08:56 Xoves, 20 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-03-2010

Cumpría insitirmos no combate contra os prexuízos como ferramenta útil para a normalización

Necesidade de reaxirmos contra a fabricación de novos preconceptos sobre o galego

Valorar (7)

XOSÉ RAMÓN FREIXEIRO MATO



O dano máis grande que está a facer o actual Goberno galego á nosa lingua é reactivar e realimentar os preconceptos lingüísticos secularmente existentes na Galiza e que estaban a empecer o proceso de normalización. O discurso dominante na sociedade galega, que contén os preconceptos en contra do idioma propio, foise conformando ao longo dos séculos, nun lento proceso de imposición e substitución lingüística que durou centos de anos. En consecuencia, mudar eses prexuízos tan longamente adquiridos implica grandes dificultades e tamén moito tempo, pois non se pode destecer nuns días o que se teceu en séculos. Xa dixera neste sentido Einstein que é máis doado romper un átomo que destruír un preconcepto.

A mellor estratexia para os combatermos será cuestionármonos ese discurso estabelecido e intentarmos modificalo mediante o coñecemento das causas en que asentan. Moitas destas serán de carácter histórico e nelas haberá que profundar; outras obedecen a factores máis achegados á actualidade. Podemos falar, así, de vellos prexuízos, como a vinculación do galego ao mundo rural e ao atraso, tamén aos ámbitos informais, e de novos prexuízos, aparecidos na transición democrática e no inicio do proceso de normalización, como a asociación do galego a un determinado perfil político ou o preconcepto da súa imposición social. Este último acaba de ser fabricado nos últimos tempos e está en pleno proceso de consolidación, coas consecuencias que agora estamos vendo, plasmadas nese rascuño de decreto de plurilingüismo no ensino non universitario que tanto dano vai causar á nosa lingua de o non conseguirmos evitar ou modificar substancialmente.

Como todos e todas nós estamos asistindo, en condición de testemuñas directas, ao nacemento deste novo preconcepto, podemos ver tamén con moita clareza como é que os preconceptos se fabrican. Nada importa a verdade nin a realidade dos feitos. Chega coa vontade de os crear e con medios poderosos para os pór en circulación. Non importa que fose o galego a lingua que secularmente foi obxecto de mil imposicións na súa contra e que aínda hoxe sexa o español o que está imposto no mundo empresarial, no comercio, nos xulgados, nas notarías, na Igrexa, no deporte, nas universidades etc. Abonda con que os altofalantes dos poderes dominantes, tamén secularmente, digan que hai imposición do galego para que esa imposición sexa 'percibida' como real.

A falsificación da realidade chega a tal extremo que mesmo desde a propia Xunta da Galiza se nos fixo acreditar en que nestes últimos anos o ensino non universitario estaba totalmente dominado polo galego, isto é, que nas aulas do ensino básico e medio esta era a lingua totalmente dominante, situación que co novo decreto este goberno seica vai reequilibrar. E de certo que haberá moita xente que hoxe estea realmente convencida de que nas escolas e institutos da Galiza apenas se fala español, cando a realidade é xustamente a contraria. Un recente estudo coordenado por Bieito Silva Valdivia conclúe que nas aulas de lingua galega do ensino secundario -remarco o de 'lingua galega'- fala galego co profesor ou profesora o 55% do alumnado e entre si o 23%. Isto nas aulas de lingua galega! Que acontecerá nas demais? Ben o sabemos. Mais a verdade non importa. Nisto precisamente se basean os preconceptos -conceptos previos ao coñecemento dos feitos-.

Tamén podemos ver como uns prexuízos van asociados a outros, a se demostrar desta forma que existe unha causa fundamental de fondo que non pode ser outra máis que o proceso de colonización política, cultural e lingüística levado a cabo no país desde fins da Idade Media. A ideoloxía do poder alleo imposto na Galiza desde entón foi xerando actitudes de desprezo do propio, mesmo autoodio, e perda da autoestima, creando estereótipos ("os galegofalantes son ignorantes, brutos etc.") e prexuízos que conduciron ao rexeitamento do galego e que crearon complexo de inferioridade entre persoas galegofalantes.

Na actualidade parecían terse reducido os prexuízos sobre o galego entre a xente nova, aínda que, de todas as formas, nalgún estudo máis ou menos recente do Consello da Cultura Galega se constata unha presenza importante destes nesa faixa etárea. Mais en certo modo isto resulta lóxico, porque na realidade a mocidade o que fai é reproducir os prexuízos que aprendeu da xente maior. Por iso cumpría insitirmos no combate contra os prexuízos como ferramenta útil para a normalización, xerando un contradiscurso capaz de combater os efectos daniños do discurso histórica e socialmente dominante. E nesa tarefa estabamos cando chegou este goberno e mandou parar. Xa non máis combate contra os preconceptos. Fabriquemos outros novos para terminar de vez coa 'imposición' do galego.

Esta falsaria manipulación da realidade nun tema tan sensíbel para as persoas na preservación da súa identidade individual e colectiva atenta contra os dereitos básicos e contra a propia dignidade humana. A aquelas persoas que non acaban de ver o problema lingüístico como un verdadeiro problema social habería que lles recordar que os dereitos lingüísticos tamén forman parte dos dereitos humanos e a súa violación afecta a dignidade das persoas. Unha persoa que é menosprezada por falar a súa lingua é unha persoa ferida na súa dignidade e privada desa dignidade que como ser humano lle corresponde. E o pobo que fala unha lingua que é obxecto de semellante trato é tamén un pobo privado do exercicio da súa dignidade colectiva. Por iso debemos recuperar o uso pleno da nosa lingua, sen prexuízos nin complexos, para desa forma recuperarmos tamén plenamente o exercicio da nosa dignidade individual e colectiva. Debemos, pois, combater con eficacia eses prexuízos, a profundarmos nas causas que os xeraron e procurando reverter o discurso social que os sustenta.

Evidentemente, loitar contra os prexuízos resulta difícil, como tamén o é manter a fidelidade ao idioma en contextos en que estes operan dunha forma máis eficaz. Aínda así, ao final sempre resulta gratificante sentir que un está a actuar de acordo coa súa conciencia, con lealdade ao país a que pertence e á memoria dos seus devanceiros, e que igualmente contribúe para a defensa dunha causa xusta que beneficia a humanidade, pois unha lingua é un patrimonio universal que fai o mundo máis culto e máis libre; tamén un sente que está contribuíndo para preservar o legado histórico recibido e que está a satisfacer a débeda coa terra en que naceu ou que o acolleu, cumprindo así co seu deber como galego ou galega de nación ou de adopción, para alén de se adherir solidariamente á causa dos socialmente máis desfavorecidos. Contra a fabricación e propagación de preconceptos sobre a nosa lingua debemos reaxir, pois, con firmeza e dignidade.


[07-06-2012 21:53] ricard gil comentou:

Lendo o ótimo artigo do professor Freixeiro, e o último( mais recente) publicado hoje em praza ,nom fago mais que decatarme que o que hai dous anos escreveu, vem lamentalvemente hoje a constatarse novamente http://praza.com/politica/1168/educacion-dixo-en-2009-que-o-galego-era-maioritario-nas-aulas-malia-detectar-o-contrario/

[01-04-2010 ] Maria Lúcia Dário comentou:

Foi-me muito didático, instrutivo e esclarecedor, este artigo.
Parabéns ao Professor Xosé R. Freixeiro Mato.
Maria Lúcia, do Brasil

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña