00:03 Luns, 30 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-03-2010

“Castelao contra a manipulación” lembranza dun combate pola verdade

Nin os mortos estarán seguros

Valorar (14)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO


Portada do libro "Castelao contra a manipulación" (1984)


"Tampouco os mortos estarán seguros ante o inimigo cando este venza. Y este inimigo non deixou de vencer" escribía Walter Benjamin nas súas Teses de filosofía da historia confluíndo cun Castelao que pola mesma época estaba a soster a mesma crítica contra unha ideoloxía socialdemócrata da historia que ao fin se resumía na frase de Negrín "borrón y cuenta nueva" e na fe cega nun progreso que non alcanzaron a ver que tamén comportaba inventos como as cámaras de gas e outros artefactos.

Reprocháballes Benjamin que fixeran borrar da memoria dos traballadores figuras senlleiras do seu pasado como o Blanqui da Comuna de París,  predicando iso do avance inevitable cara a redención das xeracións futuras, levando as masas ao conformismo nun momento onde cumpría navegar a contra corrente e estimulalas para combater o fascismo. Algo que non lograban os predicadores da excelente vida que lle legaríamos aos nosos descendentes, simplemente por deixarnos arrastrar polos acontecementos. Uns descendentes non natos que despertan máis a nosa envexa que a nosa simpatía, fronte a isto Bengamin contrapón o potencial revolucionario do rancor e o desexo de vinganza polo que lle fixeron aos nosos pais e avós e a todas as xeracións anteriores de vencidos. Iso si que dá carraxe para facerllas pagar.

Xerardo Álvarez Gallego, o autor de Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda escribíalle a Castelao dando conta da claudicación no ambiente republicano habaneiro citándolle o que lle respondían cando el apelaba a memoria dos inmolados: "aos mortos que lles dean polo cu". E ese foi o lema da transición.

Benjamin chega a citar neste traballo a Kraus para soster que "a meta é a orixe", colocándose fronte aos que fantasiaban con deslizarse polo río do día a día até o mar do socialismo universal mentres a súa perda da perspectiva por non levantar a cabeza do momento lles impediu ver que ían dereitos aos sumidoiros de Auswitch. Benjamin/Castelao tiñan claro o erro do presentismo oportunista e sobre todo da evasión futurista da realidade. Pasar páxina, mirar para adiante, esquecer... a cambio de nada ou máis ben, a costa de descolocarse. Castelao no "Alba de Groria" como Benjamin no devandito traballo desenvolven un concepto que é fundamental para entender a súa visión transformadora do pasado: "a tradición dos vencidos".

Mesmo os que din iso de que hai que coñecer a historia para non repetir os erros dan por suposto que imos ter unha segunda oportunidade, no fondo todo o mundo asume o eterno retorno.  Mais non un eterno retorno do mesmo. Só o que esquece todo comeza de cero, só quen perde a memoria é quen está condenado a repetir o xa dito. Castelao no "Sempre en Galiza" desenvolve a súa idea da historia como espiral e non como círculo, e moito menos como liña. Pois ao fin a realidade obxectiva leva a que as forzas sociais son as de sempre que unha e outra vez se confrontan até que se logre a emancipación final dos oprimidos. Cada unha das forzas ten a súa propia "tradición", do que se trata é de decidir en que tradición nos situamos. Non hai terra de ninguén. Non hai espazo neutral neste combate. Quen renega da propia coa escusa da "modernización" ao fin remata na allea, nos posicionamentos máis retrógados.

Uxío Novoneyra tiña moi claro esta idea de "continuar o pasado" e de como cada vez que un abría a boca invocaba a todos os mortos que retomaban a palabra a través del pois seguían a vivir na lingua. Cando falamos xa nos estamos aliñando nunha ou noutra tradición.

Cando Feixoo fai uso provocador de Castelao en español é para expropiar para a tradición dos vencedores, dos inimigos de Galiza, da súa lingua e da súa dignidade, unha das personalidades máis valiosos da tradición dos oprimidos. Quer borrar o seu nome da Santa Compaña de mortos que se persoa cada vez que usamos a nosa lingua, cada vez que dicimos "Galiza".

Xa nos tempos de Castelao había quen propagaba iso de "cambian os tempos, cambian as vontades" para xustificar "adaptacións" que supoñan renuncia as posicións nacionalistas. Por iso Castelao apelaba a vontade dos mártires, dos mortos, porque dos "vivos" un non se podía fiar nunha época tan dura. A "carne é débil", por iso situaba a dignidade nos "osos". A iconografía dos esqueletos baseábase na súa idea de que aínda que queiramos prostrarnos diante do poder, hai unha forza que nos empuxa cara erguer a cabeza, agás aos que Castelao catalogaba por non ter columna vertebral.

En calquera caso, é lóxico que traten de terxiversar e asimilar a Castelao. Lembremos que ao propio Benjamin fixérono pasar por suicidado, como o fixeron con Allende, ou Moncho Reboiras... O seus asasinos trataron de exculparse por ver de recrutalo para as súas filas borrando as probas do seu crime.

É comprensible este labor de salteadores de tumbas. Mais o que non sería normal é que este roubo, esta profanación, quedara sen resposta e non provocara a indignación dos seus herdeiros ideolóxicos. E así foi.

Con todo, compre lembrar que non é a primeira vez. En circunstancias máis duras o nacionalismo estivo a altura e librou unha batalla por recuperar o seu pasado logrando grazas a isto mellorar considerablemente o seu futuro, isto é, o noso presente.

Recordamos aquela axitación provocada polo secuestro dos restos do Presidente do Consello de Galiza. Incautado por aqueles que lle negaron recoñecemento a dito Consello e lexitimidade ao seu cargo.

Unha das testemuñas que quedan daquel tempo é o libro "Castelao contra a manipulación" que moitos gardan como unha xoia nos seus andeis e que agora se recupera neste espazo para lembrar aquel exemplo de loita pola verdade e pola dignidade. Editado daquela polas activas asociacións culturais de entón a través da súa federación, serviu de revulsivo de numerosos debates que puxeron de actualidade un pasado que continúa a reiterarse unha e outra vez. Esta publicación, como á persoa a que vai dedicada, forma parte esencial da nosa tradición.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña