03:38 Venres, 03 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-11-2011

Colombia, durante a presidencia de Uribe, tivo o máis alto índice de asasinatos de sindicalistas, líderes obreiros e xornalistas do mundo

O reinado paranarcomilitar de Álvaro Uribe

Valorar (14)

XURXO MARTIZ CRESPO



En setembro de 2011 Jorge Noguera Cotes, ex director do Departamento Administrativo de Seguridade (DAS), axencia de intelixencia xudicial, policial e antiterrorista estatal,  foi condenado a 25 de anos de cadea  pola infiltración masiva de paramilitares nese organismo estatal, asasinato, ocultación e enriquecemento ilícito. A condena non é máis que a comprobación dos fortes vencellos entre o ex presidente Uribe e o paramilitarismo de extrema dereita e o narcotráfico. 

A condena non implica a Uribe directamente, que pediu perdón por telo contratado, malia enfrontarse aos medios no inicio das investigacións e asegurar que «poría as mans no lume por el». Non é casual a presenza de paramilitares-narcotraficantes  no Goberno de Uribe. As súas orixes paternas, no narcotráfico e no paramilitarismo, podemos velas na solicitude de Estados Unidos de extradición por narcotráfico contra o seu pai, que morreu asasinado nun axuste de contas polos propios narcotraficantes (e non pola guerrilla, como el adoita simular). En febreiro de 2011 o curmán do ex presidente Uribe, o político Mario de Jesús Uribe Escobar, foi condenado por paramilitar, no caso dos «parapolíticos», ese 35% de deputados que, segundo Salvatore Mancuso, xefe dos paramilitares que cumpre condena nos Estados Unidos por narcotráfico, estaban ás súas ordes. Velaí a ministra de Exteriores de Uribe, María Consuelo Araújo, o seu irmán, deputado, e o pai...


Os principais cargos polos que foi condenado Jorge Noguera foron manter vencellos con xefes e membros das Autodefensas Unidas de Colombia (AUC), nome co que se coñecen os paramilitares en Colombia.

Noguera protexía desde 2002, ano en que tomou a dirección do DAS, os xefes paramilitares Rodrigo Tobar Pupo e Hernán Giraldo, alcumado «Jorge 40». Subministrou aos paramilitares nomes de profesores e sindicalistas que máis tarde serían asasinados, un deles o profesor de socioloxía Alfredo Rafael Francisco Correa de Andreis. Utilizou o seu cargo como director da DAS para favorecer os seus intereses no paramilitarismo e no narcotráfico. A DAS quedou tan danada que tivo que ser eliminada polo Goberno actual de Colombia, dando paso á Dirección Nacional de Inteligencia (DNI).

Pero Noguera non é o único alto funcionario do Goberno de Uribe investigado:

Andrés Felipe Arias, ex ministro de Agricultura, detido polo caso Agro Ingreso Seguro (AIS), subsidios aos agricultores colombianos que foron principalmente ás familias de contribuíntes económicos das campañas de Uribe, pertencentes ao narcotráfico. Mario Aranguren, acusado de subministrar ilegalmente datos financeiros á DAS e á Presidencia dos xuíces da Corte Suprema de Colombia. Edmundo Castillo, ex secretario xurídico da Presidencia, investigado pola concesión de ducias de contratos públicos ao Grupo Nule, no mesmo caso está implicado o ex ministro de Transporte Andrés Uriel Gallego.

María del Pilar Hurtado, ex directora da DAS, foi responsábel directa das escoitas ilegais a políticos e parlamentarios colombianos da oposición. Fuxiu a Panamá e o Estado colombiano pediu a súa extradición. Con ela está sendo investigado polas escoitas ilegais Bernardo Moreno, ex secretario xeral da Presidencia.

Diego Palacio, ex ministro de Protección Social agarda unha decisión da Fiscalía colombiana polo caso da yidispolítica. Sabas Pretelt, ex ministro de Interior e Xustiza destituído e condenado a 12 anos pola «yidispolítica», nome co que se bautizou en Colombia as declaracións da ex deputada Yidis Medina, que declarou ter ofrecementos monetarios do Goberno de Uribe para que votase favorabelmente no proxecto de reforma constitucional que permitía ao presidente  presentarse a un segundo mandato.

Luis Carlos Restrepo, ex comisionado pola paz, investigado pola falsa desmobilización das FARC en Cauca Gaitana e Nestor Díaz, ex director da Dirección de Impostos e Aduanas Nacionais (DIAN) é investigado por corrupción presente na Facenda Pública colombiana.

Unido a todo isto Colombia, durante a presidencia de Uribe, tivo o máis alto índice de asasinatos de sindicalistas, líderes obreiros e xornalistas do mundo. Máis de 300.000 refuxiados dos paramilitares, a maior emerxencia humanitaria actual de toda Latinoamérica, sobreviven en territorio venezolano baixo a única protección do Goberno bolivariano.

Mentres, os media españois, incluídos progresistas como Público, continúan poñendo a lupa nos discursos «populistas» de Chávez, na «dubidosa» vitoria de Daniel Ortega, no intento de «atentado» ecolóxico de Morales en Bolivia e na represión dos «dereitos» humanos en Cuba pola «xerontocracia» cubana.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña