00:49 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-12-2011

A sensación dunha lingua desprotexida

A que dedica exactamente os seus medios, esforzos e tempo a Secretaría Xeral de Política Lingüística?

Valorar (14)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA



Mentres comezo a escribir estas liñas leo a través do twitter a preocupación dun membro desta comunidade polo atrás que está ficando o galego no mundo dos aplicativos móbiles, tan estendido xa como evolución da telefonía móbil imposta polo mercado.

Con independencia de considerar altamente perigosa e ben pouco sustentábel, do punto de vista económico e do punto de vista ecolóxico, esta voráxine de cambio constante duns aparellos por outros en tan pouco tempo, o certo é que non lle falta razón ao meu amigo twitteiro: o galego chega tarde outra vez ás novas tecnoloxías; como chegou no seu día ao Windows, chega tarde ao universo Mac e tarde chega ao universo Android. Nin este nin IOS (sistema operativo de Iphone) teñen aínda software en galego e nin sequera permiten a posibilidade de navegarmos na nosa lingua. Ante isto, pregúntase acertadamente: e no entanto, que fai a Secretaría Xeral de Política Lingüística?

Na Mesa pola Normalización Lingüística creamos xa hai algúns anos a denominada Liña do Galego: un servizo para atender e tramitar queixas ou consultas relacionadas cos dereitos lingüísticos ou, tamén, para recoller e transmitir parabéns a aquelas empresas, entidades ou institucións que en cadanseu ámbito desenvolven unha práctica lingüística coherente, paso indispensábel para a normalización da nosa lingua.

Desde que en 2007 creamos o servizo -sistematizando e organizando mellor un traballo que na práctica A Mesa viña desenvolvendo xa -centos e centos de cidadás e cidadáns fixeron uso del e descubriron na Liña, como mínimo, un punto de referencia ao que se poderen dirixir, onde se poderen informar, onde poden ser, cando menos, escoitadas e escoitados.

Que a determinados axentes sociais, económicos e políticos moito os debe amolar termos unha sociedade máis e mellor informada dos seus dereitos lingüísticos -eu diría que dos seus dereitos en xeral -descubrímolo ben axiña: xa ao pouco de pórmos o servizo en andamento este convertíase no centro dunha infame campaña de difamación e descrédito contra A Mesa practicada a través dalgúns medios de comunicación, centrada especialmente na cidade da Coruña. Pouco importaba a gravidade e inxustiza dalgunhas das vulneracións denunciadas -a tristemente famosa Imprenta Porvén, que cobraba un sobreprezo a quen solicitase editar materiais tales como os convites para unha voda ou primeira comuñón en galego: o importante era, como non, matar o mensaxeiro.

O contexto de multiplicación dos ataques contra o galego padecido nos últimos tempos -con evidentes mostras a través da política depredadora da nosa lingua e da nosa cultura protagonizada polo propio goberno autonómico -non foi alleo ao propio funcionamento da Liña do Galego: a través das chamadas e correos electrónicos que recibimos diariamente constatamos como moitas persoas se senten visibelmente preocupadas pola actual situación lingüística, toman consciencia e deciden actuar, primeiro e imprescindíbel paso para modificar unha realidade que entenden inxusta. En segundo lugar, constatamos outro feito moi grave: a sensación de desprotección, de desamparo, que moitas e moitos galegofalantes conscientes ou medio-conscientes teñen á hora de quereren exercer o seu dereito a usar o galego en determinadas situacións ou circunstancias nas que o seu uso aínda dista de estar normalizado.

Nun país como o noso, onde un dos trazos que definen a nosa comunidade (socio)lingüística é a inseguridade que padecen unha gran maioría das e dos falantes, resulta duplamente letal que estas mesmas persoas perciban que non teñen un paraugas seguro onde se goreceren.

E isto é o que vemos que acontece: moitas das persoas que se dirixen diariamente á sede da Mesa pola Normalización Lingüística, ao teléfono 902 106 474 da Liña do Galego ou ao enderezo electrónico linhadogalego@amesanl.org o primeiro que nos contan é que non saben se fan ben dirixíndose a nós, se petan na porta axeitada: moitas dinnos que o fan porque xa non saben onde máis se poden dirixir, logo de probaren outras posibilidades; outras recoñecen que se dirixen a nós directamente porque non saben doutra porta na que petar.

De seguro que para todas estas persoas que se dirixen a nós non axuda moito o feito de o secretario xeral de Política Lingüística dicir publicamente, sen reparo ningún, que co actual marco lexislativo "non se lle pode exixir ás traballadoras ou traballadores do ámbito da Xustiza que empreguen o galego". Como non axudará tampouco moito tratar de chamar ao servizo de asesoramento lingüístico que teoricamente ofrece a SXPL, preguntarlles pola existencia dalgún programa informático de contabilidade empresarial que permita empregar o galego e que a resposta sexa derivarme ao departamento de Informática da Xunta, "porque alí é onde levan todo iso dos programas informáticos". Non é unha brincadeira: eis a resposta que me deron a min mesmo hai poucos meses.

Dun tempo a esta parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística abandonou o xa tradicional  -e escandaloso -silencio administrativo con que acollía todas as nosas comunicacións - de todas as queixas e reclamacións que recibimos na Mesa a través da Liña do Galego remesamos copia "de oficio" á SXPL -para introducir dúas novas variantes de resposta: a) O asunto non é da súa competencia e, por tanto, non pode facer nada; ou b) Se a queixa tamén vai dirixida ao Valedor do Pobo -cousa habitual -a Secretaría Xeral arquívaa, para así "non duplicar" procedementos, nunha interpretación un tanto peculiar e delirante da Lei do Procedemento Administrativo Común.

Se por casualidade dirixides algunha queixa por algún incumprimento da lexislación lingüística na Administración Local -algúns dos que con máis frecuencia atendemos a través da Liña do Galego -non vos apuredes: a resposta, neses casos, é invariabelmente que o asunto que denunciamos terá a súa resolución grazas á creación da Rede de Dinamización Lingüística. Si, esa mesma que está a servir como coartada para clausurar servizos de normalización lingüística plenamente operativos como o do Concello de Ames e que xa serviu de útil escusa para anular, por vez primeira, as axudas públicas da Xunta ás actividades de promoción da lingua no eido local, de facto as que permitían a moitos destes servizos poderen realizar a inmensa maioría das súas actividades.

No entanto, Anxo Lorenzo segue ao seu: a facer que fai, de inauguración en inauguración, de exposición en exposición. Nisto é que debe consistir a amabilidade lingüística feixooniana.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña