09:01 Xoves, 20 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-04-2010

A programación cultural que ofrece este goberno é a dun bolo por formación nalgunha parte deste País

Cantigas no Camiño e Músicos na Cuneta

Valorar (8)

ROSA BUGALLO VECIÑO



O Xacobeo programa unha ÚNICA xira na que 26 grupos folk teñen unha ÚNICA actuación durante todo este ano. Estes artistas integran o apartado que o Consellería de Cultura creou para ir encaixando as distintas correntes musicais galegas: Xacobeo Raíces.

Xacobeo Raíces está formado por grupos como Fuxan os Ventos, Marful, Espido, Uxía, Luar na Lubre... A programación cultural que ofrece este goberno é a dun bolo por formación nalgunha parte deste País. Iso si, grávase un compilación cun tema de cada un dos grupos para vender no Gadis a 4 ou 5 euros.

Ninguén pon en dúbida a capacidade mediática de tal produción cultural, a capacidade de comunicación e de proxección exterior. Ninguén.

Os creadores galegos deberían estar tranquilos e confiados na política cultural desta Consellería ofrecéndolles unha actuación anual e un cd para o supermercado. Os concellos, os concelleiros de cultura, tamén parecen que están tranquilos: unha actuación de balde dende o Xacobeo garante a programación cultural do seu concello. Ou non?

As concellerías de cultura sufriron este ano un recorte económico dun 20 a un 40 % do seu orzamento. As instalacións, o persoal, os edificios..., son o prioritario, polo tanto, é a programación a que sofre as consecuencias. Os concellos non dispoñen de orzamento para programar e depende das xiras culturais que subvencionan a Xunta  e as Deputacións.

Xiras como a que acaba de presentar a Deputación de Pontevedra, ofrecendo o seu apoio económico á gran empresa cultural deste Pais: Espectáculos Lito. Patrocinando unha xira polos concellos de Pontevedra da súa orquestra Panorama. Orquestra tamén patrocinada polo Xacobeo.

Deste xeito os concellos poden seguir completando a súa programación cultural. Non poderán ofrecer creación, mais si imitación.

E todos seguimos tranquilos e tranquilas, os artistas sen ningún tipo de apoio institucional e os concelleiros/as de cultura sen a posibilidade de programar, presentar e apoiar á música galega.

Repito, todos/as nós, seguimos tranquilos e tranquilas e sen facer ruído.


[05-04-2010 ] Medios comentou:

Semella que todos esteñamos acostumad@s e porén anestesias@s ante o goberno da sinrazón. Semella que se tomen as decisións que nos competen a todos a salto de mata, sen teren en conta a cantidade de axentes e de salarios impricados nas súas decisións.
Bótase algo de menos que a industria cultural do pais, saia á rúa reivindicar o que é seu; que os cartos adicados a cultura, e que saen dos impostos de todos os galegos, revirtan no noso.
Unha aperta camarada.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña