15:27 Mércores, 08 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-02-2012

El sabía que, se quería seguir no cabalo, precisaba ter en conta a sela sobre a que pousaba o cu

San Manuel Fraga

Valorar (33)

MARICA CAMPO



Non me parece de bo gusto, quente o corpo coma quen di, que nos dediquemos agora a lembrar as fascistadas de Fraga, mais obrígannos os haxiógrafos que proliferan por toda a parte, elevándoo aos altares sen pasar sequera polo cadro "A gloria" de Bernini que, por se non o saben, é onde colocan o retrato do santo ou santa no acto da canonización. Nestes casos e antes de chegar alí,  existe un avogado do diaño que debe investigar o que de negativo houbo nas súas vidas. Sempre atopan algo porque, evidentemente, a perfección non existe. E isto pódese afirmar tamén na dirección contraria: sempre hai cousas positivas en calquera existencia, tamén na de Fraga.

Cando eu era nena e non sabía que vivía nunha ditadura da que don Manuel era ministro, pensaba que este era un home moi bo porque lle enviara cartos ao meu pai despois de que este llos solicitara para levar aos vellos do Val do Mao á Coruña ver o mar. Tamén conseguira unha furgoneta para o asilo de anciáns de Sarria cuxas monxas ían polas aldeas recoller patacas e outros froitos da terra.

Despois souben que asinara condenas de morte e puxera todo o seu empeño en xustificalas desde o control de prensa e propaganda, enlamando a biografía dos axustizados. Souben tamén da súa aplicación en perseguir calquera disidencia, brote de nacionalismo ou defensa dos sinais de identidade de calquera dos pobos do Estado.

Din que hai dous políticos, o do franquismo e o da democracia. Vaia, dúas persoas distintas. Eu non podo entrar na que foi a súa conciencia, mais moito me parece que esa dualidade foi só aparente ou, se se prefire, intelixente, e que só houbo un Fraga verdadeiro, o que ambicionaba o poder sobre todas as cousas. El sabía que, se quería seguir no cabalo, precisaba ter en conta a sela sobre a que pousaba o cu. Tocaba a da democracia e daquela había que ir de demócrata. Así, o que perseguira galeguistas, chegou a se autodefinir como tal. O que multara un xornal por empregar o galego, subvencionouno despois para que escribise na nosa lingua. O que obrigou a retirar o nome dunha rúa dedicada a Castelao, entregou medallas co nome do autor do Sempre en Galiza e converteu este libro en agasallo institucional, cun prólogo por el asinado e que, se cadra, lle escribiu un negro.

Rectificar é de sabios, din os que o defenden. De acordo, mais Fraga non rectificou, simplemente xogou o papel que lle permitía seguir na partida. Endexamais renegou do seu pasado franquista nin pediu perdón por el. Máis ben o reivindicou como o único xeito posíbel de servir a súa patria, a España daquel momento na que, malia todo, outros pagaban na cadea a demanda de liberdade. Foi na segunda das etapas, o que demostra que seguía a ser o mesmo, cando dixo sen arroibar que aos nacionalistas había que colgalos de calquera parte (non aclarou se esa parte pertencía á anatomía dos pendurados ou se se refería ao lugar do que suspender a tan viles individuos).

A súa gran cultura e intelixencia non o fan merecente de honra; fan, pola contra, máis culpábel a súa adhesión a un réxime perverso. Por iso custa moito entender que, por acción ou omisión, quen se di nacionalista e de esquerdas, se sume ás homenaxes que se lle están a tributar con motivo do seu pasamento. O respecto que se lle debe a todo ser humano que deixa este mundo quedaría garantido co silencio, o mesmo que el lle negou a Grimau, por exemplo. Era o meu propósito, mais hai cousas que obrigan a falar.


[03-02-2012 12:46] oventoquepassa comentou:

e se quer unha pista, que de unha ollada cara Terra de Lemos

[03-02-2012 00:25] ricardo comentou:

O que non entenda, é porque non quere.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña