08:43 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-10-2011

Non é a primeira vez que bato coa incomprensión dun español debido á miña militancia, como estranxeiro que son, no nacionalismo galego

Galego ou estranxeiro: entre ser e facer

Valorar (65)

ROBERT NEAL BAXTER



Non é a primeira vez que bato coa incomprensión dun español debido á miña militancia, como estranxeiro que son, no nacionalismo galego, unha actitude radicada nun prexuízo espallado pola propaganda mediática que pretende caracterizar o nacionalismo emancipador como unha especie de chauvinismo excluínte, reflexo do propio patrioteirismo españolista, como se o Día da Patria Galega e el Día de la Hispanidad fosen dúas caras dunha mesma moeda.

Por outro lado, se ben é certo que en ningún momento se me fixo sentir 'alleo' en todos os anos que levo militando no BNG, cabe recoñecer que son cada vez máis as persoas de fóra da Fronte patriótica coas que discrepo politicamente que recorren a argumentos do tipo 'ti non podes entender nada da Galiza, nin do galego, por seres estranxeiro'. Acho que estas actitudes son perigosas por desvirtuaren e traizoaren implicitamente o ideario nacionalista galego, ao caeren na trampa de homologalo na súa esencia co pensamento colonizador español, cando en realidade é a súa antítese. A súa expresión máis extrema maniféstase sob a forma do denominado 'identitarismo' que procura implantarse nas nacións sen estado da Europa, perversión xenófoba do nacionalismo liberador, fascismo encuberto que tenta aproveitar oportunistamente as lexítimas inquedanzas dos pobos despoxados dos seus dereitos.

Quixera, pois, reflectir sobre o que implica para min ser estranxeiro e nacionalista na Galiza. Para alén do anecdótico, o tema ten implicacións máis profundas, ao suscitar dúas cuestións importantes.

En primeiro lugar, determinar se as persoas vindas de fóra -pola razón que for- que acaban morando na Galiza deben desempeñar un papel activo ou pasivo na sociedade galega, isto é, integralas como fonte de riqueza, diversidade e de visións alternativas que poden axudar a resolver problemas desde outras perspectivas, ou relegalas á categoría de espectadores pasivos, cidadás e cidadáns de segunda categoría, excluídos dos procesos de toma de decisións políticas vitais que tamén os afectan.

Desde o momento en que a alguén se lle nega -por activa ou por pasiva- a posibilidade de participar activamente e de pleno dereito no proceso transformador da sociedade que representa o nacionalismo galego, non se lle deixa máis alternativa que o pasivismo político. Hoxe por hoxe, na Galiza só existen dúas posibilidades: ou ben integrarse na dinámica nacionalista, ou ben pasar a engrosar as filas do statu quo españolizante dominante. Pensemos, por exemplo, que se non se motivan os inmigrantes vindos das Américas para que se integren e colaboren de xeito proactivo no proxecto de construción nacional, estes non se instalarán no galego, reforzando así a base españolfalante da sociedade. Malia as salientábeis diferenzas que existen, o seguinte comentario de Bernat Joan i Marí ao respecto do caso catalán non carece de interese: "El futur de la llengua catalana depèn fonamentalment de quina llengua adoptin [...] les persones nouvingudes al nostre país [...]. Si la majoria dels immigrats es decanten per l'espanyol, les possibilitats de plena normalització de la llengua catalana quedaran considerablement minvades." (Català normalitzat en un món multilingüe).

A segunda cuestión que este tema suscita ten a ver coa identidade galega mesma: o que significa ser 'galego', en contraposición a non selo, ser 'estranxeiro' ou 'de fóra'. Existen dúas grandes tradicións modernas no referido ao recoñecemento da nacionalidade: o jus sanguinis e o jus soli, segundo a ascendencia ou o lugar de nacemento, respectivamente. O que fica claro é que en ambos os casos a nacionalidade se basea en simples accidentes involuntarios: ninguén elixe de quen quer ser fill@, nin onde nacer. O máis habitual (aínda que non a única posibilidade) é crecer no país onde se nace, polo que nacer (e crecer), por exemplo, no Bangladesh vai condicionar a cosmovisión dun individuo en función de experiencias vivenciais radicalmente diferentes das de quen nace e crece, poñamos por caso, en Gronelandia. Así tamén, nacer e crecer na Galiza ten unha serie de implicacións diferentes do que nacer e crecer fóra dela. Do mesmo xeito, ser criado por persoas que, á súa vez, naceron e creceron nun determinado contexto sociocultural ou nacional tenderá a contribuír a conformar a identidade do individuo mediante transmisión cultural interxeracional, mesmo independentemente de onde se críe, como no caso dos fillos e netos de emigrantes galegos nacidos e criados fóra do país que se consideran galegos. Deste xeito é lóxico supor que quen naza na Galiza e/ou teña un pai ou unha nai nacidos na Galiza será galego. E quen non, será estranxeiro. Este pensamento reducionista non é alleo á demagoxia pseudogaleguista folclorizante de Feijóo: "No hay manual de galleguismo [senón que é] aquel de los que lo vieron y lo mamaron en sus casas, con sus familias y con sus abuelos en las aldeas."

Porén, a sociedade moderna é moito máis complexa que unha simples dicotomía nós/vós baseada no azar do lugar de nacemento e/ou da estirpe, sen por iso restar importancia a estes factores na conformación da identidade de cada quen. A modo de exemplo, e sen ánimo de negar a súa condición de galego a calquera fillo ou neto de galegos nacido e criado fóra do país que se interesa por el, cabe preguntarse até que punto deberíamos considerar como 'galegos' Enrique e Julio José Iglesias (non son menos galegos os meus nomes e apelidos, por certo) só por teren un avó nado na Cidade das Burgas que algúns 'galegos' teiman en chamar Orense.

Coido que estes parámetros xa non serven como condicións suficientes sine qua non para definir a galeguidade de alguén. Ou é que Francisco Franco ou Rouco Varela merecen ser considerados 'galegos' debido ao lugar onde lles tocou nacer e á orixe dos pais, nais, avós e avoas? Ou mesmo Fraga ("Se puede ser galleguista sin ser nacionalista, que es una traición a España y a la Constitución") ou Feijóo, coas súas proclamas pseudogaleguistas oportunistas. Por algo será que nos soa a cínico cando Rajoy ousa pronunciar as palabras "No hay nadie más gallego que yo", por moito que nacese en Compostela... Como moito, estes serán galegos "en el sentido más peyorativo del término" (Rosa Díaz dixit). É que ser 'galego' debe medirse, desde o nacionalismo, en función do grao de compromiso co país, polo que os traidores da Patria non merecen ser colocados no mesmo rango que Castelao, Bóveda ou Reboiras, auténticos galegos de pro.

Seguindo co mesmo argumento, podo entender que se trate de 'estranxeiro' alguén que chegou recentemente, que reside de xeito temporal na Galiza ou que se desentende da súa vida social e económica. No entanto, acho absurdo tratar de deslexitimar os argumentos de quen leva tempo vivindo nun país de adopción, onde traballa e se implica política e socialmente, aducindo que como estranxeiro non pode entender realmente a situación do país. Ou é que, polo facto de nacer e crecer aquí cun pai e unha nai de orixe galega, lexitimamos automaticamente a Gloria Lago ou Anxo Lorenzo como mellores coñecedores da auténtica situación lingüística da Galiza e as medidas que lle habería de aplicar que eu, por ser estranxeiro, malia eu vivir na lingua e loitar para que miña filla teña o dereito a ser educada no idioma do país no ensino público sufragado polos impostos de todos os galegos e todas as galegas?

Do mesmo xeito que o cartón de identidade español que levan @s galeg@s non reflicte a súa verdadeira 'nacionalidade', talvez tamén non é o mesmo 'nacionalidade' e 'identidade nacional'. Entendo como tarefa primordial do nacionalismo galego facer que o pobo galego de torne consciente para así identificarse co país. Isto implica que non abonda con 'ser' galego, senón que, ademais, para que a Galiza acade a liberación nacional que lle corresponde, resulta preciso que o pobo tamén 'exerza' de galego. Facer que quen veña de fóra queira e poida exercer de 'galego' é unha fonte de riqueza e de inspiración potencial para a necesaria dinamización da loita de liberación nacional. Adiante tod@s xunt@s, como pobo que somos!


1 2 3 4 seguinte

[01-11-2011 11:41] penso comentou:

Tes razón en que alguén que nace fóra pode ser galeg@ (unha comprensión reducionista da formación da identidade nega a experiencia de moit@s, logo, non serve. Eu tamén son unha incomprendida como me afirmo como bicultural, xq que me construín biculturalmente. Algun@ din que non é certo, que só se poder ser dun sitio e fin. Punto. Nëganme...). O que non estou de acordo é que Fraga , FEijoo e todos os indexexables que nomeas non sean galegos.

[31-10-2011 20:58] Antonio das Mortes comentou:

Para o inmodesto "Demócrata": Pensar de maneira diferente non é todo, é tan pouca cousa que dicir iso é coma non dicir nada. Porque os que nomeas por pensar diferente non só fan iso, senon que operan, "obran", en consecuencia: "La calle es mía", fusilamentos e asesinatos en datas tan recentes coma o ano 75 e por aí por diante...
O problema de Rouco, Feijoo, Fraga, Franco e todo ise lixo non é o que din, é o que fan... e non son máis que a ponta do iceberg da "Antigaliza=España", que obviamente non fan o que fan por mera estética ou interese crematístico persoal, que tamén, senón que responden a intereses políticos de clase concretos, tanto que teñen nome e apelidos.
Porque si, o proxecto nacional galego é antitético, excluínte do proxecto oligárquico españolista, por burgués e por imperialista. E hai que excluír, e non tolerar nin respectar, todo aquilo que nos nega, -sexa bacteria, estado de ánimo ou ser humano-, que pon en perigo a nosa vida, e que por iso non é respectabel nin tolerabel.
Canto ao alcuño, "Demócrata", semella un pouco pretencioso, se quer dicir algo, e millor agardar a que cho chame alguén que te coñeza; eu desde o aquí e agora só percebo que tes unha caída cara o aspecto aritmético e positivista da cuestión. A democracia é moito máis ca eleccións, e mesmo estas son moito máis ca o mero reconto da votación.
Pode ser democrática unha monarquía hereditaria? non determina ese "feito" o cadro no que se desenvolverá a xestión política desa sociedade e o resultado de actos políticos concretos coma unha votación? é democrática unha sociedade sometida a vixiancia militar lexitimada pola súa constitución? é democrática unha sociedade cunha constitución elaborada baixo a tutela do exercito e dun aparato de estado produto dunha dictadura feroz, con partidos políticos ilegalizados e presos políticos na cadea? Todo ise conflicto histórico se resolve cun reconto electoral? se fora así, porqué as circunscripcións electorais provinciais, a Lei Electoral, a restricción orzamentaria dos Concellos, a ausencia de balanzas fiscais? etc, etc.
A identidade (individual/colectiva) é unha cuestión política, e se nos non lle damos contido, comunista e patriótico, de liberación nacional e social, emancipatorio de todo dominio e explotación, hanllelo de dar outros, por suposto, segundo a súa comenencia, segundo os intereses da súa clase. E personalízase, como non pode ser doutro xeito, o noso proxecto nacional, Galiza, tanto coma o noso inimigo histórico, nacional e de clase, España.
E Neal Baxter é Galiza, ao tempo que "Demócrata" é España, ao meu ver. Nos seus feitos, no contexto deste debate, que queiran que non.

[31-10-2011 12:17] Robert Neal Baxter comentou:

cara/o demócrata,
sen entrar en valorar as túas opinións, acho que debería reparasr o que significa o termo 'fascismo' que utilizas dunha lixeireza para tentar deslexitimar posturas contrarias ás túas.

[31-10-2011 11:49] Eu comentou:

Coidado co que di "demócrata": na súa opinión, criticar a alguén supón ser "excluínte" e negarlle os dereitos. Isto é perigosísimo. Coidado con estes demócratas que tildan de fascistas simplemente a quen non pensa coma eles, e que se fan as vítimas polo mero feito de que alguén discrepe.

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña