07:12 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-11-2011

É a presenza do nacionalismo galego nas Cortes do Estado a única que garante que a lexislación estatal asegure os nosos dereitos lingüísticos

O 20-N tamén xogamos a lingua

Valorar (22)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA



É prexuízo habitualmente manexado polas xentes inimigas da lingua e do país acusaren o nacionalismo de se ter "apropiado" e de "facer bandeira" da causa da dignificación e a normalización do galego como recurso seica válido para xustificaren ou escusaren a súa falta de compromiso, escaso entusiasmo ou completa inacción nesta materia.

Confeso que non entendín nunca moi ben o por que dunha lóxica -se así se lle pode chamar- que se me fai un chisco esquizofrénica: se non o asumen porque non queren seren tachados de "nacionalistas", non lles sería mellor comprometérense de vez co galego, demostrando que así que o galego pode (e debe) ser unha lingua apartidaria? É posíbel que socialmente a defensa da nosa lingua e da nosa cultura apareza intimamente identificada co nacionalismo político. Se así acontece, non imos pensar que tal crenza colectiva se deba á casualidade: o nacionalismo galego, desde os seus inicios, acreditou na lingua como elemento identificativo chave para a existencia da nación, como signo externo e máis visíbel da nosa existencia; tamén como elo identificador coas clases populares que representaban a maioría social da Galiza daquel tempo e cuxa única lingua de comunicación era o galego; tamén desde a consciencia da inxustiza que supuña o proceso histórico de negación e subordinación, evidenciado simbolicamente no elemento da lingua. Nesta causa liberadora o nacionalismo practicamente viuse só xa en tempos da II República; como só se viu tamén restaurando usos e funcións para a lingua en espazos simbólicos onde até entón estivera o galego excluído, na resistencia contra a ditadura franquista e nos anos da (mal) chamada Transición. E o feito de que outras forzas políticas, doutras ideoloxías ou con outras obediencias, comezasen naquela altura a empregaren formalmente o galego (sempre máis por escrito do que oralmente, así até os nosos días) non se debeu a un exercicio de autocrítica e posterior autoconvencemento destas, senón hai que pensar que máis ben por causa do seu interese por apareceren como "galegos como os que máis". Elocuente foi, nesa liña, a campaña aquela do "Galego coma ti".

O paso histórico de asumiren o galego como lingua formal tanto a esquerda como a dereita española actuantes en Galiza converteu a de noso na lingua "por defecto" das campañas electorais e, tamén, da política institucional. Porén non foi aquel un compromiso sincero e real, máis alá do formal, agás honrosas excepcións. O nacionalismo seguiu na práctica só, exixindo o cumprimento dunha lexislación que, paradoxalmente, non apoiara por insuficiente e na que mesmo nin sequera puidera intervir por ter sido expulso do Parlamento de Galiza. Só na medida en que o interese político-electoral a curto prazo o aconsellou (ou, mellor habería que dicir, non llelo desaconsellou), as outras dúas grandes forzas políticas galegas sumáronse ocasionalmente ás reivindicacións do movemento normalizador: nese contexto é que debemos situar, por exemplo, a tantas veces glosada (e erroneamente admirada) presenza de Fernández Albor na primeira gran manifestación convocada pola Mesa en decembro de 1987. O mesmo que o apoio e simbólica participación de dirixentes do PSOE nas mobilizacións dos últimos dous anos contra a política antilingüística do actual (des)goberno da Xunta. Cómpre, para quen tiver dúbidas sobre isto último, recordar cal foi exactamente o grao de compromiso real dos socialistas coa lingua propia do país no seu paso polo goberno na pasada lexislatura, no cal ostentaron tanto a responsabilidade de Educación como a de Política Lingüística. Tantos foron os complexos e a falta de autoestima (mesmo política) que aprobaron un decreto para ampliar cualitativamente a presenza real do galego en todo o ensino non universitario que, porén, se negaron a explicar en que consistía e como se aplicaría, malia o apoio practicamente unánime con que o decreto contou e os pedimentos expresos (e fracasados) feitos desde a comunidade educativa.

Cando en 2009 o PP voltou ao goberno da Xunta, logo dunha campaña electoral en que os ataques contra o galego e as irresponsábeis promesas electorais de reducir a presenza pública da lingua do país ocuparan un espazo central do discurso político (non só, por certo, do Partido Popular), tivo lugar o 17 de maio a que había de ser a primeira das multitudinarias manifestacións en prol da lingua. Recordo que Núñez Feijóo, logo de cualificar a mobilización como "preventiva" -termo no que logo se especializarían -, tamén nos acusara ás organizacións convocantes e apoiantes de querermónos "apropiar" da lingua galega, retrucando o presidentiño que aquilo non podía ser, porque a lingua era de todos. Pobre recurso argumental que, tamén recordo moi ben, empregara Javier Losada, de aquela aínda Portavoz do Goberno local da Coruña, no pleno municipal que en novembro de 2004 convocara Francisco Vázquez para tentar pasar por enriba da lexislación autonómica e "legalizar" o barbarismo de *La Coruña por enésima vez. Tamén naquel pleno ficara o BNG, só, a defender a legalidade contra quen máis unha vez a quería conculcar. Acusaban ao nacionalismo de "desprestixiar" o galego co seu comportamento, nada menos, os que aquel día pretendían lexitimar un brutal ataque contra a lingua.

Como galegofalante consciente e orgulloso, mais tamén como activista que traballa para a recuperación e a normalización da lingua que herdei dos meus, gostaría inmenso de que a historia fose moi outra e que todo o mundo asumise o galego como a nosa máis preciosa xoia patrimonial, á vez que como un dos nosos mellores capitais colectivos. Gostaría inmenso de ver a miña lingua a ser usada no cotián por políticos e políticas de todas as cores; de poder escoitar ou ler en galego opinións, medidas ou compromisos electorais cos que concordo e tamén cos que non concordo en absoluto; de non ter que dar por feito, cada vez que escoito a un representante institucional utilizar o galego con constancia e normalidade en calquera ámbito ou circunstancia, que ou ben "é dos meus" ou, non o sendo, é unha honrosa excepción e unha rara avis no seu propio partido. Gostaría de que non fose preciso protagonizar defensa ningunha do galego, por ser esa defensa e ese protagonismo tarefas partilladas por todas e por todos a un tempo. Lamentabelmente, non é así.

O próximo día 20 as galegas e os galegos estamos chamados de novo ás urnas, desta volta para escollermos os nosos representantes nas Cortes do Estado español. Outro si, non é indiferente para a nosa lingua e para os nosos dereitos lingüísticos quen represente nesas cámaras estatais os intereses do noso pobo. Se as provincias da Coruña e de Ourense son así denominadas oficialmente a todos os efectos; se a Lei do Rexistro Civil permite desde 1999 a galeguización dos antropónimos tamén para as persoas nadas logo de 1977 e a restauración dos apelidos na súa forma lexítima galega; se existe unha Oficina de Linguas Cooficiais vinculada ao Ministerio de Política Territorial; se, aínda con moitas dificultades e limitacións, a Administración Central foi ampliando os usos en galego nas súas actuacións ou centros en Galiza; se, agás excepcións corrixíbeis, a Administración emprega correctamente a toponimia oficial; se o galego está tamén presente nos nosos Documentos de Identidade; todo iso non foron dádivas nin concesións caídas do ceo. Tampouco froito do esforzado deputado ¿galego? Mariano Rajoy ou da esforzada senadora ¿galega? Carmela Silva, non. Foron logros, conquistas, todas negociadas e todas pelexadas por quen desde 1996 foi a Madrid para garantir que naquelas cámaras Galiza existise e se falase dela; tamén da súa lingua e na súa lingua. De nós depende que así siga a ser.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña