07:37 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-02-2012

Os traballadores e traballadoras galegas temos unha vantaxe sobre outros, saímos mais baratos que os de outros países europeos

Mocidade: sinónimo de desemprego

Valorar (10)

LILA RODRÍGUEZ OUTEIRO



O pasado domingo saían a rúa, en moitas cidades do estado español, millón e medio de persoas berrando NON á Reforma Laboral. En Galiza estase preparando unha folga xeral para o próximo mes. Nas fábricas, nas empresas, nas institucións todas, vense cartaces e fanse continuas asembleas a prol da folga e contra a reforma. Desastre, empobrecemento, vivir con medo, despido fácil e gratuíto, reforma inútil e ineficaz...eis as conversas que se escoitan nos grupos polas ruas, nos compañeiros e compañeiras de traballo que fuman na entrada do seu taller, nos medios de transporte... , eis o tema de conversación principal na clase traballadora do país dende hai 10 días que se deu a coñecer o decreto.

O certo é que xa case temos perdida a conta das reformas que se levan feitas dende que saíu á luz o primeiro estatuto dos traballadores do ano 1980. Seica esta é a 7ª reforma laboral, pero se o que se espera dela é que remate co paro, veremos que, tanto o presidente do goberno, coma a secretaria de estado de emprego, recoñeceron publicamente ante a prensa a inutilidade desta reforma para crear emprego. Segundo din é unha reforma feita pensando no emprego "estable e de calidade", é unha reforma "equilibrada" que vai atallar o desemprego xuvenil e que está pensada para favorecer ás PEMES, aos autónomos e aos desempregados de longa duración, pero...non teñen reparo en recoñecer que non serve para o que se precisa, que é precisamente atallar o brutal desemprego no que estamos instalados.

Mais de 110.000 galegos e galegas levan mais dun ano sen traballar. Os traballadores e traballadoras volven facer as malas para buscar a vida no estranxeiro, temos unha taxa de paro desproporcionada, cerca da metade dos mozos e mozas menores de trinta anos non atopan traballo e moitos até nen o buscan xa, de pura desesperanza, e os gobernantes nos colocan unha reforma flexible e innovadora, con "minijobs", teletraballo e cheque-formación como panacea para qué? Para seguir tendo que cambiar de traballo, e de vida, cada 6 meses? Para non poder facer unha carreira profesional? Para seguir sen atopar un posto de traballo digno na terra?

Os traballadores e traballadoras galegas temos unha vantaxe sobre outros á hora de emigrar, non só levamos na memoria xenética a emigrazón, a maiores, saímos mais baratos que os de outros países europeos. E, curiosamente, no grupo dos menores de 35 anos, no estado español contamos con 5 puntos de vantaxe sobre os europeos en poboación con estudos universitarios

Este maior nº de persoas con estudos podería ser motivo de satisfacción se non topásemos coa realidade: Os galegos e galegas, e tamén os españois todos, seguimos estudando porque non atopamos traballo, pero, ao finalizar os estudos, mais da metade dos egresados rematan subempregados en postos que non requiren o esforzo vital que fixeron. E aínda dan grazas, porque, cando menos, teñen un traballo.

A Ministra de Traballo afirma que o goberno está aberto a suxestións e propostas, e que por iso se constituíu unha mesa técnica e non política para traballar na reforma, pero que teñen moi claro que non van variar nos aspectos fulcrais, pois consideran que só lexislaron naqueles aspectos nos que non hai acordo e, polo tanto, víronse na obriga de tomar cartas. 

Están abertos a proxectos novedosos e innovadores, pero propoñen traballo a tempo parcial e teletraballo, é dicer mais precariedade e mais frustración para todos eses mozos e mozas que, despois de anos e anos loitando coa universidade, e os másteres, e postgraus, o que atopan é, primeiro, un traballo de  bolseiro por unha cantidade ínfima, e despois, un posto temporal e a tempo parcial polo que, con sorte, lles pagarán 600 euros ao mes. Ao final vai ser certo que os "mileuristas" eran uns privilexiados.

Sobre o papel non é tan malo o que se propón: A posibilidade de compaxinar a vida laboral e os estudos que oferecen os contratos a tempo parcial e os chamados "minijobs"; a flexibilidade do teletraballo, que non esixe horarios ríxidos e permite adicarse a tarefas particulares en momentos diversos do día; axudas para que as "microempresas" e os autónomos poidan facer contratacións. Mais a realidade é teimuda: O empresariado deste pais é o que é, e o que vamos ter é bolseiros/as sen bolsa, traballando gratis para a empresa, traballadores e traballadoras  supercualificados cobrando o salario mínimo e sen dereito a reclamar.

Se os autónomos non teñen traballo para eles mesmos ¿como van poder contratar a ninguén?. Se un mozo ou moza recén licenciado ten un traballo de 5 horas diarias polo que lle pagan 300 Euros ao mes ¿como vai poder pagar o Master que lle reclaman na empresa para poder ascender? Se un rapaz ou rapaza que fixo un módulo conqueriu un posto de teletraballo no que o empresario lle pide que estea dando sinal de ónde está e que fai cada 5 minutos, ¿que é o que lle valoran, o traballo ou a presenza?.

E o que mais doe é ver ao gran empresariado louvando as conquistas e agradecendo os favores mentres os mozos e mozas seguen a non ter futuro. Non, señora ministra, non, esta reforma, xa o dixo vostede, non vai crear emprego.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña