02:03 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-01-2012

A Xunta consolida o proceso de fundición da lingua e da cultura galegas co novo organigrama de goberno e "premia" a Anxo Lorenzo polo seu exitoso labor de demolición

A cultura está de loito, e non (só) pola perda de Isaac

Valorar (31)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA



Confésolles que ando un tanto despistado. Será cousa de non ter dixerido ben as enchentas gastronómicas do Nadal -que en realidade tampouco foron tantas-, de andar a arrastrar os efectos da enésima doenza no ano que acabou (agardemos que, xa que cartos non, 2012 traia saúde) ou de que a voráxine consumista destes días deixa a un a cabeza atoldada.

Ando despistado, dicíalles, porque por máis que leo e releo, miro e comprobo e volto a ler, non dei atopado aínda valoracións positivas que expliquen o nomeamento de Anxo Lorenzo como novo secretario xeral da recén refundida Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, disque, responsábel directo da política cultural no novo organigrama que nos trouxeron o Apalpador e os Reis Magos. Sinceramente, eu cando menos, por preferir, prefería unha presada de castañas ben quentiñas desas que din que trae o xigante do Courel ou unhas pedras de carbón doce das que nos traían os de Oriente cando cativos, aínda que a final fose só como brincadeira agochando os agasallos de verdade.

Falaba de refundición das consellarías de Cultura e de Educación e penso que fago ben, pois supoño que coñecerán a expresión coloquial: estar fundido (ou afundido) na miseria. Este verbo fundir tamén se emprega, por exemplo, para denominar a acción de derreter o queixo (moi na moda agora) e mesmo na Coruña tamén o adoitamos empregar informalmente (descoñezo se en máis zonas) para dicir que alguén acabou con todo o seu capital. No fondo, a refundición dos departamentos autonómicos so a batuta de Jesús Vázquez Abad co seu anxo leal de segundo de abordo -organigrama que nos retrotrae a cando a autonomía andaba aínda en cueiros - está razoabelmente sincronizada co propio labor de fundición desenvolvido previamente en postos ben destacados do consello de dirección de Demolicións Feijóo - Construcciones y Contratas polos seus respectivos responsábeis: Vázquez Abad, que vira de conselleiro en superconselleiro (e tíralle do ar!); Roberto Varela, que marcha do posto co mesmo aquel de dromedario nun iglú co que chegou; e o inefábel Anxo Lorenzo, que ascende na escala evolutivo-gobernamental con aquela mesma lóxica coa que ascendera o Don Celidonio de Vicente Risco cando chegara a alcalde. Xa me entenden.

A folla de servizos do señor Lorenzo Suárez para chegar a tan elevado posto da nomenklatura fejooniana confésolles que me ten admiradísimo. En realidade, coido que case ninguén reparáramos ao principio cando el mesmo nos advertira, en entrevista a algún medio, que el agora xa non era sociolingüista, senón ex sociolingüista. Con aquela advertencia quería dicirnos, en realidade, que todo o que el investigara, escribira, pensara e opinara sobre a lingua con anterioridade ao seu nomeamento xa non valía. Pobriño, non o soubemos entender e seguimos berrando nas manifestacións aínda durante un tempo máis aquilo de "Anxo, vendido, aplica os teus artigos", a pesar de que el xa tratara de desfacer o noso engano.

Que non atopase na imprensa ou na rede mostras de entusiasmo desmedido nos sectores atinxidos pola refundición de consellarías ou polo nomeamento de Anxo Lorenzo como Secretario Xeral de Cultura non significa que non dese con múltiplas voces de preocupación, desde as cautelosas e institucionais ás máis independentes e combativas, que non amosasen a súa preocupación, intranquilidade, turbación ou desacougo. Refírome, naturalmente, a axentes e personalidades de recoñecida traxectoria persoal, profesional ou académica e comprometidas con Galiza que saben do valioso capital que é a nosa Cultura, con maiúscula. Non me refiro, por suposto, a aqueles outros -que tamén os hai -para os que a cultura galega é un simple adubío folclórico para os días de festa, tan prescindíbel como incómodo e mesmo detestábel cando soborda os marcos estabelecidos. Eses ou ben viron ben a noticia da refundición, ou ben pasaron a páxina do xornal ou, o que é probábel, rosmaron porque Alberto los traicionó otra vez ao non suprimir de vez consellarías tan ofensivas e innecesarias.  A estes últimos recoméndolles paciencia e optimismo: xa foi suprimida a Dirección Xeral do Libro. Por algo se empeza!

Sepultura de Isaac Díaz Pardo en Boisaca (Santiago) o venres 6 de xaneiro de 2012


Os mesmos medios amigos da pax feijooniana que gababan hai uns días (tan falaz como descaradamente) a figura de Anxo Lorenzo -nada menos que considerándoo unha persoa dialogante! -e non daban palabra sobre os seus éxitos na empresa de fundición da lingua galega ao longo dos últimos dous anos e medio son os que titulan hoxe, entre prantos farisaicos, que coa perda de Isaac Díaz Pardo Galiza perde un dos seus máis senlleiros fillos. A que é evidente é a sensación de orfandade da nosa cultura, e non só porque se nos fose o xigante de corpo pequecho que creou a base de semente de soños o xardín fermoso do Laboratorio de Formas de Sargadelos, de cuxo maxín surxiu toda unha maneira nova de concibir e (re)vivir Galiza e de a (re)descubrir para tanta xente.

Teño para min -non sei se é sensación persoal ou partillada- que onte en Bonaval a xente -a comezar polo Avelino e a Antía -non soamente estaba a velar o corpo do Isaac, senón o símbolo que Díaz Pardo converteu en vida a través da súa propia vida, e que agora parece seriamente ameazado pola man gobernativa dos mesmos que onte non tiveron reparo ningún en iren facer a foto de rigor en séquito de a ducias, tan innecesario e desconsiderado como grotesco.

Non estou entre quen onte se achegou ao Museo do Pobo ou a Boisaca para despedir Isaac, e non porque non merecese ser despedido. É moi probábel que me achegue tranquilamente, dando un paseo, até as Cerámicas do Castro en Sada, nunha visita máis a aquela fábrica de soños materiais das moitas que xa fixen e das moitas que aínda están por vir. Desexarei con todas as miñas forzas, polo camiño, que oxalá a Anxo Lorenzo non lle dea por definirse no seu novo posto como un ex técnico cultural, sabendo o que signficou para o galego que nos gobernase un ex sociolingüista.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña