00:32 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-10-2011

Renovar ou actualizar o discurso normalizador da lingua é importante, porén aínda o é máis a súa posta en práctica

Contra as síndromes de Estocolmo lingüísticas (e ideolóxicas)

Valorar (17)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA



Este pasado mes de xullo tiven a valiosa oportunidade de asistir como matriculado ao VII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística coorganizado pola Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua (CTNL) e os servizos de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo, nesta ocasión arredor do título (Re)pensando o discurso.

Aínda non me sendo posíbel asistir a todas e cada unha das palestras e mesas de traballo en que se subdividía o interesantísimo programa, cumprín co obxectivo fundamental que levaba no maxín cando decidira inscribirme: escoitar. Eis o que lle transmitín a todas as persoas con que intercambiei razóns do porqué da nosa presenza no foro que cada ano -e xa van felizmente uns cantos- ten lugar en Carballo por volta do mes de xullo.

Non só escoitei, mais a final tamén intervín, dada a interesante opción que supuña a mesa de traballo da que tomei parte -A defensa dos dereitos lingüísticos- xunto con outras compañeiras e compañeiros provenientes de distintos ámbitos profesionais, a maioría con perfís de técnicas/os en normalización ao servizo da Administración pública, nomeadamente das entidades locais.

Participar e, sobre todo, escoitar argumentos e atender os interesantísimos debates que se sucederon arredor do actual panorama (socio)lingüístico da nosa nación permitiume comprobar o grao de compromiso e preocupación existente sobre o presente e o porvir do galego nun colectivo profesional que aínda vendo loxicamente ligado ao devir da lingua o seu propio futuro laboral, sente cara a ela algo que vai moi alén dun simple interese corporativo, cando menos na moi inmensa maioría dos casos. Moi lonxe, por tanto, da teima inxuriosa da galegofobia cando fala do movemento normalizador en termos de xente que "vive do galego". Que queren que lles retruquemos? Pensará o ladrón que todos son da súa condición.

Porén, escoitar e atender nun foro máis amplo e estruturado argumentos e opinións até o de agora máis ben escoitadas en petit comité, en conversa informal ou en espazos reducidos fíxome tamén reparar e reflexionar -algo polo cal tamén debo expresar agradecemento ás entidades coorganizadoras de cursos e iniciativas como a que estamos a referir- nun certo grao de confusión e desorientación por parte dalgunhas persoas -mesmo con formación universitaria especializada en Filoloxía Galega- verbo de determinados conceptos e discursos, o cal por súa vez me leva a cuestionar en voz alta, máis unha vez, a insuficiente formación (socio)lingüística que se oferta nos actuais planos de estudos universitarios, a alerxia ou o medo a falar da nosa realidade concreta na materia xeral de Sociolingüística (onde se prefire traballar con textos referidos a realidades canto máis distantes da nosa, mellor) e mesmo -o que xa daría para outro artigo- a resistencia que aínda hai a considerar como elemento central do estudo da Lingüística a súa dimensión social; a linguaxe como feito social.

Confusións e desorientacións, xa que logo, comprensíbeis, habida conta dos durísimos ataques sociais, políticos e mediáticos que dun tempo a esta parte están a caer contra a nosa lingua e contra a nosa cultura, contra os cales o noso instinto de supervivencia nos leva, en primeiro lugar, a procurar refuxio, o máis próximo, seguro e cómodo posíbel. A alteración momentánea da realidade, tal e como nós a coñecíamos/interpretábamos, equivale a un tremor de terra das nosas estruturas que, máis adiante, en canto nos repomos, convida a unha recomposición do lugar, das nosas percepcións. Porén, ese xeito de reconfigurarmos os nosos chips pode darse de xeitos distintos, tan distintos como poden ser os refuxios e acomodos que procuremos para alí agardarmos a que escampe. No que ten a ver coa lingua, pode haber quen directamente deserte: non hai moito, asistín apampado ao razoamento de alguén que, por considerar o resultado electoral do pasado 22 de maio moi negativo para o nacionalismo no seu concello, consideraba sen máis que durante toda a súa vida estivera ideoloxicamente enganado e había que adaptarse ao que o resultado das urnas seica "mandaban". Un argumento parecido, por certo, ao que nalgunha ocasión puidemos escoitar ou ler: hai que expresarse tamén en castelán porque seica iso é "o que quere a xente". Aínda no suposto de ser iso así, que non o ten tan claro quen isto asina, cumpriría facer algunhas preguntas ás preguntas: e o que quere "a xente", por que é que o quere? Pode mudar a xente de opinión? As conclusións poderían ser interesantes, á vez que esclarecedoras.

Perante as situacións difíciles, que tamén é verdade que ás veces chegamos a dramatizar de máis, quizabe sen lembrar que xa houbo tempos ben peores (aínda que, hedonistas de nós, só nos interese o noso tempo), aparecen con non pouca frecuencia as distintas expresións da coñecida como Síndrome de Estocolmo, por súa vez con distintas intensidades e linguaxes. Con todo, no aparecemento desas manifestacións non ten por que haber necesariamente má intención, senón moitas veces só a saída máis rápida, fácil, cómoda, barata, "sen conflitos". Quizá as más intencións a posteriori, aproveitando a preexistencia da Síndrome de Estocolmo ou as súas primeiras manifestacións no colectivo humano a determinar, e velaí cando se aplica a inoculación das correspondentes e convenientes doses de confusión para aumentar a pracer os perniciosos efectos da síndrome. Estou a falar, por suposto, de quen acaba por asumir o discurso de quen quere acabar connosco.

Na miña experiencia puiden comprobar tamén que hai desánimo; que non parece o mellor momento para crear ilusións. E porén a xente pídeo, precisa moverse, está disposta a iniciar novos proxectos, a non pararse. Vímolo nas multitudinarias mobilizacións en favor da lingua destes últimos anos; na amplísima resposta e simpatía popular ás dúas recentes convocatorias de folga xeral; mesmo, cos matices que se quixeren, no amplo apoio cidadán inicial ao 15-M. En Carballo chamouse a defender a lingua con entusiasmo, fuxindo canto posíbel de derrotismos. E porén, en oposición a esa necesidade colectivamente sentida e asumida, sentín que aínda nos falta acreditar na nosa potencialidade. Si que somos unha potenzia, que diría o Carlos Blanco, con z de Galiza. Fáltanos darmos o paso de organizarmos máis e mellor esa potencia, de dármoslle canles de expresión e organización. Na mesa de debate sobre os dereitos lingüísticos alguén expresaba comprensíbeis receos sobre a estratexia de defensa dos dereitos lingüísticos na súa perspectiva individual, por se iso podía facer que outras persoas ou colectivos comezasen a faceren o mesmo, só que á inversa. Porén, imaxinemos por un momento que os millares de persoas que nos mobilizamos nas diferentes convocatorias impulsadas por Queremos Galego exercésemos, organizadamente, os nosos dereitos. Abofé que acabaría a escusa de "no lo hay en gallego porque nadie lo pide ".

Organicémonos e actuemos. Revisemos, repensemos e actualicemos o discurso normalizador canto posíbel e necesario. Non só non me opoño, senón que son da opinión de que determinados debates debemos telos permanentemente presentes. Porén, transformemos eses discursos en práctica leal e compromiso consciente, como convida Carlos Callón no seu último traballo. É o mellor que podemos facer pola nosa lingua, aquí e agora. Demostrarmos que está viva, que é útil, que ten futuro.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña