22:48 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-01-2012

Este órgano traballou dunha maneira autónoma como se fose o goberno dun país

A Xunta Independente de Galiza: 1808

Valorar (27)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Recentemente varios conselleiros da  actual Xunta de Galiza abandonaron os seus cargos para atender a chamada recibida de Madrid, deixando os seus cargos no país para desempeñar outros en Madrid. Responde esta actitude ao sentimento de inferioridade que padecen algúns membros dos partidos centralistas, para quen, ser máis en Galiza ten moita menos importancia que ser menos en Madrid.

Esta actitude foi a habitual  ao longo da historia, tanto da Xunta, como das diversas administracións galegas (véxase provinciais ou locais). Máis houbo un tempo, en concreto o ano 1808, no que non foi así.

Non se animen os lectores emocionados co título deste artigo nin se exciten os críticos. Non quixen dicir co enunciado que a Xunta dese ano buscase a independencia de Galiza do resto do estado español, non era iso o que pretendían, pero si podemos afirmar que a Xunta de Goberno, constituída no ano 1808 na cidade da Coruña, actuou dunha maneira propia e allea ás ordes recibidas de Madrid e con total independencia do resto do estado español.

A chegada das tropas francesas ao territorio español provocará unha serie de transformacións no campo militar (estalido da mal chamada Guerra de Independencia), na sociedade e no campo da política. Estes últimos teñen a súa orixe no encarceramento da familia real, situación, xunto co non recoñecemento nin do goberno de Godoy nin do instaurado por Napoleón, que  provoca no territorio español un sentimento de ausencia de poder. Ao non haber nin rei, nin ministros os concellos das grandes vilas buscan a creación de novos órganos de poder autónomos, aparecen así as xuntas locais.

Non imos entrar agora na discusión sobre si a primeira en constituírse foi a de Santiago ou a da Coruña (a primeira afírmase que foi creada na noite do 30 e a segunda na mañá do 31 de maio), porque o importante é que trala constitución destas dúas xuntas locais no resto do noso país empezaron a aparecer outras, podendo chegar a afirmar que foron moi poucos os concellos que non tiveron a súa.

Inmediatamente despois da aparición destes novos órganos de poder, eles mesmos, déronse de conta da necesidade dun órgano superior, que abarcase todo o territorio galego. O día 31 o presidente da xunta da Coruña (Francisco de Biedma) convoca Cortes Xerais en Galiza, ás que deben mandar cada cidade con representación nas Xuntas do Reino un deputado.

O día 5 de xuño, escasamente un mes despois do alzamento do pobo de Madrid, en Galiza xa existía un novo órgano de poder que actuaba con total independencia do resto do estado español.

A recén nada Xunta Superior de Galiza declárase autónoma do resto do estado español e dos seus poderes, afirmando que en ausencia do rei Fernando VII, a soberanía recaía no pobo e nos seus representantes, é dicir en eles mesmos.

Nun dos primeiros comunicados emitidos por ela ordénase, ao resto das cidades galegas, que non acaten as ordes recibidas de Madrid, sendo as emanadas da Xunta Superior as únicas válidas.

Verdadeiramente este órgano traballou dunha maneira autónoma e independente, como se fose o goberno dun país. Así será ela a encargada de levar a cabo levas obrigatorias e promover o alistamento voluntario, chegando a prometer-la liberdade a tódolos desertores que estivesen presos, sempre e cando se reincorporasen ao exército, algo que soamente pode pensar en facer un goberno cun poder total sobre o exército e a xustiza.

No campo da economía e facenda, a nova Xunta (de igual maneira que o actual goberno español) preferiu non castigar ás crases privilexiadas ou clero, centrando a súa actuación no cobro dos impostos tradicionais (que dende sempre descansaban no pobo), na incautación dos bens requisados aos fuxidos e persoas acusadas de ser afrancesadas e sobre todo na xestión dos fondos procedentes das doazóns.

Realmente o campo no que a Xunta se comportou coma o goberno dun estado independente foi no apartado da política internacional. Remitirá a Portugal, en guerra cos franceses nese momento, un enviado co fin de conseguir un pacto de axuda mutua entre España e Portugal. Resulta curioso deste documento que vincule á tódalas forzas do estado español sendo, como foi, un pacto entre  Portugal e Galiza, como representante de todo o estado español.

Outro país co que se manteñen contactos será Inglaterra, á que se remiten dous embaixadores, recaendo este cargo en don Xaquín Freire de Andrade e don Francisco Bermúez de Castro. Nas súas credenciais podemos ler: "O reino de Galicia congregado na cidade da Coruña por medio dos seus representantes ten resumida en si a soberanía e toda a autoridade suprema do seu rei, don Fernando VII, pola súa ausencia e detención en Francia". Lendo isto temos moi claro que a Xunta Superior de Galiza víase como a depositaria da soberanía nacional mentres o rei estivese ausente.

Estes embaixadores conseguiron apoio militar e económico de Inglaterra así como que se  facilitase o traslado das tropas do Marqués de la Romana, asentadas en Dinamarca, e a liberdade de tódolos presos de guerra españois e galegos recluídos en cárceres inglesas.

Para que quedase claro, diáfano, que cando Inglaterra  trataba con Galiza a consideraba como a única representante do poder perdido de España, envía ao noso país ao seu embaixador, sir Charles Stuart.

No mes de xaneiro de 1809, a chegada das tropas francesas ao territorio galego dará ao traste con esta Xunta independente de Galiza e o nos país deixará de xogar o papel destacado que xogara no ámbito do estado español.

Nunca máis tivemos outra Xunta tan independente como a do ano de 1808. O día 17 de decembro de 1809 créase  unha nova Xunta Superior de Subsidios en Galiza, pero esta nova Xunta estaba sometida a outra Central, fora de Galiza, non representaba ao noso país ante outros países nin se proclamou nunca soberana.

O profesor Barreiro Fernández, comparando a Xunta de 1808 ca de 1809 di: "Aquela (1808) era unha Xunta que se proclamaba soberana e que exerceu a soberanía; esta (1809) era unha simple delegación da Central", algo que nos resulta moi coñecido.


[12-01-2012 17:46] kop comentou:

Nom vá..
A ver assim: http://www.marxists.org/archive/marx/works/1854evolutionary-spain/index.htm

obrigado alobrix

[11-01-2012 14:56] alobrix comentou:

Desculpai, vai a ligaçom boa:

http://www.marxists.org/archive/marx/works/1854evolutionary-spain/ch04.htm

[11-01-2012 03:42] Alobrix comentou:

Um parente meu - Karl Marx- cria polo contrário que as Juntas Galegas tinham adoptado medidas revolucionárias para a época. Dá mágua que muitos dos que se se consideram Nacionalistas de esquerdas nem sequer conheçam o que Marx escreveu sobre a nossa História Nacional.

http://www.marxists.org/archive/marx/works/1854evolutionary-spain/ch04.htm


Aliás, os representantes nacionais falavam do Reino Galego e de Soberania( Realm of Galicia) como se pode comprovar polos registos parlamentares británicos:

http://books.google.es/books?id=QQoSAAAAYAAJ&pg=PA219&dq=realm+of+galicia++++house+of+commons&hl=es&sa=X&ei=hPUMT-DNMIKxhAf29uDKBA&ved=0CDYQ6AEwAA#v=onepage&q&f=false

Temos passado, o futuro é a República Galega.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña