01:00 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-11-2011

En Galicia temos experiencia histórica de tranvías e trolebuses que hai que saber aproveitar

Cidades e tráfico

Valorar (8)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ


Tranvía e trolebús diante da estación de Ferrocarril en Xenebra, Suíza.

A Coruña é unha cidade que polas súas características orográficas así como tamaño tanto en superficie como demograficamente se pode camiñar sen excesivas dificultades aparentes. Semellante ao resto das cidades galegas. O mesmo que noutras cidades galegas.

Estoutro día baixaba paseando da Agra o Orzán cara Pescadería  é observei dous incidentes moi significativos. En primeiro lugar un atropelo nun paso de peatóns. Non se crean vostedes que son infrecuentes. O infrecuente é que sexan noticia. Ocultan os datos reais. A continuación un coche estacionado non paraba de deleitarnos cos seus decibelios porque non podía saír, estaba encaixonado entre dous en dobre fila.

Máis adiante cando subía cara a Monte Alto un bus público está parado posto que un coche tamén en dobre fila obstaculiza a súa marcha. O problema multiplicase coa contaminación acústica que iso provoca nunha reacción en cadea así como de gases contaminantes que nos reparten gratuitamente a todos. Ao regreso do paseo atópome cunha ambulancia onde o conductor desesperado intenta saír dun cárcere en que o teñen emparedado sen visos de solución rápida.

Todo isto nun contexto onde leo que se vai suprimir o carril bus  para aumentar o número de aparcamentos en superficie así como outras lindezas. A miopía do goberno municipal é grave pero xa é moito máis que a oposición aplauda as medidas en base a supostos milagres tecnolóxicos que van solucionar o problema. Non é miopía. É cegueira total.

Fonte:  Fraga Rodríguez, Xan, Tranvía de Ferrol, Espiral Maior, A Coruña, 2001,  *Tranvía Vigo-Mondariz (nunca pasou de Porriño)

O resultado será máis atascos, máis contaminación, unha cidade máis inhumana, menos amable. Dominio absoluto do coche fronte as persoas. Reducción do transporte público colectivo, pois haberá menos frecuencias dos buses, menos puntos de conexións urbana e interurbana, o tempo que se tarda en atopar aparcamento significa máis  gasto de combustible, contaminación atmosférica, acústica, estrés... Son medidas claramente retrógradas, sen dúbida.

Non se pode, nin se debe, separar o problema do tráfico urbano do interurbano.  O problema de fondo é o mesmo, aínda que loxicamente hai particularidades. Ten que haber un sistema intermodal que conecte as distintas áreas metropolitanas, que disuada de coller o transporte individual, que conecte os portos e aeroportos con frecuencias atractivas.

Andar a pé, en bicicleta (carrís-bici) é máis saudable. Non vale a desculpa de que chove, como se en Amsterdam no chovera ou fixera frío. E no demais  estimular grandemente  o transporte colectivo

Na actualidade só en Europa hai máis de 250 cidades que teñen sistema de trolebuses, moitas veces compaxinado co tranvía e co tren de proximidade. Hai casos como en Suíza (Xenebra, Neuchâtel) onde coexisten os Trens, Tranvías e Trolebuses, nunha rede urbana e interurbana realmente modélica de transporte colectivo. Son os tres "tes" dun transporte racional e ecolóxico. En Galicia temos experiencia histórica de tranvías e trolebuses que hai que saber aproveitar (ver cadro).

Son sistemas de transporte modernos, non contaminantes e moi versátiles. Nas temporadas en que vivía en Xenebra no barrio de Onex sempre collía o trolebús número dez para ir ao aeroporto. Claro que Xenebra non é unha cidade moderna.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña