11:05 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-10-2011

A rede se converteu nun dos “grandes vehículos de comunicación e socialización do ser humano”

Os adolescentes e Internet

Valorar (8)

LILA RODRÍGUEZ OUTEIRO



Mais ou menos por estas datas do ano pasado, o Observatorio da Cultura galega entregaba un informe sobre os "Hábitos culturais dos mozos en Galicia".no que se daba conta textualmente de que o ordenador e Internet "É a ferramenta de acceso á cultura, ocio e entretemento por excelencia de todos os grupos de estudo investigados neste traballo. Pódese constatar que salvo rarísimas excepcións, o acceso a internet revolucionou absolutamente os hábitos dos mozos actuais entre 16 e 26 anos, aínda que os maiores deste segmento de idade son máis críticos co uso abusivo do ordenador por parte dos máis novos"

Hai un par de días facíase público un novo estudo, esta vez do Valedor do pobo, "Informe Extraordinario. Adolescentes e Internet en Galicia", baseado en mais de 2200 entrevistas a adolescentes co que se pretende coñecer en profundidade as actitudes, percepcións, crenzas e hábitos de uso de Internet entre os adolescentes galegos.

Nesta investigación considerase que a rede se converteu nun dos "grandes vehículos de comunicación e socialización do ser humano" e é así, ao parecer, como está a ocorrer: a xente nova socialízase coas máquinas, e non coas persoas.

A socialización é un proceso polo cal a persoa determina seu lugar no mundo. Considérase que a  primeira etapa, a de socialización primaria, na que se atribúe un papel fundamental á familia, remata cando se produce a formación do "outro xeneralizado" é dicer, cando o infante é quen de conseguir unha abstracción que o leva, progresivamente, do concreto ao xeral, descubrindo así as normas e con elas a sociedade. Na socialización secundaria, que ven determinada pola adquisición do coñecemento específico dos roles, non teñen tanta importancia os afectos e entran en escea as institucións, nomeadamente, a escola na medida en que nela se realiza a preparación para a vida adulta. Deste xeito a socialización complétase internalizando a sociedade como tal e  a realidade obxectiva establecida, a mesma vez que se produce o establecemento subxectivo dunha identidade coherente e continua e a inserción na sociedade na cal a división do traballo tomará un papel fundamental e rematamos por ter unha profesión que implica o sostenimento de determinados roles, o dominio dun vocabulario específico e das técnicas e habilidades necesarias.

Mais o que tradicionalmente víñase facendo na familia e na escola, comezou a variar dende mediado o século XX coa influencia nestas dúas institucións fundamentais dos cambios provocados pola modernidade: por unha banda o acceso maioritario das mulleres ao mercado de traballo e, por outra, a vida urbana e a televisión como principal elemento de ocio. A familia enfebleceuse como institución transmisora de roles e as novidades e o coñecemento comezaron a chegar pola vía da pantalla. E noutra volta na roda da modernidade apareceron os ordenadores, Internet, e, sobre todo, o abaratamento dos prezos da banda ancha, o que provocou que, nos últimos anos a maioría dos fogares poidan acceder á rede (se ben non entramos na calidade dese acceso, pois perto da metade dos usuarios afirman ter problemas nalgún momento). Así conformouse un complexo no que mentres o pai/nai, principal garante da sociedade ante o neno/nena, non pode estar no fogar por mor do posto de traballo, o rapaz (a) (que vai para casa ao saír do colexio) ten ao seu dispor os elementos socializantes, nomeadamente Internet, pero desta volta sen o patrón que o dirixa e lle mostre o que está ben e o que está mal como sí faría a familia.

No estudo anteriormente citado do Valedor do Pobo profúndase na utilidade de Internet para "aprender, informarse ou xogar", e tamén  dan conta da súa perigosidade para os menores  "porque está infestado de enganos e mentiras, que poden non detectar os menores".

Na Unión Europea o 77 % dos rapaces e rapazas de 13 a 16 anos e o 38 % dos de 9 a 12 anos usan Internet. Galiza está absolutamente integrada neste aspecto, pois ao redor do 88% dos fogares con nenos en idade de ensino secundario ten acceso a Internet. Do alumnado entrevistado o 60 % conéctase a diario, e perto da metade está na rede dúas horas diarias, mentres que hai un 10 % que pasa mais de tres horas diarias conectado a Internet. Tendo en conta que, en épocas lectivas, os rapaces e rapazas poden botar mais de 12 diarias entre as horas de colexio, as das comidas e as de outras actividades extra que realicen, resulta evidente que xogar (no sentido tradicional do termo) non é una actividade frecuente nos infantes de hoxe.

As actividades que os adolescentes realizan en Internet son múltiples e variadas: facer uso das redes sociais (85%), descargar/baixar materiais (música, películas, vídeos, imaxes, etc.) (64.4%), buscar información relacionada cos estudos (60.2%) facer uso do correo electrónico (52.1%), xogar en liña (29.7%) e hai que salientar que o 85 % deles están rexistrados nalgunha rede social (Tuenti e Facebook as que teñen mais adeptos).

Ao ser preguntados polas motivacións para facer uso das redes sociais destacan dúas: falar con amigos e familiares (67.5%) e ver fotos, chatear e facer comentarios (33.6%), é dicer, as relacións cos iguais faise durante mais tempo a través das redes que no contacto directo. Os modos de relación entre amigos dos adolescentes de hoxe son radicalmente distintos de cómo foron os dos seus pais/nais.

E é aquí de onde veñen moitos dos conflitos xeracionais provocados polo uso de Internet: os pais non entenden qué é o que os fillos fan tantas horas no ordenador e os fillos non comprenden porqué non os deixan "estar" cos amigos, porque realmente iso é o que fan cando están en tuenti. Un de cada catro pais/nais non empregan internet e máis do 60 % dos rapaces teñen o acceso a Internet no seu dormitorio, o que dificulta grandemente o control parental.

Realmente Internet ten riscos, non só polos potenciais descoñecidos que poidan embaucar aos menores e que tanto medo nos provocan, senón tamén pola   falla de discernimento que poidan ter os menores á hora de diferenciar unha información veraz das moitas mentiras e falsidades  que circulan pola rede, pero se hai algo que os maiores deberemos comprender é que os nosos rapaces estanse socializando en Internet e con Internet, e que ir en contra dos tempos prohibíndolles o acceso non é a solución.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña