07:17 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-01-2012

A linguaxe reflicte o mundo no que vivimos e moldea non tanto a nosa percepción da realidade como o xeito en que nos vemos obrigad@s a expresármola

Linguaxe non-androcéntrica: propostas e propósitos

Valorar (40)

ROBERT NEAL BAXTER



Grazas ao traballo de Teresa Moure 'Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións', galardoado co premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2011, vólvese a falar -entre outras cousas- da cuestión da linguaxe excluínte, vehículo dos valores sociais dominantes. Trátase dun tema que levo traballando desde hai tempo, sobre todo desde a óptica do androcentrismo e heteronormatividade na tradución, e que acho tan vixente como nunca, se non máis.

A linguaxe reflicte o mundo no que vivimos e moldea non tanto a nosa percepción da realidade como o xeito en que nos vemos obrigad@s a expresármola. Así, os usos e padróns habituais da linguaxe non fan máis que plasmar as convencións do status quo social, polo que pasan desapercibidos os estereotipos que levan implícitos en materia de xénero e sexualidade. Os usos lingüísticos habituais toman o estereotipo do varón heterosexual como a norma non marcada, por exemplo mediante a utilización do masculino pseudoxenérico en 'os avogados' e 'os médicos' para abranguer tanto os homes como as mulleres que exercen estas profesións, ou cando se reflicten os papeis desiguais de oficios ao falar de 'enfermeiras' fronte a 'médicos' para aludir en ambos os casos tanto a homes como a mulleres.

A linguaxe non-androcéntrica ten por obxectivo principal non tanto modificar os comportamentos mediante o traslado mecánico dunha mudanza dos usos lingüísticos, como se dunha 'novilingua' orweliana se tratase, senón tornar patentes os usos enquistados e os valores que transmiten para se falar deles, debatelos, desafialos e, en última instancia, mudalos. Este é o valor que tivo o uso do neoloxismo 'miembra' por parte de Bibiana Aído en 2008: o interesante non é que pasase a engrosar as formas lexitimadas polo dicionario editado pola moi masculina RAE, senón que se provocou que se falase do tema en todos os medios de comunicación durante semanas. O esencial non é sempre que se fale ben, senón que, polo menos, se fale...

O fin é claramente político e ideolóxico, como tamén o é calquera tipo de intervención ou enxeñaría lingüística, incluída a normalización e normativización de linguas como a nosa. A finalidade é, neste caso, acadarmos unha sociedade máis xusta e menos discriminatoria en todos os ámbitos, obxectivo ao que non podemos renunciar desde os postulados dun nacionalismo verdadeiramente liberador.

Por iso, non pretendo con este artigo facer un percorrido puramente descritivo por varias opcións entendidas como igualmente válidas a respecto dos usos androcéntricos xa existentes, senón facer un alegado comprometido a favor duns novos usos lingüísticos. Non nos escondamos, por medo ao relativismo, ante quen discrepar coa nosa visión dunha sociedade máis xusta e liberadora: trátase de loitarmos para se imporen recomendacións prescritivas claras para camiñarmos cara a ela.

Son varias as estratexias que se poden aplicar agrupadas sob a denominación 'linguaxe non-androcéntrica'. Algunhas préstanse máis facilmente a certas linguas que a outras debido ás súas propiedades e estruturas inherentes, como, por exemplo, o xénero gramatical masculino/feminino, que coincide en certa medida co binomio social home/muller en galego e non existe noutras linguas como o turco ou o finés.

Nin todas as estratexias comparten o mesmo punto de partida ideolóxico e obxectivos, e todas elas presentan unha serie de vantaxes e inconvenientes, polo que non se ten necesariamente que avogar por unha delas en exclusiva, senón por unha maior flexibilización creativa e aperturista da linguaxe. Vexamos.

- Inclusión. Trátase de especificar e visualizar as mulleres con fórmulas como 'todas as profesoras e todos os profesores'. O resultado é claramente pesado, mais cabe preguntarse se non é xustamente este o obxectivo que se persegue: Por que non deberían pesar as mulleres? Claro que, para algún (en masculino), resulta moito máis cómodo falar sempre en masculino, sobre todo pola conta que lles trae, pois os homes nunca tivemos que aprender cando estamos implicitamente incluídos e cando non. Por exemplo: 'O home é un mamífero', mais non 'Cando o home está grávido'. O risco radica en se ritualizaren fórmulas como 'boa tarde a todos e a todas' sen compromiso real ningún, como ten apuntado Teresa Moure en varias ocasións, sen interiorización nin asunción real das mudanzas profundas nas consciencias e nos comportamentos que estes novos usos lingüísticos deberían implicar.
- Feminización xenérica. Para alén de máis, a principal función da linguaxe xinocéntrica consiste en suscitar a reflexión ao dar a volta ao uso do masculino pseudoxenérico para comprobar até que punto a xeneralización pode faltar á realidade e resultar incómoda, sobre todo cando deixa de coincidir coas expectativas canonizadas pola norma socialmente dominante. Así, ao se dirixir en feminino a unha clase composta de rapazas e rapaces, non é inhabitual que algún alumno proteste, dicindo sentirse excluído, ou, ao falarmos de 'médicas', hai quen se preguntará se os médicos tamén están incluídos...
- Neutralización: Malia resultar máis difícil en galego que noutras linguas con epicenos, é factíbel se recorremos a termos abstractos como 'alumnado' e 'profesorado'. O interese radica en non tornar explícita a dicotomía social que se estabelece entre homes e mulleres como as únicas opcións de xénero viábeis ou desexábeis, como indica a mesma Teresa Moure en varias entrevistas. Os potenciais riscos son dous. Por un lado, un abuso lingüístico por non coincidir sempre o conxunto con cada unha das súas partes por separado. Por exemplo, eu non son un 'pai ou nai do alumnado', senón, neste caso, un 'pai dunha alumna'. Mais, desde o noso punto de vista, esta non é a desvantaxe máis grave, xa que, mentres a sociedade seguir a funcionar dentro destes parámetros bipolarizados e xerarquizados, existe o risco de se interpretaren as denotacións neutrais destes termos segundo as connotacións dos papeis tradicionais que lles adscribe a sociedade, polo que, en xeral, en inglés 'secretaries' son mulleres, mentres 'general secretaries' son homes, por moito que non exista unha marcaxe lingüística explícita que xustifique semellante lectura.
- Alteración disxuntiva: Aínda que poida parecer que no fundo coincide por momentos coas anteriores propostas, as formas que toma fan que se diferencie radicalmente delas no seu propósito. A alteración procura romper, desafiante, calquera comodidade ante a lingua mediante o manexo de elementos inhabituais como a arroba ou neoloxismos innovadores como 'feminario'. Mais unha vez, non pretende agradar, senón provocar. Así, para cando chegaren a parecer aceptábeis, cumpre volver a procurar novos mecanismos rompedores: 'todxs xs profesorxs', ou -por que non- combinado cun xenocentrismo intencionadamente rechamante e provocador, 'todAs As profesorAs', como en alemán 'LehrerInnen' ou no francés canadense máis radical 'étudiantEs'.  

Hai quen argumenta que estas estratexias mudan e alteran profundamente a lingua galega. É certo. Agora, o simples paso do oral á escrita tamén o fai, como, con máis forza aínda, a propia codificación escrita dunha lingua estándar. No entanto, a lingua galega, caso sexa realmente viva, está en permanente mutación. Pertence ao pobo galego no seu conxunto -e non só aos homes heterosexuais nacidos no país- e corresponde a quen a fale non só custodiala senón adaptala como lingua xenuinamente dinámica para se adecuar ás súas novas necesidades, sen que iso implique que deixe de ser 'galego'.

Como lingua de noso, o galego representa o que fomos e o que somos, mais tamén debe encarnar o que queremos ser.

[31-01-2012 08:10] Robert Neal Baxter comentou:

Ola Suso,
Hai outras fontes, mais pódese consultar o meu sitio na rede desde onde se poden descargar unha serie de artigos meus, algúns que tratan directamente a cuestión da linguaxe non androcentrica e non heteronormativista, xunto cuncha serie de apuntamentos e bibliografía para acompañar un curso de doutoramento qu ministrei sobre a ideoloxía na tradución onde tamén se fala maioritario desta cuestión:
http://sites.google.com/siteealsweb/useful-links
http://sites.google.com/siteealsweb/my-forms

[30-01-2012 18:54] Suso Moinhos comentou:

Neal, eu sempre emprego fórmulas de linguage nom-sexista ao redigir um texto própio; penso que já o tenho mui automatizado. Ao traduzir, no entanto, nem sempre é fácil introduzir as fórmulas que propós, por várias razões:

-Todas as soluções nom som enquadráveis no mesmo nível sinfásico da língua. Assi, na prática do dia-a-dia da traduçom, a inclusom e generalizaçom podem ser empregues num nível cuidado, mais a feminizaçom genérica ainda nom é aceite e a alteraçom disjuntiva,
polo seu carácter transgressor das normas gráficas, tampouco é utilizável nesse tipo de textos.

-A tradutora ou tradutor deve render contas à agência para a que trabalha, se a hai, ou, em último caso, à/ao cliente. O seu trabalho está sempre condicionado aos desejos destas, porque na verdade som quem pagam. Portanto nem sempre pode tratar o texto como quer.

Outro aspecto do que nom falache no artigo, se calhar por tentares dar umha visom mais esquemática, é o da prelaçom da forma feminina nos casos do emprego da inclusom. Quando incluímos a forma feminina, esta acostuma ir detrás: "Bos dias a todos e a todas". Colocar a forma feminina diante ("Bos dias a todas e a todos") ajuda a contrarrestar essa tendência e por riba coincide com a orde alfabética.

[30-01-2012 12:05] Teresa Moure comentou:

Como sempre, Neal Baxter proponnos unha reflexión profunda e ben actual. Pódese concordar ou non (eu concordo e sempre aprendo da lóxica das súas argumentacións) mais o certo é que para normalizarmos a nosa lingua, cómpre matinar sobre estas cuestións. Obrigada a Neal por introducir estes debates, pouco habituais en publicacións non especializadas, e tamén por me facer a honra desa cita.

[30-01-2012 11:04] Margarida C.S. comentou:

Parabéns polo artigo, e obrigada polo teu contributo, tan necesario nos tempos que corren.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña