08:49 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2012

Vergoña e medo: medo ao rexeitamento, medo á discriminación que brota da incomprensión, incluída a posibilidade de discriminación laboral

“Quen vive sen loucura non é tan sabio como pensa”

Valorar (50)

ROBERT NEAL BAXTER



Co gallo do Día Internacional contra o cancro que se celebra o 4 de febreiro ouvimos testemuños nos medios de comunicación sobre o esencial que resulta que se fale desta temida doenza con naturalidade para evitar que quen a padece teña que sufrir por partida dobre: vítima da doenza e vítima do medo que arreda moita xente nos momentos cando máis apoio se precisa.

Existen doenzas cuxo nome causa medo, sinónimos na mentalidade popular da morte, polo que se debe fuxir delas: SIDA, cancro... No entanto, a medida que, afortunadamente, se van derrubando aos poucos os muros de ignorancia que acurralan as vítimas destas doenzas, as súas familias e os seus seres queridos, aínda hoxe existen doenzas que non só suscitan medo, senón unha vergoña máis propia dos séculos escuros. No século, XVIII exhibíanse 'os tolos' como obxecto de burla público; no século XXI, escóndense.

A saúde mental segue a ser un tema tabú, concepto de orixe polinesia estreitamente ligado á prohibición e, por extensión, ao silencio. O tabú é aquilo cuxo nome non se pronuncia, para evitar atraer consecuencias negativas. Así é que moitas persoas se ven condenadas a sufriren en silencio, sen recorreren a tratamentos moitas veces eficaces (e que non sempre implican o uso de fármacos)... moitas veces cun tráxico desenlace. De feito, no mundo morren cada ano un millón de persoas vítimas do suicidio, que constitúe a terceira causa máis importante de morte entre a xente nova. 

E, a bo seguro, a medida que vaia roendo na nosa sociedade a crise actual que trata os seres humanos como simples instrumentos xeradores de maiores lucros para uns cantos individuos, van ser máis e máis os casos de suicidio relacionados coa depresión e a ansiedade que provoca a inseguridade vivencial de non saber se mañá vas perder todo: o traballo, a casa, o necesario para manter a familia... E non é para menos: Grecia, que tiña a taxa de suicidio máis baixa da UE (2,8 por cada 100.000 habitantes) antes da crise, experimentou un aumento inaudito de 40% nun só ano.

Existen tamén outros vínculos directos entre a sociedade do consumismo, outro aspecto do capitalismo deshumanizador e alienante, e trastornos como os alimentarios (anorexia e bulimia) que se consideran síndromes de orde cultural, isto é, propias da cultura occidental 'moderna' e que afectan 5% da poboación galega. Vista así, a saúde mental non se debe entender como algo persoal ou individual, senón como algo que afecta toda a sociedade e un tema de preocupación nacionalista, ao ser a taxa galega de depresión (10%) a máis alta de todo o Estado español. Talvez a alienación cultural inflúe...

Mais, á diferenza do que acontece con enfermidades tan temidas como a SIDA ou o cancro que pouco a pouco saen do escurantismo da ignorancia, a sociedade actual segue a recear ante os trastornos mentais, do mesmo xeito que no medievo se fuxía ante a peste e a lepra. Ningún trastorno mental é infeccioso ou contaxioso, mais aínda así, froito do medo que nace da ignorancia, a xente que os padece veñen sendo @s lepros@s intocábeis do século XXI. Est@s apestad@s do novo milenio seguen abocad@s en moitos casos á marxinación social debido á falta de diagnóstico e de coidados. É esta a verdadeira vergoña da situación.

Vergoña e medo: medo ao rexeitamento, medo á discriminación que brota da incomprensión, incluída a posibilidade de discriminación laboral. Non é de estrañar, pois, que se pense dúas veces antes de se dirixir a unha persoa achegada ou, aínda máis, de buscar axuda profesional, o que implica pasar diante das colas de 'xente normal' e franquear a porta marcada coa inscrición 'saúde mental'. Tendo en conta o estigma actual, o letreiro ben podía pór 'tolos'.

Mais estes tolos e estas tolas non son estrañ@s: somos nós e a xente nosa. Segundo un informe da OMS, máis dun terzo da poboación ha pasar por situacións diagnosticábeis como trastornos mentais ao longo da súa vida. Neste noso país, o envellecemento acentuado da poboación agrava a situación, facendo que a saúde mental sexa unha cuestión que non debería ficar allea ao nacionalismo, pois, segundo a Estratexia en saúde mental do sistema nacional (sic.) de saúde de 2006, na Galiza 24% das persoas maiores de 60 anos padecen algún tipo de trastorno mental (depresión, distimia, trastornos de ansiedade, fobias, trastorno de angustia, trastorno obsesivo-compulsivo, trastornos por mal uso de sustancias, deterioración cognitiva grave).

A imaxe deformada que manexamos pasa inexorabelmente polo potente filtro tendencioso da ficción televisiva. Xa en 1993, George Gerbner avisou de que 70% dos personaxes con trastornos mentais que aparecen nos programas emitidos no horario de máxima audiencia son violentos, fronte a 42% dos personaxes 'normais'. Esta distorsión contrasta coa realidade, xa que o estudo de Steadman et alii. indica claramente que os pacientes psiquiátricos non presentan un índice de violencia superior ao das outras persoas. Así pois, malia a alta prevalencia de trastornos mentais de todo tipo, a probabilidade de nos toparmos cun sociópata hollywoodiano é tan remota como a de contraermos o virus da dengue.

Non esquezamos tampouco que, como calquera condición que atinxa á nosa saúde, as enfermidades que afectan o funcionamento da nosa mente non son todas iguais. Os trastornos mentais recollidos pola OMS son moitos e moi variados, e a maioría deles cales só repercuten en quen os padece e nas súas familias: desde a demencia asociada ás doenzas de Alzheimer e Parkinson, trastornos do humor tais como o trastorno bipolar ou a depresión, os trastornos alimentarios como a anorexia e a bulimia e o insomnio e a disfunción sexual, até os trastornos neuróticos, incluídos as fobias, os trastornos da ansiedade e o trastorno obsesivo-compulsivo, a ludopatía, o atraso mental, os trastornos do desenvolvemento, entre eles o autismo e o síndrome de Asperger, e os tan temidos trastornos paranoides e esquizoides da personalidade.

É comprensíbel que os comportamentos estraños provoquen medo, mais tamén cabe preguntarse o que significa 'estraño', xa que a clasificación de calquera comportamento como patolóxico en función do seu grao de desviación a respecto dunha norma estabelecida responde necesariamente a criterios socioculturais. Con iso non quero dicir que os trastornos mentais patolóxicos non existan, senón que ás veces é moi fina e difusa a liña que separa a tolemia dun comportamento que desafíe as convencións sociais. Así foi que até 1973 a homosexualidade estivo clasificada pola Asociación Estadounidense de Psiquiatría como trastorno mental, e aínda hoxe a OMS clasifica a transexualidade, o travestismo e os 'trastornos da orientación sexual' (sic.) como 'trastornos da identidade de xénero'. O que non quere dicir que a homofobia non o sexa...

Rematamos cunha nota positiva, que non hai mal que por ben non veña. Como ben dicía Séneca Nullum magnum ingenium sine mixtura dementiæ fuit. Onde estarían a pintura, a filosofía, o cinema, a literatura ou a música hoxe sen Degas, Gauguin, Nietzsche, Ingmar Bergman, Virginia Woolf, Baudelaire, Tolstoi, Tchaikovski ou Mozart?


[29-02-2012 17:11] Mario Solinho comentou:

Así se fala, alto e claro...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña