00:13 Luns, 30 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-12-2011

A súa morte supuxo a desaparición daquel papel predominante que xogara o noso país na historia da conformación do estado español

Lendas e loubanzas do Mariscal Pardo de Cela

Valorar (28)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS


O Mariscal Pardo de Cela


Achégase a data na que os rapaces de Galiza Nova van  lembrar, como fan tódolos anos, a figura de Pardo de Cela. Moita xente pode ver neste acto unha imprudencia, un desfase ou un levar a figura do Mariscal a posicionamentos nacionalistas. Quen isto pense está errado. O que se lembra o día 17 de decembro é a morte, na praza da catedral de Mondoñedo, deste insurrecto nobre no ano de 1483. A súa morte, como a desaparición doutros personaxes da alta nobreza galega, supuxo a desaparición daquel papel predominante que xogara o noso país na historia da conformación do estado español. 

Coma tódolos anos un bo número de rapaces e rapazas percorrerán as rúas do actual Mondoñedo, as mesmas que noutro tempo percorrera o Mariscal, probablemente atado de mans e subido a un cabalo, para que todo o mundo o puidese ver. O ferido nobre entraría na cidade pola porta da Vila, pasando por diante da catedral  para ser conducido á casa do concello, para dar cos seus osos no cárcere municipal. A cadea ca que foi prendido tomará o nome da Mariscala dende ese momento, como tamén o tomará a Ponte de Ruzos, tramo final do longo camiño que unía a Mondoñedo con Castela, e na cal, segundo nos conta a lenda foi retida dona Sabela de Castro, muller do Mariscal, cando traía no seu poder o indulto que liberaba ao seu esposo dunha morte segura. Segundo a lenda esa ponte pasou a ser coñecida como A ponte de Pasatempo.

Todo isto está no imaxinario dos mariñáns, forma parte do mundo das lendas e como tal hai que entendelas, iso non quere dicir que sexan verdade.

Se consultamos documentación mindoniense do século XVI, en concreto un documento do ano 1546, polo tanto 63 anos despois da morte do Mariscal, a ponte pola que se saía cara Castela seguía sendo coñecida como A Ponte de Ruzos. Non debemos facer caso cando se nos diga que a ponte que vemos no lugar dos muíños, a do Pasatempo, é a mesma pola que transitaba dona Sabela de Castro. No documento anteriormente citado dísenos que a ponte eran dúas vigas de madeira suxeitas por cordas.

Seguramente se miramos nos inventarios de material do concello de Mondoñedo dos séculos XVI e XVII veremos que no seu cárcere existían varias cadeas e moi probablemente ningunha delas reciba o nome de Mariscala.

Que as lendas entorno ao mariscal non son verdade é certo como tampouco son certas todas aquelas afirmacións que tentaban mingua-la súa figura.

Unha das primeiras figuras que criticou ao Mariscal foi Vasco de Aponte, cunha visión moi parcial do que era a nobreza galega. Otero Pedraio nunha carta que lle enviaba ao cronista mindoniense Francisco Mayán deixaba clara a súa opinión a visión que de Galiza daba este historiador: "ten vostede razón; dáse moi cega fé aos contos de campamento e trangalladas de Vasco da Ponte".

Moi pouco ten que ver a figura do Mariscal ofrecida por Aponte coa que aparece no Memorial da Casa dos Saavedra, escrito no ano 1679, no que se recolle o Romance de Pardo de Cela, unha composición popular que nos narra a venda da Frouxeira e o apresamento do Mariscal.

Neste ano, 2011, aínda seguen a ser dadas por válidas certas aseveracións sobre a vida do Mariscal que xa se demostrou non eran correctas.

No ano 1854, Ramón Sanjurjo Pardo, publicaba o seu libro Los Obispos de Mondoñedo, obra na que se pinta ao Mariscal como un usurpador dos bens da Mitra, coa que mantiña malas relacións, causa que obrigara a marchar cara Sevilla ao bispo Fadrique de Guzmán. Pese a que na obra de Lence Santar, do ano 1930, se deixa ben claro que o bispo marchara máis porque lle gustaba a vida alegre de Sevilla que polos enfrontamentos con Pardo de Cela, aínda hoxe se segue a manter viva a idea de que o Mariscal se apropiara de bens da igrexa mindoniense, cando todo apunta a que era ao contrario.

Nun libro sobre a fidalguía galega, publicado neste 2011, dise claramente que Pardo de Cela morrera por ter apoiado a Xoana "a Beltranexa" en contra da raiña Sabela e o rei Fernando. Esta idea nacera na obra que Felix Álvarez Villamil, do ano 1861, escribira sobre o Mariscal. Obra que empregou don Modesto Lafuente á hora de escribir a súa Historia General de España. Tampouco serviu de nada que na obra de Salustiano Portela Pazos, do 1957, se demostrase que esta afirmación é totalmente incorrecta, pois como vemos aínda se segue a repetir.

Benito Vicetto, na súa Historia de Galicia ,de 1872, presenta ao Mariscal, erroneamente, coma unha figura anticlerical e pro beltranexa no desexo que tiña o autor de  converte-lo Mariscal no mártir da redención galega. Que figuras como Leiras Pulpeiro, Vilar Ponte, Cabanillas ou Avelino Díaz tomasen o camiño, iniciado por Vicetto, de exaltación da figura de Pardo de Cela, converténdoa en cabeza da resistencia galega provocou que Manuel Casás Fernández, no seu libro Episodios Gallegos, 1953, intentase cortar de raíz todo este fenómeno definindo ao Mariscal como "uno de tantos señores que saquearon y sojuzgaron la tierra gallega". Que Manuel Casás diga isto resultaría meramente anecdótico se non fose porque no momento en que o dixo era o presidente da Real Academia Galega.

Hoxe en día, 2011, cando se aborda o tema de Pardo de Cela séguese a manter esa división entre os que queren minimizar o papel xogado por este home na nosa historia e os que o queren engrandecer en demasía, sen ter en conta a realidade histórica.

Algo tivo que te-la figura do Mariscal para que inmediatamente despois da súa morte aparecesen romances que loubaban a súa figura e para que ao longo do tempo os historiadores non deixasen esquecer a súa figura.

Este decembro, coma tódolos anos, os mozos de Galiza Nova lembrarán a figura do Mariscal, uns pensarán que son un fato de tolos que están errados, que non saben o que fan, outros pensaremos que fan o correcto. 


[11-12-2011 13:05] Iria A. comentou:

Moitas grazas polas palabras de agradecemento e esclarecemento dunha personaxe e un feitos que aínda seguen ocultados pola historiografía oficial española para a maior parte das galegas e galegos. Agardo mirarte nas Xornadas de Galiza Nova e continuar o teu artigo cunha conversa. Apertas!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña