07:15 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-11-2011

Calou na sociedade a idea de que todo é "opinábel", que a realidade é sempre múltipla e que todas as opinións son sempre igualmente válidas

O falar non ten cancelas: a verdade si. De por que non todo é sempre opinábel

Valorar (57)

ROBERT NEAL BAXTER



Inspirado en parte por unha resposta recibida a raíz dun comentario que fixen acerca do artigo Celtas, pêro que celtas?, esta miña entrega mensual pretende ir máis aló do anecdótico para tratar unha cuestión que transcende o tema concreto do substrato céltico do galego, atinxindo un asunto de maior alcance xeral que creo debería ser motivo de preocupación, nomeadamente a confusión entre a expresión da ignorancia e o dereito de expresión.

Fomentada polo relativismo postmodernista, calou na sociedade a idea de que todo é 'opinábel', que a realidade é sempre múltipla e que todas as opinións son sempre igualmente válidas. Para alén de falso, trátase dun dogma perigoso. Entendámonos: a mesma realidade pode interpretarse de diferentes xeitos, mesmo antagónicos, mais o que non mudan son os feitos obxectivos sobre os que se sustenta a realidade.

Asistimos desde hai algún tempo a un secuestro semántico, á imposición subrepticia da perversión ideolóxica neoliberal do concepto de 'liberdade' impulsada desde a dereita (p.e. radio Libertad Digital, a Asociación Nacional por la Libertad Lingüística, Premio FAES de la libertad, a cuña 'somos libres' da COPE, etc.), entendida como un tótum revolútum de opinións onde todo e calquera cousa vale por igual e que nada ten a ver coas arelas de verdadeira liberdade popular que existían durante o franquismo e que algúns destes 'liberais' tanto tardan en repudiar.

De cara ao público, esta nefasta deturpación da 'democracia participativa' plásmase no espectáculo mediático da tertulia, que consiste en seleccionar (non o esquezamos!) e reunir unha serie de 'persoeiros' que se quere proxectar como opinador@s profesionais para sentaren cátedra sobre un amplísimo abano de temas sobre os cales a miúdo -non sempre- non teñen absolutamente ningún coñecemento que os avale. A farsa do faladoiro serve para reducir ao nivel da frivolidade estéril da parrafada de baiuca calquera debate de fondo calado social, impedindo a resolución efectiva dos problemas reais ao ocultar a súa verdadeira natureza. Sen entender a realidade tal e como é, non se pode axir, nin construír sobre ela.

Con todo, sempre hai quen prefire 'expresarse' sen o incómodo couto de ter que confrontar as súas opinións con críticas discrepantes baseadas en feitos contrastados: "[...] en troques de aplicar tanto esforzo a xulgar e descualificar as opinións dos demais, fora máis enriquecedor, simplesmente, aportar [sic.] a nosa opinión persoal e disfrutar [resic.] do contraste de opinións". Dáse a entender, pois, que deslexitimar os argumentos de alguén por non se conformaren á realidade sería sinónimo de 'censura'. Mais non o entendo así: non todo o que se conta no bar do Puskas vale para ser publicado nunha revista de reflexión seria como esta.

Obviamente, cada un/ha é libre de opinar o que queira. No entanto, non se debe confundir o desexo de a realidade ser dun determinado xeito e a propia realidade, por non dicir o cu coas témporas. Pódese defender que o sol xira ao redor dunha terra plana, que a lúa está feita de requeixo ou que os homes brancos son máis listos que as mulleres negras (ou vice versa), etc., mais non por iso ha ser certo á luz dos factos. Así, 'contrastar opinións' sen contrastar os feitos nunca será máis que unha soberana perda de tempo, tan útil como debater sobre o sexo dos anxos.

En realidade, o pensamento neoliberal do 'todo vale' serve para confundir e ocultar a realidade, impedindo así calquera acción real e efectiva sobre a mesma para mellorala. E é que, pese a quen pesar, os factos non son sempre opinábeis: o método científico que nos permite avanzar non é democrático.

A combinación do método científico e a dialéctica marxiana dános as chaves para progresarmos de xeito racional no canto de nos apoiarmos en preceptos máis propios da fe relixiosa. Así, cómpre reparar nos factos froito da investigación, sintetizalos, analizalos, interpretalos, contrastar as diferentes interpretacións (xa non simples 'opinións'), exercer a autocrítica e a rectificación para asentar as bases dun coñecemento rigoroso da realidade, rexeitando debates estériles e conclusións que non están validadas polos datos empíricos.

Acúsaseme de elitismo académico ao afirmar: "Como se siga a esgrimir a necesidade de ter título universitario para facer un artigo, vai chegar o momento en que só van poder opinar os premios nóbel". Ante todo, cómpre dicir que a acusación é falsa, pois en ningún momento dixen -nin moito menos creo- que faga falta unha licenciatura para formular argumentos pertinentes. De feito, eu mesmo escribo sobre temas sen contar cunha formación académica específica na materia, mais sempre procuro fontes fide dignos que sustenten o meu argumentario, e ficando disposto a mudar de parecer se os feitos cos que me atopo contradín as opinións de partida.

O que máis é, creo que as persoas que temos o privilexio dunha educación universitaria e que detemos as chaves do método científico temos o deber de devolvermos este coñecemento á sociedade no seu conxunto e no seu beneficio. Así, como socialista comprometido que son, acho atinada a 'teoría marxista do coñecemento' expresada por Mao en termos de "das masas, ás masas", iso é, ficar atento ás opinións do pobo baseadas na experiencia vivida ('aprender'), e asemade colocar ao seu dispor os elementos e metodoloxía necesarios para analizalas e sistematizalas de xeito coherente e científico ('ensinar').

Non se trata, pois, de denegarlle a ninguén a posibilidade de se expresar libremente. Porén, cando se trata de foros máis formais como este, entendo que se pode exixir un mínimo de rigor, contrastando datos e, se couber, corrixindo as análises.

O proceso de adquisición de información para a súa posterior análise xunto coa procura permanente de información nova ('investigación') é o sustento do que denominamos 'aprendizaxe'. Achegar datos novos non se fai nun afán malvado de rebater opinións contrarias, senón de construír para avanzarmos cara á verdade.

Pola contra, opinar por opinar non é máis que ignorancia disfrazada de liberdade de expresión e leva ao estancamento, condenando a sociedade ao inmobilismo. O método científico, en troques, permite a verdadeira confrontación de interpretacións dos factos obxectibábeis e serve de motor para a sociedade avanzar.

Aínda que descontextualizado, acredito no acertado da sentenza de Mao Zedong: "Sen investigación non hai dereito á palabra".

1 2 3 seguinte

[01-12-2011 12:47] Antonio das Mortes comentou:

Acho qeu o Terra e Tempo publica máis comentarios dos que debera, e como siga facendo así, rematará nun fiadeiro de tantos... e deixarei de leelos.
De feito esta é a única web na que leo os comentarios e remito algún, xustamente porque están controlados.
Inconveniencias hai por toda a parte, así que é de agradecer que alguén no-las aforre...
Se se practica algunha censura aquí é por parte nosa, dos "opinantes", que lle ocultamos aos lectores a nosa identidade, e con iso impedímoslle valorar os comentarios pois que, como se sabe na cultura popular, "as cousas son de quen veñen"...

[01-12-2011 12:32] Rafa comentou:

Noraboa, Neal, outro artigo interesante. O que dis ven a ser o que se fai na universidade tódolos días: dar unha opinión e logo dicir sobre qué a fundamentas. De non teres unha base sólida, desármancha en medio minuto e alá vas. O problema é que iso trasladado á política é complicado porque a popularidade, lamentabelmente, non se basea niso. Ten a ver o non levar gravata se queres atraer un público novo, levala se queres transmitir unha opción de estabilidade etc. E se entramos en materia económica, hai economistas titulados con opinións distintas sobre como encarar a crise ou o desemprego, a xente da rúa vai ter moita máis discrepancia . Se mesturamos eses factores, a batalla da popularidade acaba sendo quen dá máis mitins e quen a ten máis longa, o que é triste.
Saúdos :)

[30-11-2011 22:51] Para Calquera comentou:

Probaches a enviar os comentarios sen demasiados insultos? Ao mellor así chos publicaban.

[30-11-2011 15:54] Calquera comentou:

Non quero entrar en polémicas estériles, pero quero facer dúas consideracións:
a. A min, como insinúa Gaelego, tamén se me teñen censurado (ou cando menos non publicados, que é o mesmo) comentarios enviados ao Terra e Tempo.
b. Os responsábeis do Terra e Tempo deberían cuestionarse o feito de ter a Robert Neal Baxter como colaborador. A súa arrogancia roza a chulería e, o seu suposto saber de todo, fai que non deixe de ser o que na rúa se chama un "listillo".

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña