09:58 Domingo, 26 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-03-2010

Son cada vez máis os galegos e galegas que toman conciencia do perigo deste españolismo extremo do goberno do PP

O decreto contra o galego: a simbiose de Galicia bilingüe e o Partido Popular

Valorar (12)

ANXO LOUZAO RODRÍGUEZ


Entre outros/as, Ana Pastor, Carlos Negreira e Alfonso Rueda na manifestación de "Galicia bilingüe" en Santiago


Por  primeira vez, o goberno galego atenta abertamente contra o proceso normalizador e incorre na desobediencia do marco legal actual, desentendéndose da obriga de que "os poderes públicos... potenciarán o emprego do galego en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento" (artigo 5.3 do Estatuto) e non aceptando que "o galego, como lingua propia de Galiza, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos" (  artigo 12.1 da Lei de Normalización Lingüística). A única lingua que precisa normalizarse por desfavorecida e debilitada non é outra que a nosa, a propia e natural de Galiza. En contextos lingüísticos diglósicos como o noso en que a lingua histórica e propia segue marxinada de moitos ámbitos e usos, desposuída dos dereitos da lingua imposta (o español) e mesmamente prohibida, a proposta de falsos  e imposíbeis equilibrios tórnase letal para a lingua sometida e asoballada. Falséase a realidade sociolingüística, dando por feito a igualdade das dúas linguas oficiais, para promover un decretazo que persegue acelerar o proceso de eliminación do noso idioma como útil e de uso social e público. Disto dá boa conta a valoración de "Galicia Bilingüe" (coa que foi consensuada esta proposta de decreto), ao mostrar o seu apoio entusiasta porque supón "o principio do fin da normalización ... desde el momento en que se establecen dos bloques tan desequilibrados y se deja decidir a los padres.. seamos prácticos y démosle oxígeno a quien lo necesita..." Aquí, nestas palabras, condénsase a verdadeira pretensión do proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino, que non é outra que acelerar e dar por bo e natural o descenso do uso habitual do galego que o Mapa sociolingüístico de Galiza de 2004 sitúa nun 22,1% nos últimos 12 anos. Soamente se pode promover este decreto desde a intención de alguén (o Partido Popular) que pretende a erradicación da nosa lingua como marca colectiva dos galegos e galegas.

Por primeira vez, lexíslase explicitamente para reforzar o español, obrigando a impartir as materias de Tecnoloxía, Matemáticas e Física Química nesa lingua, cando xa hai 15 anos que o decreto 247/95 estabeleceu a obrigatoriedade de impartir en galego Física e Química e que, posteriormente, o decreto 124/2007 ampliou ás Matemáticas. Con esta medida non só mingua o ensino en galego, cando nin no mellor dos escenarios posíbeis se  alcanzarán os mínimos  regulamentados desde hai máis  15 anos,  senón que subxace o descrédito e desprestixio do noso idioma, ao  estar emitindo a  mensaxe  de que non esta dotado para impartir as materias do ámbito científico técnico.

Por  primeira vez os pais e as nais deciden a lingua de ensino na educación infantil e no ensino obrigatorio. O traspaso ás familias  de decidir en que lingua se vai vehiculizar o ensino supón un disparate e un despropósito desde todos os puntos de vista e un confronto no propio centro. Búscase instrumentalizar os pais e as nais para reducir, aínda máis, a cativa presenza do galego no sistema educativo, aguilloados por unha Consellaría que procura afondar nos prexuízos e na falta de recoñecemento social de que carece o noso idioma. É máis, a maioría que fixará as materias a impartir en español pode ser unha minoría para o seguinte curso e, porén, o reparto continuará igual. Coa prerrogativa dada as familias para fixar a lingua vehicular en Infantil, simplemente declarando a  "lingua materna" dos seus  fillos/as, sabemos que se está fertilizando o terreo para que, mesmamente, naqueles contornos ou familias galego- falantes, se declare que o galego  non é a lingua predominante. Expúlsase o galego de Educación Infantil, impedíndolle ao alumnado o mínimo contacto co noso idioma até os sei anos, extremo que, nin sequera, sucederá co idioma estranxeiro. Aos pais e ás nais non lles corresponde nin ordenar nin planificar o sistema educativo, igual que non lles compete elixir o currículo escolar, decidir se escolarizan ou non os seus fillos e fillas, estabelecer a carga lectiva de cada materia, etc. Todos e todas contribuímos a soster esta sociedade. Por tanto, a todos e a todas nos compete o funcionamento do sistema educativo, xa que del, en boa medida, dependerá o futuro da nosa sociedade. A todos e todas nos concirne a normalización lingüística, porque a lingua é patrimonio de todos nós e o futuro da nosa nación irá  parello ao seu porvir.

Por primeira vez, lexíslase en contra de que o alumnado estea obrigado a usar o galego nas materias que se imparten na nosa lingua, retrotraéndonos a antes de 1983, ano en que se promulga o primeiro decreto que xa estabelece que o alumnado terá que usar o galego nas súas manifestacións orais e escritas naquelas materias que se impartan en galego. Trátase de sepultar todo o conquistado até de agora e arredar o máis posíbel a mocidade da competencia e uso do noso idioma.

É a primeira vez que a desconsideración e desautorización do profesorado queda patente. Preténdese obrigar o profesorado que imparte as súas aulas en galego, algúns e algunhas desde hai máis de 30 anos, a impartir, agora, as Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en español. Profesorado que con entrega elaborou, renovou e innovou materiais en galego para estas materias. Procurou, coa súa dedicación e esforzo, a formación necesaria para impartir docencia en galego en materias científico-técnicas, consciente da importancia que comportaba para valorar e prestixiar socialmente a nosa lingua e para avanzar no proceso de normalización. Asumiu, contra vento e marea, por compromiso e convicción propia, un ensino galego e en galego, consciente de que a educación ten que se pór ao servizo da transformación da sociedade, formar cidadáns/ás desalienados e conscientes da súa pertenza a unha cultura e a un País.

Son cada vez máis os galegos e galegas que toman conciencia do perigo deste españolismo extremo do goberno do Partido Popular, inimigo do galego que non coñece límites para atentar contra o noso e combater a normalización cun proxecto de decreto que supón un retroceso de máis de 30 anos. De aí o seu rexeitamento co apoio e participación multitudinaria a prol do noso idioma. Se continuamos mobilizándonos, sen desbotar a convocatoria doutra folga no ensino, e actuando de xeito colectivo e organizado, como o fixemos e seguiremos facendo desde a plataforma Queremos Galego, seralles imposíbel aplicar este decreto, porque en palabras de Uxío Novoneira:  "a forza do noso amor non pode ser inútil"


[25-05-2010 22:32] alejandra comentou:

Evidentemente, hai pais e nais que cren que o criterio de "utilidade" é un valor moito máis importante para o desenvolvemento da personalidade dos fillos que a identidade propia :- (

[30-03-2010 ] Susana comentou:

Parabens polo artigo.

[28-03-2010 ] Pedro comentou:

A foto do artigo é xenial, entre os SIs Pilinguis pódese ver aos chiquiliquatros Alfonso Rueda e Carlos Negreira con cara de "y yo porque me meto en estas tonterías". Noraboa polo artigo moi traballado.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña