01:01 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-12-2011

Tamén, entre outros moitos, hai un poema de Manuel María, "Carta para navegar e camiñar polos universos de Urbano Lugrís O Vello" que reproducimos no artigo

Urbano Lugrís O Vello

Valorar (13)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ


Xan Fraga, Manuel María e Urbano Lugrís Vadillo


Recordo de ver, cando menos en dous libros (A Nosa Terra e Edicións do Castro) dedicados a Urbano Lugrís (A Coruña 1908, Vigo, 1973) unha foto onde se ve a Manuel María e a Urbano Lugrís Vadillo no instituto de Malpica de Bergantiños. Nada ten de especial que a foto saíse cortada onde estou eu. Tampouco que a foto sexa miña e non se diga nada. Algo máis preocupante é que no pe da mesma se diga que é no Museo de Malpica. É dicir na Casa do Pescador onde Lugrís realizou en 1956 diversas obras. Digo 1956 e non 1951 como sae neses libros e en case todos os libros e catálogos.

A foto é no propio instituto ante unha copia do cadro de Lugrís da balea, que fixeron alumnos do mesmo durante as horas de clase na miña materia. Non é o mesmo unha copia que o orixinal. Non é o mesmo dicr que As señoritas de Aviñón de Picasso son de 1907 que de 1912. En fin xa sabemos que hai moitos especialistas en Lugrís

Hai dous poemas recordando a Urbano Lugrís especialmente significativos tanto polo valor en si dos poemas como pola  relación estreita que tiveron con Ulyses Fingal que son:  Pranto por Urbano Lugrís de Antón Avilés de Taramancos e Lembranza de Urbano Lugrís de Miguel González Garcés. Hai tamén un moi fermoso de Darío Xoán Cabana, titulado Lugrís na taberna do Elixio incluído no seu libro Patria do mar (1989) que comeza así:

Dixo Lugrís que o mar ten máis camiños
se en nós irrompe e no maxín se interna,
e que as rosas do viño na taberna
son mapas fidelísimos mariños.

O seu amigo Xosé María Álvarez Blázquez  é o autor dun publicado en castelán na revista Alba (nº 9, 1952) que paga a pena reproducir enteiro. O soneto di así:

INVITACIÓN A URBANO LUGRÍS

Tú esquivo cazador de mariposas,
que levantas sonetos catedrales,
cojuelo de verguenzas siderales
a lomos de tus gafas monstruosas;

Tú, que sueles decir tamañas cosas
con tu voz abisal, plenas de sales;
tú,  que sufres las artes liberales,
no ganadoras pero, si,  ganosas.

"Habitación do vello mariñeiro". Urbano Lugrís González


Tú que domas paciente la vitela
en tu manso lecer benedicitino,
sin mengua de borrar tus vendavales
ante un jarro espumoso de la Arnela,
¿por qué no minias un soneto al vino
con catorce colores bacanales?...

Claro que hai tamén unha boa réplica, e non reproduzo aquí, nun soneto non menos interesante de Ulises Fingal de Staffor titulado Para el encíclico y no aritmético José María Álvarez Blázquez.

A saga do Álvarez Blázquez segue nos Álvarez Cácamo e foi  Xosé María no seu libro Praia das furnas (1983) quen dedicou  un bo poema a Urbano Lugrís que comeza así:

"Da viaxe derradeira no río verde Patinir
apenas una nasa de eclipses volta a nós.
É Lugris quen transforma en arquetipos
as figuras dos peixes calcarios
sobre a liña sumida en tintas brancas".

Cando inauguramos o instituto Urbano Lugrís de Mapica de Bergantiños, invitamos ao seu fillo e excelente pintor Urbano Lugrís Vadillo, é dicir Urbano Lugrís o novo,  para o acto así como ao poeta Manuel María. No caso do autor da Terra Chá, bo coñecedor da vida e da obra de Urbano Lugrís o vello, regaloume un poema inédito que reproducimos aquí na súa totalidade:

CARTA PARA NAVEGAR E CAMIÑAR
POLOS UNIVERSOS DE URBANO LUGRÍS O VELLO


Querido, desvalido, anxélico Lugrís:
sempre habitache no mundo da verdade,
¿ou serías ti o lúcido veciño
dun universo irreal pero posible?

Por moita fantasía que se teña
nunca poderemos calcular
o grosor das cadeas que nos atan
á mísera tristeza cotidiana.

Confiamos na inmensa Rosalía,
no Pai Breogán, no verbo pondaliano,
na leve e saudosa Trahamunda,
en Froilán, Rosendo, Pedro Telmo,

Ero de Armenteira e San Gonzalo.

Confesámonos súbditos de Arturo,
acreditamos na cienca de Merlín,
acatamos a San Brandán por bispo noso
que a ti che pediu lle decoraras
as catedrais e eirexas submarinas
tan amorosamente por el pastoreadas.

¿Cómo matar as sedes insaciables
deses viños escuros vendimados
no sorprendente fondo dos océanos?.

As ousadas navegacións de Xulo Verne,
¿que ceos e augas viaxarán
guiadas por cartas e or mapas
que foron fachos de luz no teu maxín?

Levas na olladas sempre reflectida
a túa dor por Solís, Pardo de Cela,
Roi Xordo, o rei García e Prisciliano.

¿Onde Avilés de Taramancos
convocando ventos, países horizontes
coa súa voz poderosa e delicada?

Ti tés, xenial amigo, concertada
unha cita inaplazable co infinito.

Lugar: Porto de Os, certo e segredo,
nesta Galicia vella, sumisa e neboenta.


Manuel María, setembro de 2003




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña