22:58 Luns, 22 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-10-2011

Comezou un outono de lume e no sector financeiro faise reconto dos froitos das súas angueiras de meses e anos pasados

Triste colleita

Valorar (9)

XOÁN COLAZO PAZÓ



O comezo do outono é época de recoller o gran; quen non fixo en meses pasados todas as duras angueiras precisas, olla agora o canastro case baleiro.

A terra é xenerosa e dá cento por un. En troques hai que eslombarse meses arreo, debruzados ante ela. Toca moitas veces ir facer traballos en intres determinados, torrándose ao sol ou pola fresca co sono aínda prendido das pernas. A ledicia no escintilar das espigas douradas -promesa futura que inda non tomou corpo- non aleda o esforzo de cavar cunha calor que derruba os paxaros. Choios que hai que facer porque son o sustento da vida. Traballos que non dan resultado de contado, senón que acompañan activos o paso do tempo.

A finais do inverno apáñase a herba. Tírase o esterco das cortes e carrétase para os campos. Fanse montes. Esténdese. Logo ven a labrada, apoiarse no legón ollando se callar un cabalo que pasa a grade. Xa se pode sementar, tres ou catro milleiros en cada buraco, trescentos buracos, se tal cincuenta regos. Cando ferva o gran, agromará. Unha divisa verde na terra escura. Días de ollar o ceo, ventar as chuvias e as calores. Así e todo convén manter limpos os regos, que os veciños todos se xunten para limpar as presas nas rebouzas do monte. Ás cinco da mañá tápase a auga, para a nosa quenda. Xa a compañeira está a enleirar, preparando os camiños da auga entre os pés de millo. Se cadra ás oito do serán lle podemos abrir á presa para regar. Baixa maina a auga polos regos e as cabeceiras dos outros campos, a pendente non é moita. Catrocentos pasos máis alá, e xa nos lambe os pés cheos de pó. A terra seca arregaña, arrefece, bebe. Beben por fin as raiceiras. O sapiño comadrón fuxe coa súa cárrega de ovos ao lombo.

No medio do verán irase tronzar o pendón para o agarimo das touras. Cortan as follas ao pasar a rente delas, a suor proe nas feridas. Poida que os nenos fumen as barbas envolveitas no propio follato do millo. E agacharanse nos carreiros dereitos.

E vén xa o tempo de recoller o froito do sementado. Novos traballos. Apañar os pés de millo ben á rente. Tirar as espigas na cesta e a palla do outro lado. Con ela fanse as medas de palla seca no propio eido. As cestas á brote lévanse para cas, ao alboio ou á adega onde cheira a viño novo. Hase esfollar despois, sempre semella fartura porque imos cansos de ter as mans esfoladas. Se aparecer a raíña é motivo de aturuxo, de baile, de parar os contos que todos escoitan atarefados. Que bonito son o das espigas rolando polo canastro.

Para máis adiante fica un logo inverno de debullar carozos. Comerán as galiñas, ou baixarase ao muíño coas saquetas de gran. Farase pan no forno. E asaranse sardiñas para o ano cos carozos secos. A décima parte non vai para os cregos que vai para a vindeira primavera volver enterrar a semente que reproduza o ciclo. De novo duros traballos e terra xenerosa para quen a agarima e traballa con tino. Para que volva outra volta a época de apañar as espigas.

Comezou un outono de lume e no sector financeiro faise reconto dos froitos das súas angueiras de meses e anos pasados. Deberon de ser ben preguiceiros vistos os resultados, os froitos que recolleron. Non deron conta dos choios ou fixéronos á desgana. Os xestores e os responsábeis políticos da caixa galega andaban a fachendear, pero agora ficaron coas vergoñas á vista do mundo todo. O valor real de NCG baixou de 1.716 M € a 181 M €. Unha cifra ridícula, cun desconto do 90% do declarado. Aínda por riba mentireiros. Así o que vaia achegar NCG ao futuro banco non chega agora ao 7%. É un chanzo máis no proceso de expatriación do aforro galego. Por desidia, incompetencia, latrocinio ou servizo a intereses alleos imos ficar sen un instrumento de primeiro nivel para o desenvolvemento económico e social do noso país. Galiza seguirá a financiar o progreso doutras nacións.

Responsábeis disto hainos con nomes e apelidos, por máis que os medios de comunicación localistas/españolistas tenten protexelos. José Luis Pego, Julio Fernández Gayoso, José Luis Méndez, Salvador Fernández Moreda, Alberto Núñez Feijoo, Marta Fernández Currás, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, José Blanco, Elena Salgado,... En definitiva o PPSOE que puxo en marcha o FROB. Os xestores funcionaban como un poder fáctico, a salvo de calquera crítica ou fiscalización do seu labor á fronte duns recursos que son de todos os galegos e galegas. A Xunta non exerceu nunca o seu papel de tutelaxe das caixas, onde ten capacidade plena (Art.  30.5 do Estatuto, competencias exclusivas en materia de: Institucións de crédito corporativo, público e territorial e Caixas de Aforros). O Banco de España que non só non controlou o que veu pasando todos estes anos, como era a súa obriga, senón que capitanea a desaparición do sistema de caixas, a súa privatización, e no caso galego a desaparición do noso aforro e da obra social da caixa.

Con tan pésimos labregos, o froito non pode ser outro ca unha tulla baleira de gran. Esiximos explicacións.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña