08:13 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-01-2012

A idea non é que o neno xogue con monecas e a nena con coches para superar o estereotipo tradicional, senón que se trata de que as nenas e os nenos usen indistintamente os xoguetes

Xoguetes rosas ou azuis?

Valorar (33)

LUÍSA GONZÁLEZ RODRÍGUEZ



Remataron estas datas festivas, cuns significados impostos pola tradición cristiá.E chegado este momento, sempre me pregunto, por qué só hai reis magos e non hai raíñas magas, ou unha Apalpadora en Galiza, unha Olentzera(Euskadi), Tía de Nadal(Cataluña)... Isto é casualidade, ou responde máis ben ao illamento secular e falta de visibilidade das mulleres, neste caso como agasalladoras de soños, de ilusións... Ou será porque sendo unha meniña, chegou as miñas mans o conto de Gloria Fuertes " As tres raíñas magas: Melchora, Gaspara e Baltasara", ou será porque xa estamos as feministas dándolle a volta a todo e vendo pantasmas onde non os hai. As tradicións teñen mudado, e hai historiadores (Pepe Rodríguez no seu libro "Mitos e Tradicións do Nadal) que afirman que o rei mago negro xurde tardiamente, pero sen embargo non se incorporou unha muller á tríade de reis Magos para resultar máis acorde cos novos tempos.

Pero realmente o que máis me preocupa e aterra destas datas, é o que transmitimos cos agasallos que estes personaxes nos deixan. Monecas ás que se pode maquear para estar guapas para eles, bebés que vomitan, fan as súas necesidades e din "mamá". Ou a novidade deste Nadal, "You & Me Interactive Triplets" comercializadas en Toys'R Us e que di algo así como: "Eh, tú, puta loca". Produtos que se venden revestidos de rosa, como si foran inofensivos, e en realidade, provocan unha vez máis condutas e roles sexistas. Nin sequera os xoguetes máis modernos se libran. As consolas, cando se ofertan para nenas, son rosas, e os xogos sobre futuras profesións reproducen unha vez máis os roles: mulleres enfermeiras ou profesoras. A diversidade cultural tampouco aparece representada. Seguimos ancorados en estereotipos clásicos. E a publicidade é demoledora. Os catálogos xa veñen divididos a metade, en cor rosa os xoguetes dirixidos á nenas e en azul as páxinas adicadas aos xoguetes supostamente para utilizar os nenos.

E isto non é un feito illado. Moitas familias progresistas déixanse levar por este tipo de mensaxes, chegando a insinuar nalgunha ocasión que cree que é unha característica xenética, xa que ás nenas gústalles máis o rosa e as monecas. Non é certo.

E por que a elección de xoguetes para as nosas crianzas é tan importante?? A construción da identidade de xénero supón un longo camiño que comeza o seu percorrido desde o nacemento ou incluso antes, xa que hoxendía os proxenitores poden coñecer antes do parto o sexo do seu bebé, creándose desde este momento unhas predisposicións diferenciadas. As persoas adultas que rodean ao/á recen nacido/a asignanlle un dos dous sexos, excluíndoo do outro. Desde este momento as expectativas e as explicacións sobre o comportamento do pequeno serán distintas.

As nenas son descritas e tratadas como "máis suaves, máis pequenas, de rasgos máis delicados, máis distraídas" mentres que dos nenos dise" máis fortes, máis duros, cunha mellor coordinación, máis robustos, de rasgos máis bastos", sobre todo por parte dos proxenitores masculinos, aínda que ambos amosan un acordo na mesma dirección diferencial. De aí que as investigación realizadas neste ámbito apoien a hipótese de que as expectativas das persoas adultas determinan diferencialmente as interaccións con bebés. De feito, neste tipo de estudos cando se pregunta, "que crees que fará este bebé cando cumpra os vinte cinco anos?", hai dificultades para respondela cando se descoñece o sexo da crianza.

Desde que nace, hai feitos que sen darnos conta van marcando ou definindo como debe ser esa persoa. Tanto a nai, o pai como familiares máis próximos encargados da crianza do bebé, inflúen na súa vida na dirección marcada polos estereotipos sexuais, de modo que o peiteado, a cor da roupa, a decoración do seu cuarto, e os xoguetes son distintos e adaptados ás crenzas sociais sobre o xénero. As diferencias comportamentais atopadas  antes dos dous anos de vida son mínimas, e son consecuencia dos axentes socializadores. Só a partir desa idade os individuos comezan a amosar diferencias de xogo e preferencias de actividade diferenciadas. Os xoguetes dos varóns reproducen os ámbitos de interese masculinos, coches, xoguetes electrónicos que promoven a competitividade, superhéroes fortes e agresivos.... As nenas pola contra, rodéanse de monecas que representan persoas ou animais aos que poder coidar, xoguetes relacionados coa esfera doméstica (prancha, cociña,,,) ou a beleza. É convinte reflexionar sobre o feito de que a miúdo, o proceso de construción é tan sutilmente desenvolto polos axentes de socialización (familia, escola, iguais, medios de comunicación...) que lévanos a crer que se trata dun proceso natural. Os comportamentos alternativos que expresan certa resistencia ao prescrito para un xénero son dalgún modo penalizados.
 
Como explica Vygotski nun capítulo adicado ao xogo no seu libro clásico  Os  Procesos Psicolóxicos Superiores, non existe xogo sen regras. " A situación imaxinaria de calquer tipo contén, xa en si certas regras de conduta, aínda que estas non se formulen explicitamente nin por adiantado (1979, p. 144) O xogo imita á vida. Os esquemas de xénero que se desenvolven son froito das experiencias sociais nas que se reforzan as condutas socialmente aceptadas e se castigan, ou non se reforzan as condutas desaprobadas. Un sorriso ou un lixeiro xesto bastan en moitos casos para modificar os comportamentos. Por exemplo, cando un neno pinta os seus beizos ou xoga cun corrícoche, un xesto de desaprobación pode ser determinante para entender que a súa conduta non é a apropiada. A medida que isto ocorre os nenos e nenas van desenvolvendo as súas propias construcións mentais do que debe ser ou facer un mozo ou unha moza e do que non debe ser ou facer.

Xoguetes rosas ou azuis??? Os xoguetes non teñen  xénero. Non se trata de impór un xoguete ou de prohibilo. O importante é ofertarlles novos patróns e modelos de relación entre xéneros, xa que o problema radica en considerar espontáneo ou innato a algo que é aprendido. A idea non é que o neno xogue con monecas e a nena con coches para superar o estereotipo tradicional, senón que se trata de que as/os nenas/os usen indistintamente os xoguetes. 

Os nenos e nenas deben compartir xogos e roles desde idades temperás para ir mudando as pautas sociais ás que estamos habituados. Hai que rachar con eses esterotipos dunha vez para que a igualdade vaia prendendo e calando xa na sociedade. E por iso, é moi importante o papel das familias. Porque eu non creo e non quero que os nenos, os homes do futuro sigan a cantar "es mi vida no quiero cambiar, los chicos no lloran, tienen que pelear"...


1 2 seguinte

[11-01-2012 22:22] Alobrix comentou:

É interesante o que recolhes no teu comentário Hadrián. Porém, o meu objectivo nom era tomar postura senom indicar à autora do artigo que nom fai falta negar as diferenças entre homes ou mulheres - biológicas ou construídas socialmente- para defender umha postura feminista que busque a igualdade de trato. As diferenças biológicas( e cerebrais) existem entre sexos, grupos e indivíduos, o que nom justifica que se tomem como coarctada de políticas sexistas, discriminatórias e antissociais, senom todo o contrário. Simplesmente, nom fai falta negar a ciência para ser feminista.

[11-01-2012 20:56] maria comentou:

O traballo de Kanazawa parece caer nun esencialismo bioloxicista carente de calquera ápice de relatividade cultural. Que un mono ou unha mona prefira un ou outro xoguete non significa que todas as monas e monos do mundo (e das especies) o vaian preferir. Do mesmo xeito, que haxe un neno que prefira un camión e unha nena que prefira unha boneca (abofé que pode pasar! e está ben que pase, como di a autora deste artigo) non significa que iso se lle "induza" ou "impoña" (mediante a reprobación social) a quen non teña a mesma preferencia. E se a isto engadimos a perspectiva cultural, e vemos como todo isto opera de forma distina en distintas culturas (por non dicir especies), temos que a compoñente sociocultural é abrumadora. Non é o mesmo ser nena en Angola que na China, nin ser neno en Galiza que en Uruguai. Por certo, e volvendo ao mono, que lle dea unha boneca vestida de azul á mona e e un camión rosa ao mono. Ben, se cadra créalle unha depresión ao pobre animal..

E, por último, a pregunta do final está pesimamente formulada. Se existen mais universitarias na USC que universitarios non é porque os homes estean discriminados no bacharelato, senón porque homes e mulleres poden escoller LIBREMENTE que queren facer coas vidas. Tampouco por haber máis mulleres ca homes na profesión da enfermaría se vai considerar que os homes están discriminados; lonxe diso, o que se busca é que unhas ou outros poidan elixir a súa carreira profesional. Claro, que tampouco debe pasar desapercibido o axiño que se masculinizan os nomes das profesións antes (e aínda agora) feminizadas en canto se incorporan catro tíos, e de aí que xa se fale de "enfermeiros" nun pé de foto no que todas son mulleres...
Magnífico artigo de Luísa González

[11-01-2012 18:46] hadrian comentou:

Ía felicitar á Luisa polo artigo e comentarlle un detalle simpático duns amigos que nos regalaron unha bañeira rosa para o noso fillo que eles non estrenaron "por si salía rarito".
Pero leído o comentario de Alobrix, deume por ler o artigo enlazado ... e mimadriña menudos referentes!
O autor do blog enlazado, conta entre os seus artigos un de "Porque as mulleres negras son menos atractivas físicamente que as outras mulleres?" (autocensurado posteriormente) ou "Son todas as mulleres esencialmente prostitutas?". Está completamente cuestionado dentro da comunidade científica pola sua práctica que tende a seleccionar previamente os datos que afirmen as conclusións ás que pretendia chegar. Incluso cos mesmo conxunto de datos outros autores chegaron a conclusións contrarias, sendo limpos no análise e ponderación dos mesmos.

Aquí o enlace ao artigo autocensurado, o resto podese ler desde o enlace que proporciona Alobrix
http://tishushu.tumblr.com/post/5548905092/here-is-the-psychology-today-article-by-kanazawa

[11-01-2012 15:09] Alobrix comentou:

Desde logo que muitas das diferenças entre homes e mulheres respostam a umha " construçom social do género" que durante milénios tivo afastada às mulheres dos lugares sociais do poder. Mas nem todo isso serve para justificar certas cousas. Nom todo no ser humano é biologia, mas nom todo é tampouco cultura:
http://www.psychologytoday.com/blog/the-scientific-fundamentalist/200804/why-do-boys-and-girls-prefer-different-toys

Existem mais universitárias na USC que universitários, estám os homes discriminados no bacharelato? Acho que nom.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña