21:24 Sabado, 15 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-10-2011

Este servizo está escapando ao control e xestión pública

Sanidade Pública, intervencións urxentes

Valorar (16)

SUSANA MÉNDEZ RODRÍGUEZ



No sistema capitalista, se poñemos nunha pesa as persoas e o diñeiro, a balanza inclínase claramente cara aos cartos, porque o capital non entende de humanidade, só entende de mercados, de xuros e de gaños.

Os estados tiñan nas súas mans, cando menos ata hai pouco tempo, unha mínima posibilidade de redistribución da riqueza, de xeito que tamén a humanidade, as persoas, tiveran a oportunidade de vivir cun mínimo de recursos e dignidade. Era o que se deu en chamar o "Estado do Benestar": a Administración Pública controlaba e xestionaba os servizos básicos, véxase educación, sanidade, servizos sociais...

Pouco a pouco imos vendo como estes servizos van escapando ao control e xestión públicos do mesmo xeito que a area fuxe entre os dedos de quen pretende agarrala. Mais isto non sucede por casualidade, claro. As grandes fortunas, a banca, o capital transnacional estaban a perder campo de actuación, xa non tiñan leira na que arar que lles dera boas ganancias, e puxeron as súas miradas nos servizos públicos, onde se moven inxentes cantidades de diñeiro, pero que non estaban achegando beneficios. Mellor dito, beneficios si que achegaban, mais non para o capital, senón para a humanidade, para as persoas, que gozaban dunha boa asistencia sanitaria, duns servizos sociais dignos, dun ensino de calidade, que atendían a todo o mundo por igual, con equidade e sen diferenzas entre quen tén máis ou quen tén menos. O neoliberalismo non podía permitir que uns sectores tan importantes, onde se investían grandes cantidades de diñeiro, non reportaran rendibilidade ningunha ás grandes empresas, ás aseguradoras ou á banca. Así que desde hai tempo, e paseniñamente, foron introducíndose nestes ámbitos grazas á inestimable colaboración dos partidos políticos que sustentan o neoliberalismo: PP e PSOE como cabezas de cartel dun espectáculo de privatizacións, descapitalizacións, deslocalizacións, entrega do sector público ao gran capital, que nos ten levado ata onde agora estamos.

E estamos a metade de camiño, mais o carro colle velocidade. Desde a chegada do PP ao goberno da Xunta, calquera galego ou galega pode comprobar a pouco que se pase por algún centro de saúde ou por algún hospital, a grande perda de calidade que está a padecer a Sanidade Pública deste país. A Consellaría de Sanidade, con Pilar Farjas á cabeza, tén moi claro cal é o obxectivo: reducir á mínima expresión a xestión pública da sanidade e facer o máximo posible por ampliar a marxe de beneficios do gran capital.

Enormes listas de espera, agora tamén en Atención Primaria; peche de camas e servizos enteiros nos centros hospitalarios; escaseza de material; precariedade na contratación de persoal e amortización de prazas; diminución dos orzamentos dedicados a prevención e tratamento de adiccións; retirada de prestacións sanitarias para persoas en desemprego ou sen recursos; construción de novas infraestruturas financiadas co modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado)... todos son síntomas, graves síntomas, da fraqueza que hoxe padece a Sanidade Pública, e da tendencia cara á privatización dos/as actuais xestores/as dos fondos públicos. Porque as persoas impórtanlles pouco; se hai unha mala calidade na Sanidade Pública, a persoa que poida irá engrosar os beneficios da sanidade privada -coa saúde non se xoga e o primeiro é buscar a solución aos nosos males, inda que sexa pagando-; a persoa que non poida... tanto lles tén, aquí só importan os gaños, non a humanidade.

Ás persoas, á humanidade só nos queda loitar. E no tempo próximo hai dous xeitos de loita. Un, mobilizándonos todas e todos este xoves, 27 de outubro, na convocatoria conxunta que todas as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública, reunidas baixo a Plataforma SOS-Sanidade Pública, teñen feito para as 20 hs en todas as comarcas e baixo diversos formatos. Outro, castigando ao neoliberalismo nas vindeiras eleccións xerais o 20 de Novembro, onde só hai unha alternativa: o nacionalismo galego.

Porque á Sanidade Pública cómprenlle intervencións urxentes que alivien a súa agonía.


[26-10-2011 08:02] E.C.F. tamén de Punxín comentou:

Ai, ai, ai! Velaí a verdadeira faciana da falsa austeridade. Todos sabiamos aquilo de que a zorra mudará os dentes mais non as mentes e a pesares disto o PP foi votado neste país. Baixo a verba envelenada da austeridade atoparon a galiña dos ovos de ouro, a xustificación oportuna (oportunista) para o desmantelamento, para o derrube progresivo e constante do pouco que ficaba sen podérenlle meter a man na faltriqueita.
Parabéns Susana polo teu traballo sempre xeneroso a prol de todas, a prol de todos. Ben é certo que ou hai mobilización social ou cando acordemos haberemos pagar ate por cruzar a rúa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña