20:23 Mércores, 08 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-10-2011

A inferioridade mídese polo grao de obediencia ao amo. Canto máis desobediente, máis salvaxe e perigoso

A síndrome Tarzán e Occidente

Valorar (19)

XURXO MARTIZ CRESPO



Cando Robinson Crusoe naufraga na súa illa solitaria, fai o que pode para sobrevivir. Máis tarde aparecerá un home non branco ao que, como non, Crusoe salvará a vida e fará que traballe para el en agradecemento. Como bo conquistador, non fará ningún esforzo en saber o seu nome para dirixirse a el e rebautizarao como «Venres», facendo que o novo servo aprenda o seu novo nome e non tendo reparo en chamarlle de calquera maneira.

Moitos anos máis tarde, un avión bimotor DC3 caerá na tupida selva africana. Mortos todos os seus ocupantes, só sobrevivirá un pequerrecho, branco e louro bebé que será alimentado  polos chimpancés da xungla. Co paso do tempo, o mozo, en lugar de ser parte da manda de chimpancés que o alimentara e coidara, autonomearase rei da selva e fará que todos os animais, asi coma os habitantes nativos lle obedezan.

Nestas «inocentes» narracións vemos o lugar do branco occidental, estadounidense ou europeo, en medios adversos que non son o seu. Unha vez chegados, cambian as normas e demostran ser os máis fortes e intelixentes e someten a todos os que estaban antes ás súas ordes, o que se presenta como algo «natural» e «lóxico».

Esta actitude «natural» e «lóxica» está presente en todas as declaracións e accións dos gobernos de Estados Unidos ou Europa con respecto ao que consideran eles selvas ou desertos gobernadas por seres inferiores.

A inferioridade mídese polo grao de obediencia ao amo. Canto máis desobediente, máis salvaxe e perigoso. Despois aplícase o principio de liberdade crusoniano: a miña liberdade remata onde comeza a túa, polo tanto... estás morto.

O Estado español é un dos principais valedores destas teorías racistas nas relacións internacionais. A súa relación con Latinoamérica e co mundo árabe, cos que ten lazos históricos que ningún país de Europa ten, é un calco da relación que Tarzán mantiña cos elefantes e con Chita.


[19-10-2011 13:34] b comentou:

que bo!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña