02:43 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-12-2011

En contra dos recortes na sanidade pública sempre estará o nacionalismo galego

O Pleno do Concello de Ourense e a sanidade pública

Valorar (16)

XOSÉ FERNANDO VARELA PARADA



No Pleno do Concello de Ourense celebrado hai escasamente unha semana, o BNG, a través da súa portavoz Isabel Pérez, apresentou unha moción sobre a anulación da tarxeta sanitaria ás persoas desempregadas e persoas sen recursos económicos.

A moción foi aprobada co apoio de BNG e Partido Socialista, recibindo os votos en contra da oposición, PP e Democracia Ourensana. O debate foi duro e bronco, como están a ser todos no Concello de Ourense neste novo mandato desde o primeiro Pleno celebrado no mes de xullo, unha oposición liderada por Rosendo Fernández, político do clan Baltar, ex subdelegado do Goberno na época Aznar, ex alcalde de A Merca, ex Director Provincial do Sergas, etc, etc, como podemos apreciar, un home de "partido".

O líder da oposición quería ser alcalde de Ourense e por iso ofreceu ao BNG de Ourense unha "oferta que non podería rexeitar", faltoulle un concelleiro para logralo, os dous de Democracia Ourensana non ían a fallar, pero quedouse ás portas da maioría absoluta. Este debe ser un dos motivos polo que sempre anda enfadado, os plenos reflexan unha constante forma de facer política próxima ao Tea Party americano, onde todo vale "para desgastar ao goberno municipal", ao bipartito, como sempre gusta dicir o señor Rosendo.

Antes de chegar ás mocións, o Pleno do Concello de Ourense, debateu xa na parte resolutiva, tres puntos sobre a Inspección Técnica de Edificacións, unha Modificación Puntual do PXOM do 1986 e a Aprobación das tarifas de Taxis, pois a pesar de votar afirmativamente todos os grupos municipais, o debate estivo cargado de recriminacións, foi bronco e fora de lugar, sempre na mesma liña de desprestixiar ao "bipartito", culpábel ata do "sexo dos anxos".

Neste Pleno, Miguel Abad, médico e concelleiro conservador, negou a máxima dicindo que o Protocolo de traballo remitido aos centros de saúde e hospitais non existía, e chamou "mentireira" á voceira do BNG, nun ton que reflexaba cabreo por levar ao Pleno de Ourense "temas extramunicipais". As mentiras do concelleiro do PP tiveron eco nunha edición local dun xornal "rexional", logo quedou claramente demostrado que o Protocolo existiu e existe, e que a muller de A Coruña, Mercedes Amaral sufriu as súas consecuencias, para a súa sorpresa, no centro de saúde onde acudira, informáronlle que non tiña dereito á consulta porque a súa tarxeta sanitaria fora desactivada.

Hoxe mesmo, o presidente que ía rematar co paro en 45 días, o señor Feijoo, propón abrir un debate sobre o pago de servizos complementarios da sanidade, logo de reducir en 237 millóns de € os orzamentos destinados á sanidade pública, logo de incrementar os concertos cos centros privados, logo da entrada de capital privado para o financiamento dos novos hospitais, redución de consultas, redución de persoal sanitario e para remate o decreto que nega o carácter universal da sanidade.

A suposta redución do déficit que queren conseguir a través dos recortes sanitarios, pódese ter conseguido mediante o aumento de impostos que afectan especialmente ás rendas millonarias, como o imposto de sucesións, impostos a grandes empresas, imposto de patrimonio, etc, etc, en moitos destes casos o Goberno Galego ten autoridade e potestade para elevar eses impostos, incluíndo o IRPF, impostos finalistas, impostos sobre o xogo...

En contra dos recortes na sanidade pública sempre estará o nacionalismo galego e por suposto o Grupo Municipal do BNG, extensión pública e política da nosa organización.

A respecto dos Plenos do Concello de Ourense, neste novo mandato son uns plenos mediáticos, onde unha oposición retrograda e cunha grande carga de demagoxia, converte as sesións nunhas largas horas de elevada tensión onde os portavoces de PP e DO son felices por un día, un día ao mes onde cren ser o centro da cidade, onde o señor Jácome, líder de Democracia Ourensana, pequeno empresario, dono dunha televisión local, que fala no Pleno en español porque lle peta e que se declara admirador de Margaret Thatcher, fai desas sesións un programa para a súa televisión que logo repite constantemente con comentarios do seu partido político e cos cortes que considera obvios para os seus intereses.

Pola súa banda o señor Rosendo, se erixe en defensor do ben e do mal, onde marca as directrices dos seus concelleiros e concelleiras con man de ferro, insulta aos membros do Goberno Municipal sen ningún reparo e descarga as súas fobias contra as políticas municipais cunha demagoxia barata.

Pola súa banda, o Grupo Municipal do BNG ten un duro traballo por diante, para levar a cabo políticas nacionalistas e de esquerdas nun  goberno de coalición ondea agora temos a metade da forza  que nos catro anos anteriores. Cunha repercusión mediática envelenada, onde cando segundo o xornalista de turno algo se fai ben é o Goberno Municipal e cando algo se fai mal é o BNG, e sempre o BNG, e ademais tentando transmitir ideas precociñadas nas oficinas de comunicación tanto do PP como do PSOE e que para colmo teñen altofalantes nas propias filas do nacionalismo ourensán.

O BNG foi, e ten que seguir a ser, o impulsor das políticas ao servizo da xente e dos barrios, sendo un  dos obxectivos a mellora na calidade de vida das veciñas e veciños de Ourense, mais tamén facer políticas transformadoras que xeren ilusión na cidadanía e que vexan ao nacionalismo como motor deste goberno e como garante da defensa incansábel dos dereitos de Galiza como pobo e como nación.

Este Grupo Municipal devolveulle o protagonismo á organización e á militancia, as liñas políticas teñen que ter unha dirección, desde os organismos do BNG cara ao Grupo Municipal e non ao revés, outra cousa é a situación interna... e iso xa queda para outra ocasión.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña