21:12 Mércores, 20 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-03-2010

E menos mal que para nós é moito máis que unha mai, porque sabemos recoñecer nela á muller, e así non morrermos de necidade

Menos mal que nos paríu Rosalía!

Valorar (28)

ALBA MARÍA FEIXÓO LÓPEZ


Rosalía de Castro

O nacionalismo galego pódese gabar dunha superior categoría na escala na perfeición epistemolóxica, porque supera as contradicións máis fondamente enquistadas noutras ideoloxías autodenominadas revolucionarias, moitas delas hoxe tan en voga. E isto é posíbel porque o nacionalismo galego é desacomplexadamente feminista.

Na actualidade, e principalmente no eido xeográfico europeo, e no campo pseudo-intelectual do europeísmo, asistimos a unha sorte de festival da deturpación do pensamento político: a ideoloxía está de oferta e tanto, que nunca (coido) houbo tanta xente profesando algunha, e mais tanta outra que a adquiriu tan devaluada que a emprega como papel hixiénico... ao fin, é practicamente de balde.

Mesmo ouvimos falar de “nacionalismos de dereitas”, de fascismos “de esquerdas”, de misturas de liberación nacional e imperialismo, de rexións “nacionalistas” que se independizan... e no nacionalismo galego, sabemos que isto non son máis que parvadas, porque temos ben presente e inda máis en tempos de deflacción das ideas, que unha ideoloxía que mereza tal nome, non pode ser resultado dun construto artificioso no que se superpoñan elementos incoherentes e disociados por definición.

Xa que logo, tal e como temos claro que o nacionalismo é naturalmente resultante do prisma analítico da esquerda real e así, connaturalmente “de esquerdas” (sen necesidade de adxectivación), sabemos tamén que o feminismo non é un ingrediente máis para a consecución dalgunha caótica receita, senón unha unha implicación do feito mesmo de sermos nacionalistas; un requisito sine qua non. Porque é facilmente comprensíbel que se loitamos contra as relación de dominación entre nacións; isto é, contra o imperialismo, e se o facemos tamén e polo tanto, contra esas mesmas relacións entre as clases; isto é, contra o capitalismo, non podemos tragar (porque nos atragoaría mortalmente a incoherencia) coas relacións de dominación por mor do xénero e polo tanto, co patriarcalismo.

O feminismo, na súa formulación máis coherente, vénnos dado na historia polas feministas do bolxevismo: Clara Zetkin e Alexandra Kollontai. Elas, souberon superar con lucidez as contradicións, que a respeito da cuestión de xénero, emanaban do discurso dos pais fundadores (homes) do socialismo.

Foron quen de detectar, alén da superestrutura capitalista, unhas relacións de opresión home-muller, que trascendían transversalmente as clases sociais . Souberon interpretar o feito de que se, instaurada a Ditadura do Proletariado, as mulleres seguían a ter unhas condicións sociais e laborais moito piores, é que existía certamente un outro sistema imperante que, inda que perfeitamente entretecido e coadxuvante mutuo do capitalismo en toda parte onde este último tiña chegado, tiña entidade de seu.

As feministas bolxeviques superaron as contradicións burguesas do feminismo sufraxista, e mais as das primeiras formulacións do socialismo; e por iso eran ben conscientes de que a opresión das mulleres non desaparecía coa consecución do direito ao voto, mais que si rebordaba da cuestión de clase. Foi precisamente a súa capacidade para levaren o materialismo histórico a unha coherencia máis profunda, a que nos brindou o contributo histórico dese seu pensamento verdadeiramente liberador: a plena loita anticlasista.

Menos mal que o nacionalismo galego foi quen de se proxectar con plenitude e tivo o valor de adoptar conscientemente o feminismo (materialista, o feminismo científico) como un dos seus alicerces indiscutíbeis. Fique isto ben claro: non é senón cuestión de coherencia! E tanto é así, que ben podemos afirmar sen paliativos, que toda aquela persoa que ouse atentar contra o feminismo (for de palabra, obra ou omisión); se é nacionalista, é unha inconsciente, e se o fai conscientemente, é que non é nacionalista.

En fin, como diciamos ao comezo, nesta altura en que o pensamento crítico e o ideoloxicamente complexo están tan profundamente demodés, menos mal que o nacionalismo galego existe; pola soberanía das nacións, sen clases, nen xéneros!


1 2 seguinte

[04-12-2018 13:05] Lenin ,Resurrecion. comentou:

Meu deus , canta tonteria xunta...

[05-04-2010 ] Anubía comentou:

Quen non entenda o que expesa este artigo e quere facerse o interesante querendo facernos parecer que sabe máis ca ninguén, como semella que lle acontece ao anterior "comentarista", está claro que unha de dúas, unha: non puxo os lentes de ler, ou dúas: claramente é un trol (decantome máis por esta última)

Polo demáis, só teño que darche os parabéns compañeira, fan falla reflexións coma esta, maxime co desnorte que hai actualmente nalgúns colectivos do movemento xuvenil nacionalista. E só dicir unha última cousa, a quen lle proa que se rasque, e se proe é porque algunha pulga haberá...

[02-04-2010 ] superalucinado comentou:

"Foron quen de detectar, alén da superestrutura capitalista, unhas relacións de opresión home-muller, que trascendían transversalmente as clases sociais". Sem querer fazer umha análise de texto, se usamos linguagem marxista, a ambígua frase anterior pode significar duas cousas, mas as duas erradas. Se aceitamos a metáfora amplamente estendida no marxismo que nos fala da existência no capitalismo de "infraestrutra" como o ámbito das relaçons económicas onde se gera a produçom e reproduçom do capital, a extracçom da mais-valia, etc e de "superestrutura" como as instituiçons sociais, legais, etc que sustentam essas relaçons sociais de produçom, a frase só pode significar ou 1) que se considera que o capitalismo é umha "superestrutura", obviamente equivocado, ou 2) que o ámbito da opressom da mulher no que concerne ao capital situa-se exclusivamente na superestrutura, algo tb obviamente falso.
Mas claro, se o que se quer é adubiar o texto com frases abstrusas e muitos polissílabos para aparentar profundidade de análise, muitos parabens, conseguiu tal.

[31-03-2010 ] leraospaisdosocialismo comentou:

Estupendo que nos parira Rosalía, non estaría mal que, ademáis, nos ensinaran algo Alexandra, Emma, Judith, Monique, Rosa...

U-la contradición no discurso dos pais (homes) do socialismo?? que falaron antes que elas, víctimas do "patriarcalismo" e por iso silenciadas tamén no seo das organizacións revolucionarias, da opresión alén do capitalismo, da división do traballo no seo da familia, e desa opresión e da propia familia como base da opresión das mulleres por parte do sistema...

Lean: “a monogamia non aparece de ninguhna maneira na historia como un acordo entre o home e a muller, e menos aínda como a forma máis elevada de matrimonio. Pola contra, entra en escea baixo a forma do escravizamento dun sexo polo outro, como a proclamación dun conflito entre os sexos, descoñecido até entón na prehistoria. Nun vello manuscrito inédito, redactado en 1846 por Marx e por min, atopo esta frase: ‘a primeira división do traballo é a que se fixo entre o home e a muller para a procreación de fillos.’ E hoxe podo engadir: o primeiro antagonismo de clases que apareceu na historia coincide con desenvolvemento do antagonismo entre o home e a muller na monogamia; e a primeira opresión de clases, coa do sexo feminino polo masculino. A monogamia foi un gran progreso histórico9, pero asemade inaugura, xuntamente coa escravitude e coas riquezas privadas, a época que dura até os nosos días e na cal cada progreso é ao mesmo tempo un regreso relativo e o benestar e o desenvolvemento duns se verifican a expensas da dor e da represión doutros. A monogamia é a forma celular da sociedade civilizada, na cal podemos estudar xa a natureza das contradicións e dos antagonismos que alcanzan o seu pleno desenvolvemento nesta sociedade” ... ENgels

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña