06:53 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-03-2010

É realmente a formación profesional unha vía de escape ás elevadas cifras de paro que existen no noso país? É a reforma educativa unha prioridade para salirmos da actual crise económica e social?

A formación profesional no contexto de crise económica: Un fin ou un medio?

Valorar (8)

LOIS SÁNCHEZ MEIZOSO



Nos últimos tempos estamos a escoitar as propostas do Ministerio de Educación para acadar un pacto educativo que consiga erradicar as eivas que os sucesivos modelos foron arrastrando. Das reunións tidas entre goberno estatal, comunidades autónomas, axentes sociais e outros coletivos implicados, xurden propostas do que podería chegar a ser o novo modelo educativo que se materializará na futura lei de educación. Dos elementos entre deles tratados (flexibilidade do sistema, equidade e excelencia, éxito educativo,…) é interesante deterse naqueles que fan referencia á reforma do sistema educativo en relación coa formación profesional regrada e a formación profesional para o emprego, realizando unha aproximación á repercusión que esta pode ter no ámbito da Galiza.

Aprioristicamente as medidas para pular os estudos post obrigatorios (nomeadamente a formación profesional) son positivas, posto que redundarían nunha diminución do diferencial cos nosos veciños europeos en termos de fracaso escolar (medido este como acceso a estudos post obrigatorios), ademais de contribuir a unha capitalización da man de obra e, consecuentemente, aumentar o valor engadido dos bens e servizos por nós producidos. Vexamos cal pode ser o futuro destas medidas.

Unha primeira aproximación ás estatísticas pon de manifesto que, aínda que todavía de xeito suave, existe un transvasamento de alumnos entre as universidades e os ciclos de grado superior (recordemos que os requirimentos de acceso directo en canto a idade e titulación posuída son os mesmos).

As cifras revelan que hai un retroceso nas matrículas das tres universidades galegas para os cursos 2007/2008 e 2008/2009: na de Santiago de Compostela pasouse de 26.962 a 26.225; na de A Coruña de 20.134 a 19.337 e por último en Vigo baixouse de 20.747 a 20.000. Canda o anterior, podemos observar a evolución de matrículas en ciclos formativos para os cursos 2007/2008, 2008/2009 e 2009/2010 : nos ciclos formativos de grado medio pasouse de 15.618 alumnos a 15.828 até chegar a 17.615 na actualidade; os alumnos dos ciclos de grado superior pasaron de 14.389 a 14.217 acadando os 15.453 no presente curso académico.

Os anteriores datos permiten observarmos unha evolución positiva nas matrículas nos ciclos, tanto de grado superior como medio. Deixando a un lado o debate ao redor de se existe un axuste derivado do exceso de titulados universitarios, unha posíbel interpretación consiste en establecer unha correlación inversa entre o descenso nas matrículas universitarias e o aumento das matrículas na formación profesional, o que podería ser visto como un transvasamento de alumnos cara un ensino non universitario, xa que este sería visto como unha táboa de salvación en épocas de crise, isto é: cualificación técnica rápida que aumente a empregabilidade do factor traballo.

Mais cabe facerse algunhas preguntas que cobran especial transcendencia no noso país; é a redución do diferencial de titulados en formación profesional respecto das cifras europeas un fin en si mesmo (como semella que as diferentes politicas economico-educativas porfían)? É o ensino un instrumento ermo (medido en termos de produto interior) para economías que non teñen reformado as súas estruturas económicas? Vexamos que nos di a seguinte información estatística:

Demandas de emprego pendentes de parados (paro rexistrado)


                                    Total (miles)     % variación sobre o total
ESTUDOS PRIMARIOS
   
2008                             25.054               -
2009                             30.198             120,53
2010 (xaneiro)               33.887             112,22

FORMACIÓN PROFESIONAL
   
2008                             10.170                -
2009                             13.717              134,88
2010 (xaneiro)               15.674              114,27

EDUCACIÓN XERAL
   
2008                             91.157                -
2009                             115.641             126,86
2010 (xaneiro)               127.028             109,85

ESTUDOS POSTSECUNDARIOS
   
2008                              25.407                -
2009                              33.253              130,88
2010 (xaneiro)                38.625              116,15  


A estatística revela algo que non nos resulta estraño: o paro aumenta en xeral, con independencia do nivel de estudos acadado. Unha análise máis profunda permite tirar unha consecuencia máis dramática do que semella unha contradicción: o paro rexistrado na formación profesional presenta un incremento porcentual maior que noutros niveis educativos. É, polo tanto a formación profesional esa táboa de salvación á que moitos acoden? É pertinente sinalar que as cifras, probabelmente, non amosen a verdadeira traxedia persoal que se agocha tras delas: o retardo na transición á vida adulta e laboral por parte daqueles titulados superiores que perpetúan o seu estatus de “estudante”, ante a incapacidade da actual estrutura económica de darlles saída laboral e poder así, construir un proxecto vital.

Porén, cabe dicir que a formación profesional si é quen de resistir os flaxelos da crise económica de mellor maneira que o resto de niveis educativos. Isto podémolo ver na seguinte táboa (os datos, ainda que a nivel estatal, poden ser estrapolabeis ao mapa galego). A minoración no número de contratos formalizados é menor no caso dos titulados en formación profesional que no resto de niveis educativos.

Contratos rexistrados por nível de formación acadado (nº de contratos)

                   2007                                                       2008
Valor absoluto  %variación interanual        Valor absoluto  %variación interanual


ESTUDOS PRIMARIOS

1.689.771           1,3                                  1.425.943           -15,6

FORMACIÓN PROFESIONAL

1.116.429           4,7                                  1.018.127            -8,8

EDUCACIÓN XERAL

11.799.163         0,5                                  10.442.196          -11,5

ESTUDOS POSTSECUNDARIOS

2.213.453          -3,7                                  1.995.666            -9,8

Pór en valor a formación profesional é algo necesario, mais aqueles que teñen a responsabilidade de nos sacar de forma coletiva e duradeira desta crise, deben fitar a reformas económicas estruturais e, ao tempo, dotar as reformas educativas necesarias. O ensino, medido como coadxuvante do PIB, é un medio, non un fin en si mesmo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña