02:21 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-11-2011

Sen “axuda mediática”, nin sequera “imparcialidade mediática”, polo tanto só nos queda berrar ben alto: “votemos como galegos e galegas”, sermos galegos, Sermos Galiza

Non esperemos axudas mediáticas

Valorar (15)

XOSÉ FERNANDO VARELA PARADA



En Ourense o 20 de novembro ás 23 horas estaremos na Auriense celebrando os resultados obtidos polo nacionalismo galego. Pouco a pouco o local comezará a encherse de amigos, amigas, militantes, afiliados e vellos coñecidos... e de seguro que un dos temas de conversa será o papel dos medios de comunicación durante a campaña eleitoral, de seguro que será así, e se iso non ocorre, como moito máis tardar, ao día seguinte si estaremos a analisar ese papel e o grao de repercusión que tivo a imprensa nos resultados eleitorais. Por iso eu quero falar antes, antes do 20 de novembro.

En Ourense estamos a traballar para colocar de novo nas Cortes do Estado a Pérez Bouza, esta vez no Congreso dos Deputados, o Pérez, o senador galego, porque foi o único senador que exerceu de galego.

Foi recoñecido pola Asociación de Periodistas como o senador revelación, destacando sobre todo as numerosas intervencións en materia de infraestruturas, todas alusivas a Galiza e sobre todo á provincia de Ourense,      traballou arreo polo País, como Jorquera e Olaia, os nosos deputados, os deputados galegos en Madrid, pero cando Pérez Bouza subiu enteiros de verdade entre a poboación, cando entrou no maxín da mocidade galega, foi cando "El Follonero" do programa televisivo "Salvados" o entrevistou durante máis de 15 minutos, moitos minutos cun político galego, cun nacionalista galego, eses 15 minutos contribuíron máis ao coñecemento do senador e ao seu recoñecemento, que os case 4 anos de traballo incansábel polo País.

Eis a demostración de que estamos na era máis mediática de todos os tempos, outra cousa é se iso ten que influír no noso traballo militante, ese traballo que sempre se nos recoñeceu aos afiliados ao BNG e que hoxe están a ocultar os medios de comunicación e que incluso tentan de convencer e manipular á opinión pública sobre os políticos repetindo a cotío "son todos iguais", cando eles saben, porque están "ben informados" de que iso non é así.

Todos coñecemos a existencia das Estratexias de Manipulación Mediática, son 10, número máxico, 10 estratexias que comezan coa da distracción, que consiste en desviar a atención da cidadanía dos problemas importantes, dos cambios políticos e económicos que afectan e van afectar nos próximos meses aos galegos e a Galiza como nación, así ata completar un esquema cun fin programado. É a guerra "silenciosa" do imperialismo, é a guerra mediática coa que nos erguemos todas as mañás, sobre todo aquí, na Galiza, onde quedamos orfos de medios en galego, de medios que teñan como centro do mundo o País. Ese foi o traballo da Xunta de Galiza, rematar cos medios de información galegos, netamente galegos. En menos de 2 anos pecharon todos os medios de comunicación escritos na nosa lingua, e agora afrontamos unhas eleccións xerais neste contexto, por iso, temos que situarnos xa en medio dunha campaña eleitoral nada propicia mediaticamente falando, non perdamos o tempo, nin hoxe, nin o 20 de novembro pola noite, analisando a influencia dos medios nos resultados eleitorais, recuperemos o espírito da militancia bloqueira, o traballo incansábel dos homes e mulleres nacionalistas, o traballo dos que realmente amamos este País e non esperemos que o "inimigo" gabe o noso traballo e o noso esforzo.

Utilicemos as redes sociais para informar das nosas propostas, para informar do traballo feito por Jorquera, Olaia e Pérez, para informar de que é tempo de alternativas, non de alternancia, utilicemos as redes sociais para dar a coñecer a Galiza real, eis unha posíbel alternativa a falla de medios de comunicación neutrais.

Xa se ten dito varias veces e non está de máis repetilo: atacan ao BNG por tres razóns, por tres motivos: por ser unha forza política nacionalista, anti-imperialista e democrática, os mesmos motivos polos que eu milito no nacionalismo. Non esperemos axudas mediáticas, non perdamos o tempo en analisar as Estratexias de Manipulación Mediática, o tempo para os militantes nacionalistas é moi necesario para traballar a prol do pobo galego e da nación galega, xogámonos moito nestas eleccións, temos que procurar unha saída social á crise e non permitir que Galiza sexa ignorada, sen a presenza do BNG nas Cortes do Estado Galiza estaría ausente da política estatal.

Xa sabemos que non imos ter esa "axuda mediática", nin sequera "imparcialidade mediática", polo tanto só nos queda berrar ben alto: "votemos como galegos e galegas", sermos galegos, Sermos Galiza.


[10-11-2011 23:18] santi comentou:

entre todos podemos!!

[09-11-2011 23:29] helmut comentou:

Zás, en toda la boca! señor Rubín. Bravo, Fernando.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña