03:31 Mércores, 05 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-02-2012

O pobo venezuelano aínda ten a memoria fresca dos feitos de 2002 e sabe a quen representa

Venezuela. Capriles Radonski: de "asaltante" a "esperanza branca"

Valorar (25)

XURXO MARTIZ CRESPO


Asedio á embaixada de Cuba en Caracas


A discriminación racial en Estados Unidos (EUA) tamén estaba presente no deporte. Nin no béisbol nin no boxeo había equipos ou combates mixtos. O boxeador negro Jack Johnson acabou coa racista «esperanza branza» Jim Jeffries o 4 de xullo de 1910. Dende aquela data nunca máis os brancos serían nada no boxeo. Pero a derrota de Jeffries, que publicamente reiterara que non ía pelexar nunca cun boxeador negro, foi especialmente exemplarizante porque viña da luva dun negro intelixente, inconformista e fillo de escravos manumitidos.

Todas as eleccións en Venezuela, desde 1998 coa entrada de Chávez, posúen o mesmo compoñente. A Venezuela indolente, da que ninguén falaba nin sabía a non ser polas misses, está agora no mapa, un «negro» contestón, intelixente, locuaz, histriónico e brillante ocupa o lugar que antes ocuparon presidentes escuros, grises, corruptos, alcohólicos, ladróns, ignorantes e servís cos Estados Unidos.

Henrique Capriles Radonski é o típico produto comercial que hoxe pode vender a «necesidade dun mundo menos contaminante» e mañá unha «menciña milagreira». O seu discurso, cheo de lugares comúns, repetidos con convicción de vendedor, está cheo de lemas e baleiro de contidos. Nun chisco, declárase de «centro esquerda», que é tanto como declararse seguidor de Bob Marley. Repite até o infinito que o seu modelo é o socialismo brasileiro, pero maquillando a Dilma e a Lula do mesmo xeito que o fan os grandes media internacionais, que minimizan a admiración de ambos por Fidel Castro e a súa revolución e agochan as difíciles e case imposíbeis relacións do Brasil con Estados Unidos. 

Fillo de dúas familias multimillionarias, Capriles é o modelo de político made in Usa; preséntanse por un partido, como plataforma, sen necesidade de ideoloxía ou programa, pero ben fornecido de marketing, merchandising e entertainment.

As próximas eleccións de outubro de 2012, meses despois da morte de Chávez segundo a prensa española, só gardan o segredo de por canto gañará Chávez a esta pequena «esperanza branca». Non é a primeira vez que Capriles se enfronta a Chávez; a outra foi cando era alcalde do municipio Baruta e participou indirectamente no golpe de Estado de tres días, en abril de 2002,  esquecendo a súa «admiración» polo socialismo brasileiro e dirixindo, megáfono en man, o asedio á embaixada cubana en Caracas, cos seus policías e as clases medias alporizadas rodeando o edificio.

El mesmo dirixiu o asedio á embaixada cubana en Caracas  permitindo que a turba de clase media cortase luz e auga e destruíse os coches dos diplomáticos aparcados no exterior, amedrentando a todo o persoal que no interior e durante dous días temeu pola súa vida. 

Axuizado por eses feitos en 2004, foi absolto en 2006 pola declaración do embaixador noruegués e o seu caso reabriuse en 2008.

É probábel que na súa campaña faga unha mestura entre a Terceira Vía, o socialismo sueco [1] e o «brasileiro» e, con esa «sinxeleza» que o caracteriza, fique segundo despois de Chávez... porque o pobo venezuelano aínda ten a memoria fresca dos feitos de 2002 e sabe a quen representa esta «esperanza branca».

No centro da fotografía Henrique Capriles Radonski

Pouco máis se pode dicir deste «candidato virtual», a súa folla de cargos públicos, alcalde de Baruta ou gobernador de Miranda pode xerar o equívoco similar ao de que a posesión dun título universitario (formación) é equivalente á posesión de cultura.



[1] Os estudantes da plutocrática Universidade Católica Andrés Belllo (UCAB), en Caracas, manifestáronse nas rúas contra o socialismo bolivariano e a favor do «socialismo sueco» (sic).


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña