10:40 Xoves, 29 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-03-2010

O Goberno español comeza a exhibir síntomas de nervosismo como o feito de que Zapatero conceda en menos dun mes tres entrevistas a televisións públicas “amigas”

Acorralado ZP

Valorar (6)

EVA LEMA TRILLO


José Luis Rodríguez Zapatero


Non lle van ben as cousas ao Presidente do Goberno español. O que até agora era visíbel e nítido para os demáis, mais oculto e invisíbel para ZP que seguía a sorrir con talante, comeza a ser un motivo serio de preocupación no Goberno e no partido que o substenta. E os síntomas emerxen con descaro.

Van tres entrevistas a Zapatero en televisións públicas amigas en menos dun mes. Primeiro en TVE en "prime time" e atendendo a tres xornalistas da tele estatal que desde logo fixeron de todo menos poñelo en apuros. Un traxe feito a medida para lucimento do Presi que de seguro non foi moi inocente nesa operación de propaganda.

A seguinte produciuse no principal feudo do PSOE pero actualmente en perigo de desaparición, na televisión autonómica andaluza. Outra operación agudamente pensada e planificada para "sacar o santo" e ensinar a ZP en aras a alonxar os malos augurios das enquisas sobre o futuro eleitoral en Andalucía. Non é para menos, a perda do eido andaluz debe provocar tembror nas pernas socialistas pois apunta directo ao corazón das eleicións xerais, un dos principais graneiros de votos do PSOE.

A terceira das entrevistas foi esta mesma semana. ZP acudiu de novo a outra televisión autonómica, TVE3. Outra área ameazada porque Catalunya tamén está en estado de sitio e así o reflexan as últimas enquisas nas que o PSC sae mal parado. Por iso apareceu o Presi en horario nocturno, o de máis audiencia, co obxectivo de evitar a caída libre.  

Tanta entrevista en doses pouco moderadas permiten adivinar a fonda preocupación de ZP e os seus, xa asfixiados polas malas e constantes noticias económicas.  O barco vai a pique engulido pola crise económica, por unha xestión que a estas alturas xa se pode cualificar de pésima e onde non parecen brotar brotes verdes no horizonte lonxano no que só se atisban os grises e os negros. Moito nos tememos que a optimista traxectoria do Presi, que incluso lle valeu o cualificativo de "Bambi" entre os seus, iniciou o camiño de descenso.

E posto que estou a falar de síntomas de nervosismo socialista, non se pode pasar por alto a persecución sen descanso á que o Goberno está a someter a todos os partidos da oposición co propósito de acadar un pacto de todos contra a crise,  cando a crise leva xa case dous anos de andaina. A boas electorais horas. Veñen as presas a deshora, con xestos que se dirixen á galería e sobre os que pesan moitas dúbidas de efectividade. A menos que desta volta, o Goberno se tome verdadeiramente en serio as propostas do nacionalismo de esquerdas ou do arco parlamentar da esquerda en lugar de choscarlle o ollo constantemente aos grupos da dereita.

Outro sinal de decaemento é a teima que lles entrou pola austeridade e o aforro, iso sí a conta das Comunidades Autónomas porque por ningures vemos que o Executivo central recurte por exemplo Ministerios, e desde logo, algúns sobran clamorosamente. Porén, non sobran son os servizos sociais e públicos que as CC.AA prestan desde o eido das súas competencias: educación, sanidade e prestacións sociais diversas. Esperemos que as ansias de aforro non vaian por aí xa que sería un auténtico desatino nun contexto de crise económica no que se precisan máis prestacións públicas. Eu dubido das intencións dun Zapatero falando de reestructurar as empresas públicas. Que horror! Parece un deja vú, xa o vivimos con Felipe González.    

E neste amosar sen pudor do estado de ánimo do Goberrno, a engranaxe gubernamental trata de salvar os trastos exhibindo a carta de convite de Obama a ZP para que asista á cimeira sobre seguridade nuclear o próximo 12 de abril, convite estendido a outros 40 mandatarios máis pero do que hai que facer singularidade. A ver se o Presi volta a rir posto que comeza a acusar síntomas de depresión. É normal, a tensión gaña terreo ao talante e xa os músculos dos maxilares comezan a endurecerse. Non é o mesmo ZP de sempre, incluso se enche de ira nas sesións de control. Como dirían os americanos, Zapatero vive actualmente os piores índices de popularidade do seu mandato, e o futuro está pendente dun fío.  

Nen siquera o semestre de Presidencia española da UE vai salvar a situación por moito que nos meteran o fugaz goberno europeo polos ollos, incluso nas campanadas de fin de ano 2009 retransmitidas pola TVE. Unha mistura de uvas con propaganda institucional sobre o que prometía ser un reinado con moitos logros. Aínda estamos agardando a resposta prometida polo Presidente a Jorquera sobre a volta de Izar Fene á construcción naval civil, ou que se cumpran os compromisos parlamentares como a moción do BNG aprobada en Pleno para que aproveite os seis meses en favor do sector lacteo.  Polo de agora, res de res.

Triste balanzo de lexislatura cando xa se chegou ao ecuador do goberno. A cousa non pinta nada ben, o ano augúrase duro para o Goberno central no que terá que facer algo máis que tratar de sair ben na televisión. Aguantará ZP o tirón? Aí deixo a incógnita para quen teña gañas de despexar a ecuación.   


[29-03-2010 ] Eu comentou:

É que nin el sabe o que quere, moito combater a crise pero deixar que Astano faga barcos non. E iso que se comprometera.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña