06:03 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-01-2012

Camiñamos cara o empobrecemento xeralizado de amplas capas da sociedade nun contexto de retallamentos enormes nos dereitos a prestacións sociais

Pobres de solemnidade

Valorar (8)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Con esta expresión se alcumaba, na Galiza do Antigo Réxime, aquela parte da poboación que morría na absoluta indixencia.

Desposuídos de todo canto era imprescindíbel para subsistir, mesmo da posibilidade de pór a disposición dos rentistas a súa forza de traballo, estes pobres de pedir dependían dunha caridade que, evidentemente, nunca supuxo unha solución sequera transitoria. Na actual fase do Capitalismo globalizado imos caendo cara a unha situación que exclúe, cada vez máis, amplas capas da sociedade ás que non se lle dan máis alternativas que a procura individual da súa subsistencia.

Nun país da periferia do sistema coma o noso isto pode enxergarse nitidamente. Cunha nova volta de parafuso, a recomposición interna do capital está a provocar maior desigualdade social, empobrecemento da clase traballadora e perda de dereitos laborais, económicos e sociais. Podemos ollar como nos afecta no curto prazo de analisarmos o triplo ámbito da superestrutura institucional onde se xestionan políticas que determinan as condicións de vida de millóns de persoas: o nivel europeo, o estatal e o galego.

O cumio da Unión Europea do mes pasado non rectificou ningunha das políticas que provocaron a crise, senón que mesmo incidiu nalgúns dos peores aspectos das mesmas. Nada sorprendente por outra banda, pois unha UE que se construíu ao servizo do capital (alemán, maiormente) xa nin esconde que ten unha guerra declarada ás rendas do traballo e aos países periféricos para seguir engordando os seus gaños. Proba diso foron os acordos de veto aos eurobonos, ou as inxentes cantidades que se volven regalar ao sistema bancario (con xuros ao 1% durante tres anos) para que continúen especulando coa chamada débeda soberana dos países (que se presta ao 6%) e nunca para dar liquidez á economía produtiva ou particulares. Tamén a fiscalidade, que segue a drenar renda dos traballadores cara aos máis ricos ou a chantaxe para impoñer políticas neoliberais e facer da loita contra o déficit público a única vía posíbel, consagrada nas máis altas normas xurídicas e coa ameaza da retirada de fondos aos incumpridores.

No ámbito estatal pouco sorprenden as primeiras medidas e as que se intúen para as vindeiras semanas do novo-vello goberno. Suba de impostos ás rendas medias e baixas e mellor tratamento fiscal ás rendas altas e do capital; perda de poder adquisitivo dos que menos cobran, sexan traballadores ou pensionistas; anulación da lei da dependencia; novo impulso á "economía do tixolo" coas deducións á merca de vivenda e o IVE superreducido para ese tipo de bens. Todo isto aderezado cos adxectivos "fiscalidade solidaria" e sen moito ruído mediático nin social. Por iso incluso chega a sorprender que a voceira do goberno dixera que se trata de "medidas extraordinarias"; vistas as mínimas reaccións contrarias poderíase dicir que hai consenso e que non son para tanto. A ver até onde se atura sen reacción social, pois estamos só ao comezo das medidas que van vir. Son a continuidade lóxica, por outra banda, das políticas dos gobernos do PSOE.

No terceiro nivel de decisión, o galego, pouco podemos comentar dun Goberno que visualiza como nunca estes días o seu papel subordinado e servil. O desmantelamento do mesmo como consecuencia de pasar varias conselleiras a facer un papel segundón en Madrid fala moito, e mal, da consideración que de Galiza e o seu autogoberno existe en España e entre os políticos do PP que campan por aquí. Comentario á parte merecería a desaparición con rango de consellaría propia da cultura e do medio rural, malia sabermos que as políticas liquidadoras de ambos sectores chantan as súas raiceiras moi atrás. Pero pouco máis se pode pedir a quen fai de campión da austeridade, inda que iso signifique unha fuxida cara adiante até afundirnos directamente na austeridade absoluta, na inanición, na morte por fame.

As medidas impulsadas nos tres ámbitos que vimos de ver, están na mesma liña neoliberal e só van provocar no conxunto da sociedade menores ingresos, menor consumo e, polo tanto, menor actividade económica, co que se afondará na crise. Curiosamente con isto non se logrará atallar déficits, nin públicos nin privados, senón que se favorecerá a existencia de menores ingresos públicos e, en consecuencia, necesidades de continuar coa débeda. Aí entran os "sacrificios" aos que nos obrigan os gobernos, que ao tempo non son reclamados a sectores como o bancario nin ás rendas altas nin do capital. E, mais paradoxal aínda é que, con niveis extremos de desemprego, non se anuncie política ningunha para reducir o mesmo. Este tema non está nin na axenda dos gobernos e nin tan sequera o disimulan, pois non o citan xa como prioridade nin, tan sequera, como un dos asuntos aos que debe enfrontarse calquera xestor público. Indignante e escandaloso.

Camiñamos cara o empobrecemento xeralizado de amplas capas da sociedade, como amosan os dados dos últimos tempos. Pero o peor disto é que se está a producir nun contexto de retallamentos enormes nos dereitos a prestacións sociais, de desmantelamento dos mínimos resortes que até agora tiñamos para defendernos e evitar caer na exclusión e a pobreza extrema. O sistema de pensións mingua e os servizos sociais básicos están a perder grande parte das súas prestacións e universalidade -xa o estamos a ver na sanidade coa tarxeta sanitaria ou as tentativas de "re-pagamento" (que non "copagamento")-. Situámonos no limiar dunha realidade non vista en varias xeracións, máis propia do Antigo Réxime ou do primeiro Capitalismo, onde moitas persoas fican na miseria e desprotección total, onde na vellice unha enfermidade, a falla de axudas familiares ou a imposibilidade de aforrar pode converternos en pobres de solemnidade. O sistema como resposta a isto potenciará unha saída ideolóxica como é a caridade. Caridade, individualismo e invisibilidade que xa repuntan hoxe en día. Caridade no canto de dereitos, igualdade e cohesión.

Esta volta ao Antigo Réxime, á verdadeira face do Capitalismo máis descarnado que actúa sen contrapesos, lévanos a unha calella sen saída. Deberá producirse unha auténtica revolución se non queremos un futuro de perspectivas tan mouras. Entre nós, temos que seguir a construír unha alternativa útil, un BNG que siga a concentrar as esperanzas de liberación nacional e social do noso pobo.


[06-01-2012 20:50] Pancho comentou:

En coherencia coa situación que se denuncia neste artigo, haberá que prestarlle máis atención desde as organizacións nacionalistas, comenzando polo BNG, á exixencia de medidas políticas que frenen e revirtan o incremento da pobreza e da exclusión social, traballando para mobilizar a poboación afectada, e dándolle máis importancia a reivindicación de servizos sociais e de fomento do emprego, e relanzando un tema básico como a necesidade social de asegurar un mínimo vital para todos as persoas, chámese renda básica, rende de cidadanía ou como sexa.

[06-01-2012 20:45] Pancho comentou:

En coherencia coa situación que se denuncia neste artigo, haberá que prestarlle máis atención desde as organizacións nacionalistas, comenzando polo BNG, á exixencia de medidas políticas que frenen e revirtan o incremento da pobreza e da exclusión social, traballando para mobilizar a poboación afectada, e dándolle máis importancia a reivindicación de servizos sociais e de fomento do emprego, e relanzando un tema básico como a necesidade social de asegurar un mínimo vital para todos as persoas, chámese renda básica, rende de cidadanía ou como sexa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña