08:08 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-12-2011

Fica moito traballo por facermos, con afouteza e esperanza e a cabeza ben alta

Vamos de fronte!

Valorar (67)

ROBERT NEAL BAXTER



Non pretendo sentar cátedra, mais creo que no momento de comentaren o que Lois Diéguez acerta en denominar "ese longo serial de telenovela sobre os resultados das últimas eleccións", algunhas persoas nas súas desafortunadas declaracións públicas pecan de confundir os medios cos fins, perdendo de vista a esencia orixinal do BNG e o seu propósito fundamental. Unha vez esclarecido o que fomos e o que somos, poderemos falar se queremos ficar fieis a nós mems@s ou se, pola contra, os avatares da conveniencia política exixen que mudemos de forma e de rumbo.

Ás veces as evidencias máis obvias son aquelas que xa non percibimos, ao ficarmos atrancad@s nas polémicas electoralistas e outras liortas moitas veces estériles e mesmo suicidas. Así, pois, comecemos polo principio e polos principios. O BNG foi fundado en 1982 como fronte patriótica para dar voz organizada á pluralidade do pobo galego consciente reunido no seo seu, representando unha alianza interclasista das maiorías sociais da que precisa un país non só asoballado, senón tamén secularmente colonizado.

Hai quen di que o modelo frontista seica xa non vale. Porén, eu argumentaría que si segue a ser vixente sempre que non mudasen as condicións obxectivas de subordinación socioeconómicas características da colonización interna da Galiza (remítome aos escritos de Xosé Díaz Díaz entre outros, publicados no Terra e Tempo).

O BNG defende, pois, os intereses comúns do pobo galego sen exclusións, en marcha cara á súa soberanía nacional e unha sociedade máis xusta. No entanto, este seu pluralismo, abertura cara á sociedade e defensa do interese común non é sinónimo de ser 'patrimonio de tod@s', outra confusión intereseira que se leva propagando desde hai certo tempo. Vexamos. Hai quen predica a 'morte das ideoloxías' no seu afán de desacreditar aquelas forzas políticas como o BNG que apostan por unha verdadeira transformación democrática, para así poder substituír a 'clase política' con simples 'xestores imparciais', que non son, en realidade, outra cousa que os executores máis acérrimos da política neoliberal imposta pola banca e as transnacionais, como no caso do golpe de estado con luva branca en Italia. Non nos enganemos: fronte a esta percepción intencionadamente deturpada da política, non somos 'tod@s iguais' e as ideoloxías son máis pertinentes que nunca, ao seguir existindo unha sociedade de clases onde non conflúen os intereses das unhas e das outras. Se ben, nun país colonizado como o noso, coinciden os intereses das clases traballadoras e outros sectores que representan a maioría social, o BNG non se pode entregar, como pretenden algunhas persoas, a 'toda a sociedade', incluídas aquelas forzas presentes na sociedade que acreditan nos proxectos españolistas, desde o PP e o P(SO)E, pasando por EU. As proclamas de 'gobernar para todos' (Feijóo dixit) son unha falacia: non se pode servir asemade os intereses oligárquicos do Estado imperialista, a banca e o capital transnacional por un lado, e os intereses populares da Galiza polo outro.

A función real do BNG é tentar facer ver a determinados sectores que o nacionalismo é a única forza política que representa os seus verdadeiros intereses. Noutras palabras, afanarse para que o pobo galego se tornar consciente de si mesmo. O BNG non é unha simple máquina electoralista cuxa función primordial sería a de rapinar votos d@s 'descontent@s' do P(SO)E ou de quen for. O éxito electoral é, de facto, unha cousa moi fácil de conseguir: só habería que renunciar ao noso ideario, renegar dos nosos principios e facer uso dun populismo demagogo e hipócrita.

Non digo que os comicios non sexan importantes. Claro que o son; mais para acadarmos maiores cotas de penetración social e concienciación nacionalista, non para o poder en si. Para o BNG, as eleccións e o poder institucional son unha ferramenta máis para facer avanzar a causa do nacionalismo popular. O certo é que, aínda que hai moito que se pode facer desde as institucións, tamén se pode facer moito desde fóra delas nos movementos de base, onde o BNG estivo sempre e segue a traballar.

É comprensíbel que haxa militantes e simpatizantes que se senten cans@s e mesmo frustrad@s ante resultados electorais que non vou entrar a valorar. Agora ben, para alén dos acontecementos puntuais a curto prazo, a situación convídanos a nos armarmos de moita paciencia: gañar votos sexa como for podería conseguirse nun espazo de tempo relativamente breve; no entanto, darlle a volta a varios séculos de historia de dominación, colonización a alienación vai levar algo máis de tempo que os escasos 29 anos de vida do BNG até hoxe. Desde que Olympe de Gouges escribiu a  Declaración dos dereitos da muller e da cidadá en 1791 tiveron que pasar 153 anos até que a Francia recoñecese o dereito de voto feminino (no cantón suízo de Appenzell Innerrhoden non se conseguiu até 1991...). Levou o movemento dos dereitos civís nos EUA 72 anos, desde 1896 até 1968, para acabar coas leis discriminatorias de miscixenación. Así que non acabou o mundo o 20 de novembro. Fica moito traballo por facermos, con afouteza e esperanza e a cabeza ben alta.

Cómpre ficarmos máis fieis que nunca ao noso ideario, a nós mesm@s. En definitiva, ao pobo galego. Un exemplo diso ten que ser a defensa férrea e inquebrantábel da lingua galega como lingua nacional da Galiza, malia as dificultades para facer chegar este fundamento do nacionalismo á sociedade. Mais fronte á censura e manipulación mediáticas e os ataques constantes, só cabe unha resposta: pedagoxía reivindicativa e nunca renderse ante os obstáculos que colocan no noso camiño.

Se claudicarmos nesta nosa responsabilidade, ficaremos engulidos no mælstrøm do discurso apisoador de que 'somos tod@s iguais'. No BNG si somos diferentes, e debemos seguir a loita para esta diferenza, que non é outra cousa que a de sermos a única forza política que representa e defende os intereses da Galiza e a transformación democrática, camiño dunha sociedade máis xusta.

A resistir, compañeir@s, cada día máis e avante! Vamos de fronte!


1 2 3 seguinte

[30-12-2011 11:40] Robert Neal Baxter comentou:

Cioran "O Zurrapa"

1. Definición de 'resistir': non ceder ante as agresións. Antónimo: rendición .
2. Definición de 'ir de fronté: avanzar, ir para adiante. Antónimo: recuar. Acho que non é patrimonio de fascismo españolista - nin debemos deixar que así for... (Nota: Xogo de palabras con 'fronte’ = BNG).
3. O de Cuba e Checoslovaquia son cousas túas. Non é o tema deste artigo. Se queres saber cal é a miña opinión a respecto da situación política destes países en determinados momentos, só fai falta que me escribas no facebook co teu verdadeiro nome.
4. Non dou leccións, senón a miña opinion – tan lexítima que a de calquera outra persoa, entendo eu. Ou é que só se deben censurer as miñas por non coincidiren coas túas, ou por ser da UPG, ou por nacer fóra da Galiza…? E logo es ti quen falas de censura…
5. Seica non levo tempo abonda na Galiza, nin militando no BNG (e na UPG, que agochar non agocho nada, por certo) para opinar. Cal é, logo, o límite mínimo? Chega con militar durante a Ditadura, ou hai que poder remontar até os Irmandinos? Como xa expliquei noutro artigo, o argumento xenófobo (directa ou indirectamente) xa comeza a ser algo aborrecido e só indica unha falta de argumentos máis contundentes.
6. Medo a que o BNG mudar? Pois si: medo a que puider converterse nun partido clásico que non servir os intereses das clases populares e maiorias sociais da Galiza, privando así o pobo galego de alternativa fronte ao espanolismo e ao neoliberalismo. Iso, para min sería pechar o nacionalismo á sociedade…
7. Poderías explicar en que medida o pobo galego é consciente no seu conxunto? Se o é, como é que segue a apoiar masivamente nas urnas políticas cada vez máis antigalegas?
8. Coido que calquera comentario ou resposta sempre ten máis peso cando non se basea en descualificacións persoais.

[30-12-2011 09:31] Arrasa o Cioran este comentou:

Pois alégrome de que cambiases, ho. Un pouco de humildade e de ler o texto dúas veces antes de atribuir ao autor disparates que non di, lanzarte a insultar e querer dar leccións nas que só demostras que che queda moito por aprender non che viría mal. "Mr. Baxter..." Fálalle en inglés se sabes idiomas home!

[29-12-2011 22:12] Cioran "O Zurrapa" comentou:

Para o que asina "Arrasa o Cioran este":

Deberías aprender a ler e a comprender o que lés. Chámase "lectura comprensiva" e é un dos obxectivos da Escola Primaria.

Cando comento o artigo de Mr. Baxter fago referencia ao dogmatismo e ao fanatismo que, segundo o meu criterio, agochan certas posturas políticas, que máis parecen larotadas no deserto. E fago referencia a como foi mudando este mundo noso do BNG co tempo, e cos cambios neste planeta en quencemento no que habitamos (algùns, outros andan como lóstregos pola extratosfera).

Non hai moito, como BNPG tiñamos unha postura ben acorde co socialismo real, o que levaba implícito un silenzamento na conculcación de dereitos indioviduais e humáns que ises países cometían. Era unha cuestión táctica: apoiar o socialismo real alí onde estivera. Sobre todo, no terceiro mundo, que era co que máis nos identificabamos. Non había mimetismo. A UPG nunca pertenceu a ningunha Internacional, como ben deberías saber. Pero había agochamento de aspectos non gratos deses países, que identificabamos como modelos a ter en conta.

Cambiamos. E moito. Porque a realidade é moi tozuda, e ningún de nós quería vivir nun país como Rumanía ou Albania, nin prescindir de certas liberdades como en Checoslovaquia ou como na RDA. Ningún homosexual galego sentiríase ben en Cuba... Pequenos detalles. Para iso somos galegos e queremos ser nós mesmos. Cambiamos, xa que logo.

E iamos cheos de razón negándonos a xurar a Constitución española, até que o povo dixo que así mal, moi mal, pq se estabamos fóra das insttucións ninguén nos ía botar de menos, e... cambiamos... prometemos a Carta Magan española -eso si, por imperativo legal, e co cravo na man-. E fixemos política autonómica. E gobernamos co PSOE. Iso que nunca faríamos nos setenta e oitenta... alá fumos. A governar con iles. Tamén na Xunta. Aí si que cambiamos.

Ser un "esencialista", un "purista", está ben como "performance" (si home, algo de linguas sei) ca moza -ou co mozo- mais en política, vale de pouco.

Deixo pois que Mr. Baxter nos siga dando lecións de política e de táctica e estratexia, que así nos vai...

Cioran "O Zurrapa"

[29-12-2011 11:27] Arrasa o Cioran este comentou:

Así que antes defendías a persecución dos homosexuais ou a censura de libros, Cioran "O Zurrapa"? E dis que segues estando orgulloso de todo iso? Ti si que estás "aberto á sociedade"! Mola tamén como lle chamas ao autor "Mr. Baxter, ti debes de saber idiomas, non?

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña