23:32 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-01-2012

Os dominios da estupidez son tan amplos, abranguen tantos quilómetros de agónica existencia, que a tarefa faise moi dura

Apuntamentos sobre a estupidez

Valorar (12)

ROSA ENRIQUEZ



Hai frases que sorprenden pola contundencia aparente e poden, grazas á impresión de solidez que transmiten, convencernos de algo que non tiñamos moi claro ou descoñeciamos. Un exemplo disto témolo nesa afirmación tan estendida a propósito da liberdade, "Son libre porque podo elixir" ou nesoutra: "Todo é opinábel".

A verdade, é que se fai curioso todo isto das frases lapidarias, pois, en certa maneira, posúen un "carácter finalizador" na medida en que  conclúen calquera debate. Así é que a pregunta que nos facemos, en principio, é a seguinte: se todo é opinábel, para que discutir? Se for para obter algunha conclusión, non paga moito a pena, dada a multiplicidade de visións. Daquela, sería mellor preguntarse porque discutir, entendendo a discusión como un proceso que, dependendo das persoas, pode causar un pracer en si mesmo, sen máis? Nunca se sabe, sobre todo se pensamos nesa tendencia á relativización constante que, continuamente, emprega o verbo "depende" para deixar claro que é o punto de vista o que determina o devandito carácter opinábel dun aspecto da realidade concreto. E que hai de malo en relativizar, poderán preguntarse moitas persoas? Pois, en principio, parece que nada, mais, de o meditarmos con maior profundidade, talvez descubramos que, se a orixe desa relativización non é sempre a procura da perspectiva, mais o interese propio e a comodidade que supón moverse nas areas movedizas nas que o conflito se oculta, pode ser que si, que vexamos algo pouco construtivo nesa tendencia relativista. Se ademais disto temos conta de que a capacidade de observación varía dependendo do suxeito, a cousa se complica.

Pensemos entón, por un intre, en dous suxeitos posíbeis, "A"e "B". Imaxinemos que "A" é un adulto adicto ao lixo televisivo que le, asiduamente, revistas do corazón e "B" un lector de prensa alternativa que procura unha información diferente. Unha vez imaxinados, preguntémonos até que punto a opinión destas persoas é resultado dunha análise propia ou dunha influencia dos medios. Están ambas opinións igual de condicionadas? Até que punto "A" é un mero ventríloquo que reproduce pensamentos alleos e "B" un adulto con criterio? Se é obvio que "A" e "B" posúen un coñecemento da realidade moi distinto, a capacidade de seu para opinar será diferente tamén..

O carácter xenuino dun punto de vista non é sempre consecuencia de sermos individuos separados e, moi importante, o seu valor varía en función dos datos que posúa quen expresa a opinión. Seguramente, por esa razón, sempre procuramos dar con persoas expertas nunha materia dada para coñecer o seu parecer ao respecto do que sucede.

Así é que, se o que pretendemos é falar, por exemplo, da globalización, e das súas consecuencias, preguntaremos, entre outros, a Jose Luís Sampedro (Barcelona, 1917) ou a Xosé Manuel Beiras (Santiago de Compostela, 1936). E porque o facemos? Pois simplemente porque consideramos que saben sobre ese tema e poden ilustrarnos. Daquela, entendemos que se valora o devandito "coñecemento" polos estudos realizados, tamén pola práctica, política neste caso, e, moi importante, pola veteranía. Iso de que máis sabe o diaño por vello que por diaño, parece cumprirse bastante máis do que cremos.

Así é que, nisto de opinar sobre "o opinábel", ocórresenos que a prudencia nunca está de máis. Isto non se ten moito en conta, pois, en ocasións, os/as "opinadores/as do mundo opinábel", a asocian con "inhibición" e, xa que logo, coa falta de liberdade, o que non deixa de ser curioso.

Entendemos que, no vasto territorio ocupado pola estupidez, potenciada dende certos medios de comunicación, existe, como ben dicía Adorno, unha estraña "felicidade decretada", non natural e neurótica que permite un entusiasmo de deseño que non se sustenta nas ideas de xustiza social, mais no consumo de desprazamentos turísticos, no percorrido de restaurantes ou ben na lectura de libros de autoaxuda, ou tamén, de novelas urbanas liquidísimas que rematamos de ler nun "pispás". Sen complicación algunha.

Nesta sociedade do profundo "malestar oculto", a idiotez convive moi a gusto coa relativización, amparada, claro está, nese pretendido "punto de vista" que, lonxe de garantir a diversidade de opinións, o que fai é homoxeneizarse nun punto negro enorme: o doce e submiso pensamento único que confunde temeridade con afouteza, covardía con prudencia, relativización con lixeireza, sensiblería con sensibilidade e comercio con arte. Son os temerarios, as covardes, os lixeiros, as comerciantas e  sensibleiros os que falan de democracia? Pois si.

E como a liberdade de expresión é un dereito consubstancial a toda sociedade democrática, este "club demócrata de voraces opinadores" consume tamén este dereito, trágao como traga a sopa. Igual. Nunca se pregunta nada. Precisamente por iso cremos que a democracia ten rasgos totalitarios propiciados por certos medios de comunicación que se cren libres de confundir a unha sociedade enteira difundindo a falsa idea de que valemos todos/as para todo.

Entón, chegados a este punto, a pregunta non se fai esperar. Existe algún punto fixo que poida servirnos de base para construír esa liberdade que, realmente, non temos? Se a realidade é mutábel, cal pode ser entón o nexo que permita achegarnos a unha fracción mínima da "verdade útil", entendida así na medida en que pode dar lugar a un mundo mellor?

Sinceramente, os dominios da estupidez son tan amplos, abranguen tantos quilómetros de agónica existencia, que a tarefa faise moi dura, pois permite a existencia dunha caste social bastante nociva, a "listocracia", constituída por un amplo grupo de astutos/as que, con gusto, adaptan a idea da liberdade aos seus intereses de dominio da masa opinadora e de enriquecemento económico propio. Porén, aquí, neste mundo absurdo e violento, como "podemos elixir", "e opinar", somos libres. Así é que, onde está o problema? Co bonito que é iso de sermos libres!

A día de hoxe, o problema esencial da idea da liberdade é que xa nin como idea existe. Dicimos isto porque pensamos que sempre foi, en tanto que utópica, máis que unha realidade, unha tendencia, algo que está sempre lonxe, difícil de acadar, mais certamente suxerente, na medida en que dispensa a posibilidade de vivir con entusiasmo para avanzar. "A utopía -dicía Anatole France- é o principio de todo progreso e o deseño dun futuro mellor". Nós, ao crer que a temos, perdémola. Foise con vento, levando tras do seu manto o estímulo, esa vibración constante inherente ao ser social, agora xa unicamente avatar, na medida en que é "teledirixido" e tan só escolle entre aquelas opcións que o sistema lle permite. Mais como o caso é escoller, o número de opcións non parece relevante, pois non preocupa en absoluto na medida en que non ocupa o tempo das cabezas opinadoras.

A reflexión ao respecto da falsa concepción da liberdade que se asocia á elección, cando o seu verdadeiro berce non é outro que o coñecemento, faise urxente.

Ao respecto de todo o que se apuntou aquí, parécenos moi acaída a frase de José Luís Sampedro sobre a fraude na que vivimos: "Se confunde a la gente ofreciéndole libertad de expresión al tiempo que se le escamotea la libertad de pensamiento.".

Pola mesma razón, consideramos pertinente estoutra reflexión de Adorno: "De la desgana de pensar resulta automáticamente la incapacidad de pensar (...) El pensamiento que trasciende tiene más radicalmente en cuenta su propia insuficiencia que el pensamiento dirigido por el aparato de control"

Ignorancia e temeridade son compañeiras de viaxe. Deberiamos pensar con máis interese nisto.


[18-01-2012 09:07] Xosé Antón comentou:

Se o Sistema non tivera case-TODO baixo o seu control non faría o que está a facer HOXENDÍA. Cre que xa non debe gardar nin as formas e amósase intolerante e implacábel, sen miramentos nin disimulos: ELES MANDAN, E NÓS TEMOS QUE OBECER OU TRAGAR. O seu control político, económico e social son abafantes; a ética e os valores revolucionarios e libertarios non existen para eles: nin liberdade, nin igualdade, nin fraternidade. Por iso é urxente e necesario constituir unha alternativa política forte e coherente na que poda confiar o pobo galego e a clase traballadora.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña