13:05 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-12-2011

É absolutamente falaz a idea de que o BNG se enfrontaba ao 20N nun contexto favorábel, nun escenario de oportunidades

A alternativa esperanzadora

Valorar (46)

XABIER PÉREZ IGREXAS



O feito de que o nacionalismo galego manteña a súa representación parlamentar nas Cortes españolas, nas persoas do compañeiro Francisco Jorquera e de Olaia Fernández Davila, constitúe indiscutíbelmente un bo resultado. Porén, é comprensíbel que se desexase un resultado cuantitativamente mellor e que esa arela poida manifestarse ás veces en forma de frustración.

O 20N constitúe un bo sinal para o nacionalismo galego, na medida en que rexistra un retroceso moi leve (inferior ao 1%) en relación aos comicios xerais de 2008, amortecendo a tendencia á baixa o que nos permite poder albiscar, coa prudencia necesaria e desde a autoesixencia, o inicio dun cambio de ciclo. Sirva como exemplo disto o caso da miña cidade, Vigo, na que nestas xerais o BNG retrocedeu 10 veces menos que nas municipais de maio deste mesmo ano (-0,7% fronte un -7%) en relación a cadanseus procesos electorais anteriores. En Vigo, por vez primeira desde 2003, o Bloque obtivo máis votos nunhas eleccións xerais que nas municipais.

Eu tamén desexaba un mellor resultado, malia que ninguén podía ter elementos que fundamentasen esperalo -nin antes nin despois do 20N-, e como milleiros de comprometidas/os militantes acheguei modestamente o meu grao de area na súa procura. Con todo, é absolutamente falaz a idea de que o BNG se enfrontaba ao 20N nun contexto favorábel, nun escenario de oportunidades. A folgada vitoria do neoliberalismo españolista, en forma de abafante e absoluta maré azúl, tanto a nivel de Estado como en Galiza, refuta ese espellismo que está a ser esgrimido de xeito oportunista.

Na análise dos resultados é ben difícil negar o efecto de factores esóxenos coma a crecente españolización, que serve de montura ideolóxica para o imparábel proceso de recentralización do Estado, ou a invisibilización mediática do nacionalismo -agravada polo esmorecemento recente dos media galegos. Mais há tamén factores endóxenos; como a práctica dun cainismo exhibicionista que nin tan sequera agardou un día tras os resultados para utilizalos como munición interna, ou a non resolución completa dalgunhas contradicións nas que incorre a práctica institucional da fronte nalgúns ámbitos.

A consecutiva perda de respaldo electoral non é unha tendencia iniciada en 2009. O ciclo descendente arranca mesmamente coa chegada ás principais alcaldías nos albores do presente século, e agudízase na recta final da primeira década dos anos 2000, coincidindo co goberno galego bipartito. A súa principal causa non ten a ver co cambio de liderados, senón fundamentalmente cunha progresiva desafección social coa oferta política dun nacionalismo desvirtuado.

O resultado obtido por Esquerda Unida no noso país, preocupante sobre todo nalgúns ámbitos urbanos, vén a confirmar que esa desafección aséntase en boa medida en que unha parte do noso pobo non visualiza ao BNG como a alternativa galega de esquerda real que é. E nesa falta de crédito pesa aínda o lastre da experiencia de goberno na Xunta, que malia ser globalmente positiva frustrou -por homologación- as expectativas dun segmento importante da base social do BNG. Pesa tamén a falta de correspondencia entre o actual discurso nacional da fronte, re-encardinado coa elección de Guillerme Vázquez como Portavoz en chave de neta esquerda nacionalista, con prácticas institucionais en ámbitos coma o municipal, pouco ou nada consecuentes con este.

Os votantes perdidos e os novos votantes non conquistados, non nos están a demandar unha nova viraxe ao posibilismo electoral. Non nos reclaman transmutar un proxecto transformador nun sucedáneo homologábel. Nunha impostura con acento. O noso pobo precisa dunha forza que impulse un proxecto emancipador en chave social e nacional para o noso país, máxime no vixente contexto de crise do capitalismo neoliberal que bate con crueza contra a maioría social.

É preciso, polo tanto, insistir no actual discurso do BNG. Debemos profundar e consolidar, desde a credibilidade dunha praxe coherente, o perfil da fronte nas coordenadas da firmeza ideolóxica (esquerda real, autodeterminismo, antiimperialismo) asentada no triplo eixo soberanía-democracia-traballo, do compromiso firme e insubornábel coa maioría social que constitúen as clases populares -suxeito fundamental do noso proxecto-, e da complicidade cos movementos sociais e o sindicalismo nacionalista na procura de sinerxías que enraícen ao BNG mesmamente na base do pobo galego.

Non se trata de ser unicamente forza de goberno, aspecto que ninguén discute. Tŕatase de sermos ou non unha alternativa efectiva ao neoliberalismo que nos oprime e á súa socialdemocracia cómplice. Neste escenario indignante onde as clases dominantes, o capital, están a resolver de xeito obsceno a crise ao seu favor a costa de multiplicar a miseria, debemos teimar en seguir a ofrecer unha alternativa esperanzadora que promulgue un cambio radical da realidade en favor da maioría.

O contrario será unha nova e decepcionante viaxe a terra de ningures, que o noso pobo xa non se pode permitir


1 2 seguinte

[05-12-2011 10:06] undacasacomún comentou:

cando falas de práticas non consecuentes co ideario nacionalista e de esquerda desde os concellos governados por nós pódeste estar referindo ao mellor a traer a volta ciclista a españa por pontevedra, gastando inxentes cantidades de diñeiro do concello para favorecer o negocio dos hoteis de ricos?????

[04-12-2011 18:49] euloxio comentou:

Alguns pensamos que o bipartito quintanista foi letal para unha parte importante do BNG que despois de muito loitar contempla que se fai unha politica casi de dereita (sin esquecer o HORROR que causou ollar a Quintana bailando cos vellos). Ademais, si se aproban na asemblea unhas politicas e despuis nos distintos concellos cada un aplica a que ñe peta provoca un desconcerto profundo na militancia, amigos e votantes. Falta rigor ideolóxico, lealtade, compromiso, traballo e respeto unhos po los outros (tanto po las minorias como po las maiorias). Non pode ser que forzas muy minoritarias queiran impoñerse as maiorias na cova dos nosos inimigos: os medios. Esto non o toleraria ninghun outro partido. E intolerable, unha provación que, casi con seguridade, agocha a idea de dinamitar o nacionalismo galego. Confio na xente responsable, de calquer "sensibilidade", para impedir tales fins. Adiante hata a asemblea e na mesma, co dialogo e as cartas boca arriba, tratemos de acordar o mellor para o nacionalismo todos unidos. Os que non queiran asumir a politica que aprobe a asemblea serìa desexable que deixen a organización. Xa está ben¡. Vensenos o mundo encima e algunos falan de abrirse a sociedad (Convergencia y unió?). Que ollen a politica que aplica tal forza en Cataluña. Este momento histórico esixe unha politica de enfrontamento coa dereita reacionario-liberal, a defensa das clases populares, o antimperialismo y a loita po la paz.

[04-12-2011 14:48] Eu comentou:

Ocórreseme unha estratexia para subirmos en votos: deixar de "autocriticar" permanentemente o BNG na prensa e nas redes sociais e no canto diso falar das nosas propostas para a sociedade, que de certo será o que máis lle interese ouvir a calquera que contemple votarnos. Probemos a facelo, pode dar resultado.

[04-12-2011 13:25] mei comentou:

"constitúe indiscutiblemente un bo resultado".....estamos de coña? veña home, con esas lecturas e sen a máis mínima autocrítica á xestión que o BNG fai de si mesmo....camiñades ´(e con vós os votantes)....cara a desaparición do BNG e cara o residualismo do nacionalismo.....

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña