20:59 Venres, 20 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-04-2010

No mes de marzo, co gallo do día forestal mundial, tiña que terse celebrado a III edición de Foresgal. O PP pechou esta iniciativa por considerala nacida da man do nacionalismo

Que foi de Foresgal?

Valorar (7)

XABIER BRUÑA GARCÍA


Cartel de Foresgal

Foresgal naceu como evento feiral en marzo de 2007 coa intención de resaltar a importancia do sector do monte no noso país e co obxectivo de construír canles de comunicación entre este sector e a sociedade. De feito o lema do seu comezo  "achégate ao monte", indicaba claramente a súa pretensión educativa e divulgativa.

A primeira edición celebrouse no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 23 ao 25 de marzo. Organizado pola Consellería do Medio Rural e a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, contou co apoio do Agader, a Consellería de Innovación e Industria, a Consellería de Cultura e Deporte e tamén da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

A segunda edición celebrouse no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 28 ao 30 de marzo de 2008 e tivo un carácter netamente máis integral e transversal, na que se deron cita as últimas novidades e avances relacionados coa planificación e a xestión do monte. O lema de ese ano "o noso monte, fonte de riqueza", facía mención á importancia de resaltar a multitude de produtos e servizos que ofrece o noso monte. Deuse o paso nesta edición a diversos encontros: mesa da madeira, foro da madeira, encontro de voluntariado e I encontro de MVMC da provincia de Lugo; que pretenderon dar voz e participación á sociedade na construción do presente e futuro do monte.

Organizado pola Consellería do Medio Rural e a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, contou co apoio da Vicepresidencia, Consellería de Innovación e Industria, da Consellería de Cultura e Deporte, da Consellería de Vivenda e tamén do CIS-Madeira, así como de un amplo conxunto de colaboradores.

Foresgal converteuse así nun espazo aberto de encontro no que a sociedade coñeceu de primeira man a realidade, os avances, a investigación, a calidade e a diversidade dos produtos do monte; en definitiva, as características identitarias dun sector, o do monte, piar do noso medio rural.

No ano 2009, e aínda que a feira pasaba a ter unha periodicidade bianual, organizouse dentro do marco de Foresgal a Semana Forestal 2009 coas seguintes actividades: I Asemblea Técnica Forestal, II Encontro de Comunidades de Montes, Xornada do Uso da Madeira no Rural e a Festa da Árbore.

Que pasou coa terceira edición?

A celebración da terceira edición de Foresgal estaba prevista en marzo de 2010. O seu lema era "o monte, é cousa de todos" e tiña avanzada a súa promoción en distintos eventos do sector a nivel europeo: Asturforesta, Forexpo, Expobionergía . . .

O goberno do Partido Popular decidiu non celebrar a terceira edición e dar carpetazo a todo o traballo feito por Foresgal. A razón de fondo de esta decisión, está en pechar todo proxecto iniciado a prol do rural polo anterior goberno, e en especial aquel que tivese vinculación directa co nacionalismo. Dá igual a súa necesidade, dá igual que fose un evento que todo o sector o considerase positivo, dá igual o éxito das edicións pasadas, dá igual a súa oportunidade . . .

No seu lugar temos unha feira relacionada cos automóbiles, un sector moi afincado na provincia de Lugo e por suposto moi relacionado co rural. Amais no mes de xuño terá lugar a primeira edición de un evento similar en Sergude (Boqueixón), que leva por nome Galiforest e está organizado pola Feira Internacional de Galicia.

Que pretendía Foresgal?

Este evento concibíase coma un escaparate para o conxunto da sociedade e o propio sector. A sociedade galega perdeu o contacto e o coñecemento co monte e con todo o que este aporta. Por iso Foresgal apostou por unha faceta divulgativa e pedagóxica tentando de construír puntos de encontro e achegamento.

Os aspectos que se fomentaron desde Foresgal foron:

-O monte, fonte de riqueza: resaltando a cantidade de produtos e servizos que ofrece o noso monte no seu conxunto.

-Achegarse ao monte: aberta ao público en xeral, tendo espazos propios para @s profesionais.

-Carácter divulgativo e formador: necesidade de construír unha cultura do monte, en base a nosa propia historia.

-Fiestra aberta á sociedade para construír canles de comunicación entre a sociedade e o propio sector. Déronse cita diversos tipos de encontros, entre eles algún histórico como o I Encontro de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común da provincia de Lugo.

-Mostra interactiva e práctica: combináronse visitas a fábricas con demostracións no monte e no propio recinto feiral.

-Mostra con contidos: necesidade de falar en positivo do monte. Organizáronse durante as distintas edicións xornadas técnicas e relatorios para analizar, reflexionar e facer propostas sobre a situación do noso monte.

-Carácter transversal: implicación de diversas institucións e organizacións; apostando por unha ollada integral.

-Integración de todo o sector baixo unha única mostra na que estea representado todo o ciclo do monte: desde a semente ao produto ou servizo final.

-Percorrido histórico e etnográfico do monte. Presenza activa de contidos interactivos de etnografía, historia e xogos tradicionais.

-Espertar a ilusión no sector na procura dun cambio na visión do monte e o seu futuro.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña