06:02 Sabado, 23 de Xuño de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-12-2011

O espello da realidade no cinema dos irmáns Dardenne, cuxo novo filme percorre Galiza: O neno da bicicleta

Realismo social, cinema e realidades

Valorar (18)

ALBERTE MERA GARCÍA



Esta semana ollei unha historia sinxela e diferente que lle sucede a uns personaxes con situacións individuais que con simbolismo funcionan como espello da realidade que vivimos. Acudín á proxección de O neno da Bicicleta (Le Gamin au vélo) que tras proxectarse en Cineuropa, exhíbese en Lugo e Vigo.

Neste novo filme, os directores belgas Luc e Jean-Pierre Dardenne continúan contando historias da realidade que viven persoas sinxelas e escollendo personaxes, normalmente mozos "apartados pola economía liberal", como teñen descrito os autores. Nestas obras presentan unha realidade hostil que agrede a uns personaxes que ao seu tempo loitan por sobrevivir. Unha realidade mediante a que, xa no ano 99, os realizadores belgas adiantaron a presente crise realizando un filme (Rosetta) que hoxe en día vólvese de plena actualidade. A historia que presenta Rosetta está marcada desde o inicio pola inxustiza laboral e o desemprego na cidade belga de Sereign, onde a industria da siderurxia levou ao paro a máis de 30.000 obreiros ás portas do s.XXI. "Se ben a crise da que fala Rosetta non é a mesma de hoxe, para a xente que perde o traballo si o é", afirmaron os irmáns hai pouco nun festival arxentino.

A fuxida da realidade

Os planos iniciais de O neno da bicicleta e de Rosetta presentan a fuxida da realidade que emprenden os personaxes. O espectador olla a través da cámara en man (de Alain Marcoe) a escapada do orfanato que emprende Cyril (protagonista de O neno da bicicleta) en busca do seu pai. O filme do 99 iníciase tamén coa fuxida dunha moza, Rosetta, bulindo polos corredoiros da industria clamando pola inxustiza do seu despido. O xefe de recursos humanos intenta facela 'entrar en razón' repetíndolle "non temos queixas, pero o teu contrato temporal rematou". O desemprego leva a Rosetta á desolación, mais rexeitará a caridade e emprenderá unha loita durante todo o filme para intentar sobrevivir e realizarse a través do acceso ao mundo do traballo que semella non poder alcanzar.

En O neno da bicicleta, o xoven Cyril busca desesperadamente ao seu pai, da mesma maneira que Rosetta busca o traballo. O desexo de ambos de atopar o buscado é o único que os motiva a avanzar. Mais o que eles aínda non saben é que as metáforas da sociedade individualista: o pai (no caso de Cyril) e o neoliberalismo (no caso de Rosetta) gardan NADA para ambos mozos.

Rosetta vive no cumio da Europa económica, aínda que igual que na Galiza, o sistema depara explotación laboral e desemprego para os mozos e mozas.

As solucións para os protagonistas de ambos filmes virán, como terán que vir na nosa realidade social, por novas institucións que se crean en vez de polas vellas e fracasadas (representadas en O neno da bicicleta pola familia que abandona a Cyril, e que se verá substituída pola entrada de Samantha que creará xunto ao neno unha nova familia, unha nova institución, non unida polo sangue senón pola responsabilidade e o afecto, coma se dun novo estado se tratar).

É un cinema de clase, que se cinxe a unha situación persoal e a unhas motivacións individuais pero que responde, segundo afirma Luc Dardenne, á hipótese de se é posíbel que os seres humanos se impliquen para intentar salvar aos que padecen a inxustiza.

Á produción dos Dardenne se lle ten denominado cinema social, cinema político, realismo social... O que fica claro é que estamos ante unha expresión dun cinema militante comprometido socialmente cunha realidade. Non é o mesmo realismo social doutros autores do cinema militante máis estendidos e aos que estamos máis afeitos, coma é o caso de Ken Loach, xa que os irmáns se centran na persoa coma individuo e non na colectividade directamente, e tampouco hai un discurso directo ao espectador para unha toma de postura ideolóxica, senón que se agarda do espectador tome unha postura perante unha realidade que nos atopamos na pantalla, pois semella que toda esa historia estaba aí antes e despois de ser filmada, e ante a que como espectadores deberemos responder de igual forma que respondemos ante vida exterior.

Proxectar a realidade, coñecer, tomar posición

O termo realismo social sería quizais o máis consensuado para tentar, con sinxeleza, catalogar os filmes dos Dardenne. Son obras cargadas de historias de personaxes sinxelos, sen grandes tramas, protagonizadas por personaxes comúns e pola loita da xente ante as adversidades xeradas polo sistema, presentan a aqueles que buscan autorrealizarse co traballo e coa felicidade dos sentimentos... Proxéctase así un espello da realidade, moitas veces latente e que non percibimos no día a día.

O espectador está ante un discurso político cinematográfico actual e non anacrónico, espello da atmosfera das maiorías sociais, e que funciona por tanto de espello da realidade. Gustei deste discurso político de O neno da bicicleta da mesma forma que gustara do discurso de Rosetta; por diferente e acertado, por reflectir as realidades sociais, criticar as relacións de desigualdade na sociedade do presente, e plantexar novas creacións e alternativas... todos estes son conceptos necesarios sobre todo neste momento actual e que na ficción das nosas vidas e non das pantallas se fan imprescindíbeis para actuar na nosa sociedade se queremos transformala. Que sería pois, do no noso país sen un discurso descrito por estes termos? Menos mal que o nacionalismo está a achegar ese discurso político imprescindíbel, o discurso diferente e das alternativas, o discurso do presente e tamén das realidades.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal