04:13 Venres, 03 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-12-2011

O «currículum» de anos de cárcere e torturas, de loitas sociais é inalcanzábel para a clase política europea e determinante para estes homes e mulleres de Estado dunha nova Latinoamérica

Presidentes latinoamericanos: prontuario contra curriculum

Valorar (21)

XURXO MARTIZ CRESPO



Como ben dicía Guillermo Cabrera Infante, se algo diferencia Latinoamérica de España é o idioma. Mentres o DRAE define prontuario como «Resumen o breve anotación de varias cosas a fin de tenerlas presentes cuando se necesiten», en toda Latinoamérica ten o significado de antecedentes penais, acepción que non aparece no mencionado dicionario.

O 3 de decembro o presidente Hugo Chávez deu en Caracas o discurso inaugural da  Comunidad de Estados Latinoamericanos y Caribeños (Celac). Chávez fixo un repaso pola historia recente de Latinoamérica e do Caribe, sen nada escrito, citando frases e datas, desde a doutrina Monroe, pasando polas guerras de liberación, as guerrillas até o presente: a Celac.

Varios momentos do discurso convertéronse nun diálogo de ti a ti con outros presidentes. Co de México, co de Cuba... co do Brasil. Unha vez máis Chávez deixou máis que claro que a clase política que hoxe goberna, casualmente nos países máis progresistas de Latinoamérica, ten unha historia que xorde da non complacencia, da toma de conciencia nas armas, da loita na rúa até chegar o goberno.

Ficha policial de Dilma Rouseff

Eis a ex guerrilleira da Vanguarda Popular Revolucionária e ex presidiaria e torturada Dilma Rousseff, ou o mesmo Lula da Silva, que tiña tamén o seu irmán comunista na cadea por loitar contra a ditadura. Daniel Ortega, da FSLN en Nicaragua, que comandou a guerra contra a ditadura de Somoza. Pepe Mújica e a súa muller, Lucía Topolansky, ex guerrilleiros tupamaros con máis de 15 anos de cárcere e torturas nas costas.  O vicepresidente de Bolivia, Álvaro García Linera, membro do Ejército Guerrillero Túpac Katari,  estivo na cadea até xullo de 1997. Evo Morales, líder sindical dos cocaleros e opositor na rúa á entrega dos recursos naturais de Bolivia a Estados Unidos. Ollanta Humala, que se levantou en armas contra a ditadura de Fujimori. Raúl Castro, guerrilleiro e presidente de Cuba, sen esquecer o anfitrión, Hugo Chávez,  co seu intento de golpe de Estado contra Carlos Andrés Pérez, e a súa posterior estancia na cadea do cuartel San Carlos. Foi o propio presidente venezuelano quen fixo alusión ao pasado guerrilleiro dalgúns dos presentes, entre eles o ministro venezolano de Enerxía Eléctrica e ex presidente da OPEP, Alí Rodríguez Araque, que foi membro do Partido de la Revolución Venezolana e un dos principais guerrilleiros dos anos 60 e 70.

Estes loitadores deviñeron en políticos e líderes populares que chegaron ao poder, entre outras moitas cousas, polas nocivas e criminais políticas neoliberais dos gobernos ás ordes dos Estados Unidos e pola entrega da meirande parte dos recursos naturais dos seus países ao «amo do norte».

O currículo destes loitadores dista moito dos primeiros postos en oposicións a rexistrador da propiedade, avogado do Estado ou a calquera outro cargo administrativo de que adoita fachendear calquera político español, «excelentísimo señor pola rigorosa orde de antigüidade». Mentres os funcionarios de Exteriores españois proveñen de familias que monopolizan a carreira diplomática como se fose parte dunha herdanza, o ministro de Exteriores venezolano, Nicolás Maduro, é un antigo condutor de autobús. O «currículum» de anos de cárcere e torturas, de loitas sociais é inalcanzábel para a clase política europea e determinante para estes homes e mulleres de Estado dunha nova Latinoamérica que loita pola súa segunda e definitiva independencia.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña