15:05 Sabado, 22 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-10-2011

Descualificando a política alicerzan o seu réxime autocrático, desvirtuando inda máis esta democracia de cartón

Ética e dignificación da política

Valorar (13)

XABIER PÉREZ IGREXAS



A teima sistémica por bater contra da política non é nova. O discurso das clases dominantes, a través do cal transmiten o seu alienante pensamento único, insiste unha e outra vez en desprestixiar a acción política, reducíndoa as máis das veces á pantomima institucional da partitocracia do sistema. A ferramenta coa que mellores resultados teñen colleitado nese cometido fondamente antidemocrático é a da xeneralización. Baixo a coartada da intolerábel caricatura do "todos son iguais" practican a vella táctica da lura, sementando a confusión que empregan para actuar coma se tivesen total inmunidade.

Todo para desalentar a participación política. Para afastar ás clases populares, á maioría social, do espazo público e manter así o seu particular monopolio sobre deste. Para minar a simpatía e apoio social a alternativas transformadoras.

Descualificando a política alicerzan o seu réxime autocrático, desvirtuando inda máis esta democracia de cartón. Contribúen a esvaer socialmente calquera arela de cambio profundo, calquera aspiración netamente transformadora, forzando ao pobo á paralizante impotencia e á desesperanza.

Exemplifican esta tese as numerosas refregas estériles que acostuma protagonizar o PPSOE, no seu xogo de simulada discrepancia, en base aos reiterados "ti tamén" e "ti máis". O feito de que a representación política (dado que non existe "clase política" por máis que insistan en denominala así) pase a constituírse como un dos principais problemas para o noso pobo, constitúe unha vitoria neta para os segmentos sistémicos e reaccionarios do campo político. Convertendo a política nun problema impiden que desde a política se poidan formular solucións e alternativas coas que confrontar cos intereses dos poderosos, actuando en defensa da maioría social.

Que no treito que temos percorrido da presente crise sistémica do capitalismo os resultados sexan maioritariamente favorábeis ás clases dominantes, ao grande capital que sigue concentrando e centralizando máis riqueza a costela de empobrecer fundamentalmente á clase traballadora, débese a que conseguiron instalar a resignación en amplas capas sociais.

Debemos esixir de quen ocupa responsabilidades no ámbito da representación política, no eido das institucións, que a súa actuación sexa irreprochábel en termos non só políticos senón mesmamente éticos. A honestidade, a sinceridade, a honradez, son condicións que podemos e debemos esixir a quen ostente responsabilidades públicas, sobre todo se no exercicio das mesmas xestiona e decide sobre o diñeiro de todas e todos.

A corrupción, ou en graos máis suaves as corruptelas de toda caste, non son exclusivas do desempeño público ou institucional. Existen de xeito abondoso no ámbito empresarial, no privado e mesmo no familiar. Escúsanse baixo a xeneralización desa españolizante 'picaresca' que fai do honrado un parvo. Mais é certo que cando esas prácticas deshonestas afectan ás institucións públicas agrávanse.

A renuncia do compañeiro Fernando Blanco ao seu escaño como deputado do BNG no Parlamento de Galiza e a concurrir como candidato nos vindeiros comicios xerais do 20-N, é a máis palpábel e honrosa demostración do forte compromiso ético de quen facemos parte do movemento nacionalista galego. Non está imputado por ningún cargo, non figura acusado formalmente de nada, non foi chamado nin tan sequera como testemuña, mais algúns medios de comunicación de claro carácter sistémico -e fondamente españolistas- despregaron a súa artillería difamatoria, para a través da acusación infundada e do puro sensacionalismo, bater máis unha vez contra do BNG.

De todo o esforzado traballo que realizou o PP na Xunta para procurar algo que reprochar da acción do nacionalismo galego no goberno bipartito, apenas conseguiron guindarnos unha sarta de titulares a través dos seus medios amigos.

A decisión de Fernando Blanco supón un sacrificio persoal digno de louvanza, mais tamén un sacrificio político para o proxecto nacionalista que ten que prescindir dun cadro político de primeiro nivel, comprometido e honesto, por mor da infamia sensacionalista. Blanco, como dixo Guillerme eleva o listón da ética e dignifica a política do noso país, demostrando mal que lles pese que non todos somos iguais.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña