11:22 Domingo, 23 de Setembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-02-2012

Aqueles que gobernan de costas ao país atopan nos recortes a coartada idónea para laminar a conservación e difusión dos bens culturais galegos

Un patrimonio fotográfico baixo chave

Valorar (28)

ALBERTE MERA GARCÍA


Retrato de Castelao por Jaime Pacheco, 1926.

Os pobos atopan no soporte fotográfico a captura da súa realidade máis tanxíbel desde finais do século XIX e a vontade expresa de visualizar a súa historia. No noso país, o patrimonio fotográfico é un importante valor artístico, fundamental para a pervivencia da nosa memoria colectiva. Boa mostra disto é o arquivo Pacheco, actualmente paralizado por orde do concello.

A desidia cara á nosa cultura que exercen aqueles que gobernan de costas ao país semella un lobo insaciábel que atopa na crise e nos recortes unha idónea coartada para saír impunes nos medios ante a sociedade. Nesta ocasión, o desinterese do goberno municipal de Vigo afecta a un importante piar do patrimonio fotográfico galego que supón o arquivo Pacheco. Desde o 31 de decembro, este arquivo mantense pechado ao público, as e os traballadores na rúa e carécese de proxecto de futuro algún. Pero o problema maior non está en que se lle negue o acceso a este patrimonio ao público, senón que cada día que o arquivo se manteña pechado e sen profesionais que o atendan, as fotografías almacenadas deterióranse con rapidez.

A importancia do arquivo Pacheco de fotografía radica no contributo que supón para a historia e a memoria colectiva galegas, almacenando entre 120.000 e 150.000 fotografías de retratos de persoas relevantes (retrato de Castelao por Jaime Pacheco, 1926) e de xente anónima, fotos urbanas ou de acontecementos sociais; datadas desde 1870 até case cen anos despois. Trátase dun valor etnográfico construído fotografía a fotografía que configura a historia dunha cidade, do seu desenvolvemento industrial, naval e mariñeiro; que recolle as primeiras manifestacións sindicais recorrendo as rúas do centro de Vigo, as mesmas rúas nas que o dispositivo de Pacheco recollería o desfile das bandeiras nazis e falanxistas poucos anos despois.

Tras o peche do arquivo en decembro, unhas 70 mil imaxes (aínda non catalogadas nin dixitalizadas) atópanse almacenadas en caixas nos sotos da Casa das Artes, carecendo do tratamento de limpeza e conservación precisos que impidan o rápido avanzo dos fungos que deterioran a emulsión fotográfica. A menos que se tomen medidas inmediatas é predecíbel que boa parte dese material ficará inservíbel.

Desde logo, nin esta situación nin a conservación deste patrimonio cultural semella ser de importancia para o goberno do PSOE e a súa concelleira de Cultura, que con manobras distrativas tentan acalar un malestar que nunca deberon pensar que se ía producir. Por riba dos caprichos institucionais do PSOE de borrar o que non for da súa competencia anteriormente, debería primar nunha concellería de cultura a noción de que a catalogación esixe dun persoal permanente e non rotativo, modelo cara ao que o goberno anunciou camiñar.

Hai tres anos configurouse un equipo de traballadores, por primeira vez con coñecementos fotográficos, que tivo na dirección do arquivo a Vitor Vaqueiro, e que tamén por vez primeira desde o 1991, en que comezou a andar o arquivo, catalogáronse e documentáronse gran parte dos fondos (chegando a unhas 25.000 fotografías catalogadas), ordeáronse 60.000 imaxes, realizáronse publicacións, tres exposicións de Pacheco ('Mulleres', 'Os anos escuros' e 'Cartas de punto maior' esta última sobre o mar e o naval na cidade). Dixitalizáronse 13.000 novas fotografías e atendéronse a unhas 8.000 visitas e a 100 proxectos de investigación e outro tipo de exposicións externas ao arquivo.

O Centro Galego de Fotografía ou o baleiro pechado.

Ademais da destitución do director do arquivo en setembro e da orde de paralización da actividade en Pacheco no mes de decembro; a desidia institucional tamén se estende ao Centro Galego de Fotografía; que xunto á Pinacoteca farían do Casco Vello da cidade un referente para a imaxe galega. Este centro impulsado polo BNG daría por fin necesario cumprimento ao contrato de venda do arquivo por parte da familia ao concello en 1991, no que se esixía a posta en disposición dun edificio propio para o arquivo coas axeitadas condicións de humidade e temperatura para a conservación fotográfica. Este edificio rehabilitado e preparado (mais aínda baleiro pola parálise á que lle obriga o PSOE) tiña concretado acoller tamén outros arquivos fotográficos galegos como a obra de Llanos, nesa creación do que sería un novo referente da imaxe galega.

Sobra preguntarse que acontecería se un país normalizado contase cun arquivo de seu con estas características. Unha oportunidade que se está a perder de pór en valor o noso patrimonio nun momento no que as modas e convencións das artes occidentais marcan o interse pola recuperación e revalorización da fotografía antiga e do tipo de imaxe que contén este arquivo.

[12-02-2012 19:29] Movemento pola continuidade do Arquivo Pacheco de Vigo. comentou:

Lembramos que estamos a recoller sinaturas para entregar cada xoves ás 12:00 no Concello.
Podedes enviar a vosa enviando os datos (nome e apelidos; DNI e profesión) á dirección de correo: caruncho2012@gmail.com.

Tamén estamos nas redes sociais:
http://www.facebook.com/groups/177574455684328/

O texto que vai a continuación é o que encabeza o listado de apoios.

A TODA A CIDADANÍA VIGUESA

Diante do feche do ARQUIVO PACHECO por parte da Concellaría de Cultura, feito acontecido o pasado dia 31 de decembro de 2011, desexamos manifestar:

1 Dun cambio de goberno municipal. Dita actitude priva ao pobo de Vigo da utilización do arquivo, ficando, desta maneira, conxelados proxectos que van desde o simple lecer á investigación académica.

2 Execútase o feche despois do período probabelmente máis frutífero de traballo do Arquivo. Por primeira vez desde a súa adquisición, o ARQUIVO PACHECO estaba sendo conducido por un grupo humano que procedía do mundo da fotografía e posuía un proxecto xeral e coherente para o legado. As persoas que ali traballaban posúen titulacións de especialistas, licenciadas e doutoras en imaxe, mesmo con teses de doutoramento realizadas sobre o ARQUIVO PACHECO, e teñen artigos da súa autoria aparecidos en revistas galegas e internacionais, así como libros publicados en editoriais de rango europeo, con todo o que iso supón de proxección internacional do nome de Pacheco e da cidade de Vigo. Entre todas as persoas arbitrariamente despedidas, contabilízase, a dia de hoxe, unha experiencia consolidada de 80 (oitenta) anos dedicados á práctica, o estudo, a análise e a docencia, mesmo no seu nIvel universitario, da fotografía.

3 Algúns datos, sen desexo de exhaustividade, axudarán á comprensión do traballo realizado: publicación de tres Axendas fotográficas e 2 libros de grande calidade sobre a figura de Pacheco; inauguración de tres exposicións monográficas; convocatoria, por primeira vez, do Premio Pacheco de fotografía, compromiso adquirido hai 21 anos polo Concello vigués que só até a chegada do equipo sinalado se cumpriu; ordenación, limpeza e clasificación de case 60.000 fotografías que se achaban desordenadas; confección de bases de datos e introdución, catalogación e documentación nelas de 25.000 fotografías; asesoramento na realización de traballos de pesquisa universitaria, de investigación sobre os arrabaldes e parroquias viguesas feitos por Asociacións de Veciños e Culturais; de asistencia a empresas do ámbito privado ou de apoio a institucións públicas, que constitúen un total de 100 proxectos, así como visitas a particulares para recoller fotografía viguesa do século XIX, doada xenerosamente polos seus propietarios e a articulación dunha rede estábel de informantes que enriquecían, desinteresadamente, o coñecemento sobre o pasado da cidade.

4 Perante a decisión da Concelleira de Cultura, decisión que pensamos só procede dunha actitude despreciativa frente a calquera obra realizada por outros, egoísta, porque non ten en conta o tesouro cultural que existe no ARQUIVO PACHECO nin a frustración humana de miles de persoas, e inconsciente, porque ignora o profundo dano que a docentes, movemento veciñal, investigadoras e investigadores e público en xeral causa, as persoas que asinamos este documento pedimos a toda a cidadania viguesa que reflicta nas causas da decisión tomada pola Concellaría de Cultura e se pregunte os verdadeiros motivos de expulsión do equipo máis coherente e profisionalizado que, desde o ano 1991, traballou na mellor colección fotográfica de Vigo e de Galiza que coñecemos polo nome de ARQUIVO PACHECO.

Vitor Vaqueiro
Pilar Abades
Pablo Prado

[11-02-2012 13:07] Antonio das Mortes comentou:

A Caballero hai que facerlle coma co Momo no vindeiro carnaval:
"Hai que tiralo ó mar!"

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal