02:05 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-10-2011

O dolmen en xeral foi unha figura que a tradición galeguista situou como un dos símbolos do País

Dombate. Pola lingua en combate

Valorar (15)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ



Tódolos días vemos como se destrúe o noso patrimonio tanto natural como histórico e cultural. Castros e mámoas milenarias que se arrasan en dous minutos. A penas quedan círculos líticos. O crómlech de Monteneme (Carballo-Malpica) hai moito tempo que foi desprazado da súa ubicación orixinal e  hoxe está rodeado por canteiras a piques de tragalo. O da Illa da Estrela en Corme só son vagos recordos e os de A Mourela (As Pontes), e Monte Lobeira en Vilanova de Arousa poden seguir o mesmo camiño.

No caso do dolmen de Dombate, dende as escavacións rigorosas de 1987-89 do arqueólogo  Xosé María Bello Diéguez, ata o día de hoxe teñen pasado case 25 anos  de proxectos e anteproxectos  para esta catedral do megalitismo galego que nada bo di da actuación das autoridades políticas tanto da Deputación como da Xunta de Galicia.

Dolmen de Dombate

O Dolmen de Dombate con corredor (algo máis de catro metros) e cámara moi decoradas con gravados, xa citados por Manuel Murguía e pinturas excepcionais. A cámara poligonal con sete ortastos e unha gran tampa de cuberta. Dombate deixounos tamén un rico enxoval lítico de follas de sílex, contas de colar, restos de cerámica, punta de frecha de seixo e sílex, idoliños de pedra e de forma humana

O dolmen en xeral foi unha figura que a tradición galeguista situou como un dos símbolos do país. Don Ramón Otero Pedrayo dinos:

"O Dolmen. Nome fermoso, evocador, esquío, longo ecoar de salaios de mar e bosque, puro e non barroco. Dentro da historia vaise tinxindo de máis outo senso. Xa para nós é metafísica verba. Metafísica da nosa carne, do sangue espiritual noso".

Castelao utilizouno moito  na revista Nós; Álvaro Cebreiro tamén na ilustración dalgúns libros; Urbano Lugrís en óleos e pinturas diversas; Luís Seoane creou na Editorial Citania (1956) a colección de poesía Dolmen de Dombate; o escultor Asorey no gran monumento a Curros Enríquez na Coruña; o pintor  Raimundo Patiño ten un fermosísimo políptico de seis pezas titulado Alma do dolmen. Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata resaltouno  como monumento os fusilados pola ditadura franquista. E así moitos outros nas distintas artes.

Volvín a Dombate este verán, para renovar pasadas ilusións con Eduardo Pondal na mán:

Aínda recordo, aínda, cando eu era estudiante,
garrido rapacete, que ben rexerse sabe;
cando iba pra Nemiña a estudiar o arte
do erudito Nebrija e do bo Villafañe;
que iba a cabalo, ledo, cal soen os rapaces.
Pasado Vilaseco, lugar batido polo aire
no alto da costa de Uces de montesía canle;
pasado Vilaseco, indo pola gandra adiante,
xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate.

Volvín a Dombate e a indignación foi maiúscula. Está en concurso agora a realización da obra de réplica de Dombate, por parte da Deputación da Coruña, o seu dono dende 1972. Hai un edificio de recepción de visitantes cuns paneis informativos. Esiximos que ademais dos obvios criterios científicos, técnicos e pedagóxicos para a avaliación da obra,  este tamén  a lingua galega como requisito inescusábel. Toda a información que aparecía sobre o dolmen de Dombate está en castelán. O galego foi desterrado de Dombate. Ademais de desterrar todo o  que fixeron os galeguistas dende Manuel Murguía pasando pola xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos con Isidro Parga Pondal, poñamos por caso,  tamén se ignora a lingua do autor de Queixumes dos pinos.

É moi importante, sen dúbida,  que non se perda o noso patrimonio monumental. Dicía  Castelao o importante que era o Pórtico da Gloria,  pero máis, moito máis  o era a lingua como piar da nosa identidade.

Eduardo Pondal chámanos, unha vez máis,  a combate  pola lingua dende Dombate.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña