10:38 Xoves, 29 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-02-2012

Quen posibelmente non está é un sector do empresariado, mais preocupado coa ganancia fácil e especuladora que polo tecido industrial e o futuro do País

Galiza está mal colocada

Valorar (17)

XOÁN COSTA



Hai algún tempo, o Presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, Sr. Fontenla, advertiu de que "para moitas cousas Galiza está estratexicamente mal colocada".

Debo recoñecer que desde que tal cousa ouvín, foron declaracións á Cadea Ser, non deixei de facer a mesma pregunta: para que ou para quen estará mal colocada Galiza? E sobre todo, que facermos nun País mal colocado?

Un xa ten experiencia en escoitar, e tratar de entender, este tipo de aseveracións de representantes do empresariado e mesmo de responsábeis políticos. Sen irmos máis lonxe, o Sr. Montoro, Ministro de Facenda, falou estes días de "servizos por natureza privatizábeis" establecendo unha diferenciación inmanente entre un servizos e outros que axiña figurará nos dicionarios ao lado das categorías de xénero e número.

Imaxinen os novos dicionarios (seica a RAG está a preparar un novo, en liña):

"Ensino: s. m. Privatizábel. Dise do conxunto de materias que se lles ensinan....

"Sanidade: s. f. Privatizábel. Conxunto de servizos da Administración destinados a preservar a hixiene e a saúde pública"

Mais voltemos ao comezo, pois un repasa rapidamente a historia e pensa que Galiza non estaba mal colocada para os romanos cando explotaron os nosos recursos auríferos e construíron redes viarias sólidas e duradeiras polas que circulou o ouro mais tamén a lingua, a relixión e a cultura; tampouco o estaba cando a industria da guerra da primeira metade do século XX situou Galiza nos mapas de todas as chancelarías e comezou a explotación do volframio que converteu esta parte do mundo nun territorio estratéxico na xeopolítica do momento, por non mencionar o tempo de Xelmírez, cando mesmo os Papas situaban Santiago e Galiza no centro relixioso e cultural do momento.

Por que agora si estamos mal situados, se a variación no eixo de rotación da Terra non foi moita nos derradeiros dous mil anos? E tampouco mudaron tanto os centros de decisión e poder, ou polo menos non mudaron tanto as fórmulas.

Acaso non estamos xeograficamente ben colocados para sermos unha potencia no aproveitamento de recursos mariños ou na construción naval, ese espazo de tantas promesas incumpridas?

Non gozamos dunhas condicións ambientais que nos permitirían ter un sector gandeiro e leiteiro altamente competitivo se non for porque as estratexias da política económica estatal e europea nolo impiden e porque os compromisos ideolóxicos do goberno do estado non queren defender os nosos sectores produtivos en Bruxelas. E no sector enerxético, estamos mal situados cando resulta que os ríos galegos son, en conxunto, os principais produtores de enerxía hidroeléctrica de todo o Estado, aínda a pesar do decrecemento das chuvias? Non somos produtores de primeira liña mesmo en enerxías renovábeis?

Galiza está ben colocada. Quen posibelmente non está é un sector do empresariado, mais preocupado coa ganancia fácil e especuladora que polo tecido industrial e o futuro do País.

E por se iso non for suficiente, agora o Sr.Fontenla afirma sen rubor que non sabe se Galiza necesita 75 Deputados no seu Parlamento.

Solicito axuda para interpretar esa idea, pois non acho solución posíbel para dar resposta a esta cuestión: que quere dicir, que o Parlamento Galego debe ter menos deputados e deputadas, e, nese caso, cantos menos? Ou quere dicir, simplemente, que non necesitamos Parlamento, e polo tanto Goberno Galego?

Mais ben temo que esa é a proposta: a recentralización de todas as competencias e a volta de novo ao Estado unitario, todo iso coa eliminación de servizos públicos, a privatización dos que resten (ou como di o Ministro, dos que por natureza sexan privatizábeis) a implantación do "repago" sanitario (si, repago, pois o termo copago só induce a pensar que agora non estamos pagando, cousa evidentemente falsa), a fusión de concellos até finalmente eliminar o Parlamento: "no si Galicia necesita 75 diputados en su Parlamento"

E aí está o home, tan ancho!

E eu diría "non sei se Galiza necesita deste tipo de empresarios"


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña