Recomendo encarecidamente ler esta magnífica obra do profesor Francisco Rodríguez sobre a autora fundacional da nosa literatura nacional.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña