03:40 Venres, 03 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-01-2012

Corea do Norte é un bo síntoma do noso mundo «globalizado», precisamente por non estalo

Corea do Norte: rir na bicicleta

Valorar (59)

XURXO MARTIZ CRESPO



Corea do Norte é un bo síntoma do noso mundo «globalizado», precisamente por non estalo. A nosa visión «tarzanesca» (onde todo o mundo está para que nos obedeza) das relacións internacionais, simplista, manipulada e desexosa de ser manipulada fai que pouco ou nada saibamos sobre a verdade e mentira do que acontece en Corea do Norte.  

Corea do Norte non axuda a ese despexe de dúbidas e as insistentes imaxes dos media occidentais de traballadores coreanos con bata e tapabocas brancos non deixa de ser a principal mensaxe subliminal que fai medrar a idea de laboratorio de que o mal existe, reside en Corea do Norte e foi creado pola dinastía Kim.   

A propaganda antinorcoreana vai desde asegurar que o canibalismo(1) é a única fonte proteínica da poboación até asegurar que a produción de drogas e armas nucleares, e o seu tráfico, son as únicas posibilidades, para o estado norcoreano, de ingresar divisas.

Pero desde os lentes e os zapatos plataforma até o peiteado, pasando polos supostos haréns de actrices e o «secretismo» verbo a súa vida, Kim Jong-Il gaña na animadversión de todos os media occidentais.

As súas longas viaxes en tren, pois tiña pavor aos avións coma o seu pai Kim Il-Sung, fixo que naceran falsos contos coma o que aseguraba que na viaxe oficial que facía desde Pyongyang a Moscova, un helicóptero traía diariamente lagosta fresca ao presidente norcoreano. Aterraba na tundra rusa ou no teito do avión en marcha?(2) 

O escritor nicaraguano Sergio Ramírez describía(3) en El País o presidente Kim Jong-Il como un sátrapa que atesouraba milleiros de películas de «Hollywood» sen dicir que é un estudoso do cine, con varios libros escritos sobre o tema, e o fundador dos estudos estatais de filmación de Corea do Norte.

Tamén achegaba o seu grao de area o guerreiro Javier Solana(4), reafirmándose nos lugares comúns que conforman o reino de tebras norcoreano: «Pyongyang estaba deserta e escura e íase iluminando ao paso da caravana que nos conducía desde as casas de protocolo ao teatro da ópera, para volver á escuridade despois».

A escritora alemá Luise Rinser(5), ex-prisioneira dos nazis alemáns e ex-candidata á presidencia alemá en 1984, visitou un campo de prisioneiros norcoreano a comezos dos 80: «Aprendín algo novo hoxe: o confinamento illado non existe. A tortura está prohibida, tortura física en calquera caso, pero tamén a tortura mental. Non hai visitas prohibidas nin censura nas cartas, nin malleiras, nin humillacións. Pensei no meu tempo na cadea con Hitler, e tamén na xente na cadea na Alemaña actual. Pensei nos membros do RAF(6) en Stammheim. E na prensa occidental, todo o que oímos é sobre a escura ditadura en Corea do Norte».
 
Rir na bicicleta ou chorar no BMW?

Chorar no BMW foi a escolla da moza chinesa ante o seu mozo obreiro e traballador na nova China consumista nunha popular telenovela. Occidente maquillou a bicicleta norcoreana ao seu gusto, a falta de BMW, e pretende medir todo do mesmo xeito.

«Se queres medir algo completamente novo, usa unha vara de medir nova» Kim Jong-Il.  

1. Hyok Kang, Ihr seid hier im Paradis: Meine kindheit in Nordkorea, Munich: Goldmann Verlag, 2005, páx. 137.
2. Christian Kracht, Eva Munz, Lukas Nikol, The Ministry of Truth. Kim Jong-Il's North Korea, Feral House, Los Amgeles, 2007.
3. Sergio Ramírez, El Líder Supremo sube a los cielos
4. Javier Solana, El norte y otros asuntos de geoestrategia,
5. Luise Rinser, Nordkoreanisches Reisentagenbuch, Frankfurt am Main: Fisher Taschenbuch Verlag. 1983, páxina 156.
6. Rote Armee Fraktion (Facción do Exército Vermello) movemento armado alemán coñecido polos apelidos dos seus líderes Baader-Meinhof, que foron asasinados polo Estado na cadea de Stammheim.


____________
Cando estou escribindo este artigo avísanme de que o compañeiro Xosé Manuel López Trelles, responsábel local do BNG na República Bolivariana de Venezuela, pasa polo momento máis difícil da súa vida. A finais de decembro de 2011 sufriu un ataque cardiovascular (ACV) e desde esa data está inconsciente, en coma asistido, no Hospital de Clínicas Caracas, agardando a que o seu cadro clínico mellore para poder ser operado dun coágulo cerebral. Quero aproveitar -co voso permiso- este espazo para desexar que a boa sorte axude a este gran compañeiro a saír desta fenda que o destino puxo no seu camiño.
____________

1 2 3 4 seguinte

[30-03-2013 14:59] xavirr comentou:

KIMJONGILIA: North Korea Prison Camps Documentary
http://www.youtube.com/watch?v=NxAnwDXDurs

home eu que sei, esa muller que lle mataron toda a familia non ten pinta de ser unha actriz, non vou decir que o documental sexa moi bo pero home, defender a Corea do Norte me parece defender o indefendible.

[30-01-2012 01:45] Uxía comentou:

Na democracia burguesa podes crear un partido contra a sucesión da monarquía ou contra a monarquía mesma. Vai ti pra Corea e fai o mesmo alí respecto á dinastía Kim. Logo volve e cóntanos a experiencia.

[23-01-2012 21:10] Francisco Xabier comentou:

Non, non son o de Aguiño, Sopinstant. De calquera xeito, saúdos igualmente (desde Pías-Ponteareas)

[23-01-2012 14:31] Chita comentou:

Xurxo Martin non respeta a Tarzan meu amigo a quen considera un pelele moi mal Xurxo un respeto por tarzan dos mikos.

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña