14:46 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-03-2010

Fondo coñecedor de Terra Santa, de Palestina, a nación do Mestre. Autor dunha das súas mellores guías. Sabio, humilde, bo e xeneroso que lembraremos sempre

Don Manuel Espiña e a igrexa da Liberación

Valorar (9)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


"Cristo" de Seoane


El si que foi  "... un semplice e umile lavoratore nella vigna del Signore..." e  podemos brindar e comulgar con ese viño, producto da Terra e do traballo.  Aquí era fácil atopalo, onde se escoitan os idiomas maternos cos que se fala do paro, da enfermidade e dos problemas cotiáns... a loita pola vida, entre as contradiccións deste tempo do pelotazo e da conseguinte precipitación no puzo da crise. Seguidor do Cristo bo e xeneroso entre a súa tribo de xente do común,  quen non soporta que se faga do templo un supermercado e dos símbolos unha cerimonia inútil. Estar pra servir. Leal ós seus e á cidade, A Coruña.

Na hora do xantar sempre o atopamos nesa universidade de xenerosidade que é a "Tasca Sueva", como a súa mesma casa, na encrucillada de Atocha,  aberta ó Campo da Estrada, compartindo saúdo, conversa e axuda con obreiros, inmigrantes, xubilados, estudiantes nos seus minutos de lecer. Atopabámolo no seu sinxelo piso da rúa Beiramar, aberto en portas de benvida e xanelas que se fan retablo e oración cara o mar dos Ártabros, tras peneirar bixuterías de paseos e tranvías. Paredes nas que tivo pindurado o lenzo de  Luis Seoane"Cristo Obreiro".

Na noite do domingo día 28 de febreiro, véspera da celebración do San Rosendo dos galegos, finou na casa da súa irmán de Pontevedra, o sacerdote Don Manuel Espiña Gamallo. A enfermidade obrigarao a deixar a Coruña despois do Nadal.  Moito habería que agradecer, gabar o seu apostolado en favor de canto significa Galiza e os máis desfavorecidos.

Natural de Folgoso nas pontevedresas Terras de Montes (1933)... as que tanto teñen dado á historia da cultura galega e mais da emigración. Formado nos seminarios de San Martiño Pinario de Compostela e de Comillas, compañeiro doutras grandes personalidades en momentos no que se tenta saír das catacumbas, das sombras, das beaterías, do tufo das cerimonias que endeusan ós mortais, para enxertarse no mundo, nas preocupacións sociais, culturais e políticas, das que depende o futuro e construír a Liberdade máis limpa. Sería o Seminario de Comillas no que se publiaría "Signo", textos de Castelao, as fotos de emigración de Manolo Ferrol, denuncia... e as conseguintes persecucións do franquismo. Licénciase en Filosofía e Teoloxía, para no 1959 ser ordenado sacerdote. Axiña e ate o 1962 pasa como vicario parroquial á igrexa de Santa María do Azougue de Betanzos e logo ó Seminario Menor de Belvís, en Compostela, como director espiritual e profesor de Historia Eclesiástica. Ensina que a vida está fora das aulas e tenta devolver ós seminarista - xeralmente  mozos  do rural, que non atopaban outras alternativas de traballo, a non ser a emigración ou o Seminario -  toda a grandeza dun idioma seu e do que moitos se avergoñabna e renegaban. Nunha man o "Sempre en Galiza" de Castelao a  na outra os Evanxeos,  as súas dúas Biblias. Dende 1965 é cóengo da Real Colexiata de Santa María do Campo da Coruña, entra na Coruña e a Coruña entra nel. Profesor seguido e querido na institución do sacerdote Xosé Sardiña, o Fogar de Santa Margarida da Coruña, na Escola de Maxisterio,  na Facultade de Ciencias da Educación, onde imparte clases de Pedagoxía e Didáctica,  nas Escolas Labaca, no Centro Español de Novas Profesións, do que foi Director e introductor de especialidades que abrirán a camiños de madurez e futuro en Galiza, como as relacións públicas e a xestión turística. E sempre preocupado pola normalización, a dignificación da cultura e do idioma marxinado, negado i esperpentizado. Con outros compañeiros, como Xosé Morente, será traductor e introductor da Misa, dos evanxeos  e da pastoral en galego, con sinxeleza e acercamento. Inmerso en cuestións de presente e futuro da igrexa, o celibato, a ordenación das mulleres....

A vida e o exemplo do Papa Xoán XXIII presidía as súas liturxias e deixou en don Manuel unha fonda pegada que espalla: sementeira de ben e dignidade. Fundador da Comunidade "Home Novo", colectivo coa misión dos bos e xenerosos que se suma ós crentes galegos do grupo Irimia, sabendo valorar e compartir esa parte de Deus que é a beleza, a paisaxe, a vida, as tradicións, a cultura, a amizade e a solidariedade co mundo dos humildes, coas culturas negadas, destapando a neoesclavitude, especialmente atento a Iberoamérica e á igrexa da liberación, o Comité Monseñor Oscar Romero. Sementeira que suma: a familia do arquitecto coruñés Iglesias Atocha, Xosé María e Mercedes colabora e facilita  nas ribeiras do Mero, concello de Culleredo, unha finca que será parque e punto de encontro, levará o nome e as lembranzas dunha rapaza nova, Michiko, desaparecida na flor da súa mocidade. Oración feita xardín.

Don Manuel estaba coas causas xustas, foi represaliado, no 1975 por clamar en favor da vida, nunha homilía na que condenou a irracionalidade dos fusilamentos ordenados polo derradeiro e adoecido franquismo contra mozos contrarios ó réxime, procesado polo TOP e multado. Na súa axuda sae o pintor Luis Seoane que pra súa causa dona o lenzo do "Cristo Obreiro",  obra emblemática que presidiría misas e a mesma capela ardente do seu creador. Non hai moito esta pintura foi vendida a Caixanova coa ansia de prestar  axuda na súa misión educadora a un  vello compañeiro e amigo en momentos de soedade e case de desterro, o Padre Silva de Bemposta.  Don Manuel estivo sempre cos que "levan na fronte unha estrela e no bico un cantar" . Militante pola xustiza que avivará e homenaxeará a lembranza  exemplar de Moncho Valcarce Vega, "o Crego das Encrobas",  animou a Alfonso Blanco Torrado, a aqueles que coas súas parroquias facían fronte a políticas desalmadas i especuladoras que, negan a identidade e aldraxan a Liberdade.

Fondo coñecedor de Terra Santa, de Palestina, a nación do Mestre. Autor dunha das súas mellores guías. Sabio, humilde, bo e xeneroso que lembraremos sempre. Maxinarémolo cunha raiola de sol sobre del, o espírito da Terra, custodio do lume pascual da Esperanza. Nesa luz acesa atoparémolo, como exemplo pra levar a vida, a enfermidade e a morte. Sorrindo e animándonos para que a misión dos "bos e xenerosos" siga: a sementeira daquela misa de domingo, sen ostentoso repenique, nas Capuchinas, despois en Santa María do Campo, na que, no noso arameo, o idioma galego bendícese o traballo e compártense os seus productos... Hoxe, días despois do seu pasamento na galaxía internáutica atopamos tamén o veleno, "en nome de Deus", contra un home bo e xeneroso con misión na súa Terra,  entre a súa xente e cos seus problemas. Entre esta paisaxe e paisanaxe atoparémolo.

[28-03-2010 ] LPE comentou:

moitas grazas por poñer tantas verdades neste fermoso artigo

[28-03-2010 ] Lpe comentou:

Grazas polas pinceladas de Manuel tan ben escritas.

[25-03-2010 ] Prisciliano comentou:

Artigo emotivo,precioso e de grande interese. Reparei na referencia Signo do artigo de Felipe.Para cando un fascimil ou un traballo dese número adicado a Galiza do semanario de Rafael González?.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña