20:27 Mércores, 08 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-10-2011

Edición en galego dun libro cheo de detalles difíciles de atopar en calquera outra publicación

Castelao e os bascos

Valorar (23)

XURXO MARTIZ CRESPO



En 1985 publicouse en español Castelao y los vascos, un libro con documentación inédita verbo o exilio e as relacións dos cataláns, galegos e bascos que loitaban contra a ditadura fascista de Franco e o recoñecemento, por parte do exilio republicano español, dos seus dereitos como nacións sen Estado.

Iñaki Anasagasti Olabeaga, fillo dese exilio vasco en Venezuela, é un dos moitos políticos bascos que sentiron unha atracción especial por Castelao. O lehendakari José Antonio Agirre foi outro deles. A súa escolma de texto verbo as relacións e a vida de Castelao, na edición de 1985, comeza deste xeito:

«Castelao e os bascos non é un libro de autor. Tan só un quebracabezas armado e formado por pezas soltas, cartas, artigos xornalísticos e tra­ducións desde o idioma galego. Se cadra esta carencia de valor intrínseco como crónica mi­nuciosa dunha parte da nosa historia a substitúa con algo que si se logra, xa é un pequeno avance: amosar que nun momento chave do exilio, galegos, cata­láns e vascos cadraron, até o punto de lograr sobresaltar os nervios dalgúns homes importantes da República ao soñaren xuntos arelas e ideas que a realidade política e histórica truncou coa súa inexorábel dureza.»

Nunha viaxe que fixemos membros do departamento de Migración da Confederación Intersindical Galega a Bilbo e ao Museu do Nacionalismo Basco en Artea, en 2004, para entregar as actas orixinais no exilio venezolano do PNB, naceu a idea de traducir para o galego a escolma de textos e da vida de Castelao que fixera en español o ex-deputado e hoxe senador Iñaki Anasagasti Olabeaga en 1985.

A nosa visita a Euskal Herria sur ensinounos algo que descoñecíamos: a veneración que senten os bascos por Castelao. Con bascos e galegos estivemos na oferenda floral ao monumento a Castelao en Txurdinaga. Representantes dos principais partidos nacionalistas bascos estaban presentes na homenaxe, así como o alcalde de Bilbo e representantes da Deputación Foral de Bizkaia.

Castelao é coñecido e recoñecido en Euskal Herria como un Gandhi galaico, como un intelectual que deu fundamento as arelas políticas da nación galega. Os bascos viron na loita continua de Castelao no parlamento republicano, que maioritariamente desprezaba a cultura e os dereitos da nación galega e das outras nacións sen Estado da península ibérica, un reflexo da súa situación. Tamén a posterior e valente adhesión de Castelao á legal, democrática e xusta causa republicana, malia o desprezo a galegos, cataláns e bascos, non fixo máis que agrandar a estoica figura de Castelao, que rematou os seus días loitando e defendendo un Estado galego en pé de igualdade cos outros Estados da península.

Non hai sitio no Estado español con máis monumentos a Castelao que Euskal Herria sur, por obra da nosa emigración e das autoridades locais, que sentiron un recoñecemento da pegada de Castelao que foi sistematicamente disfrazado, edulcorado e rebaixado de contidos polos sucesivos gobernos do Partido Popular e do PSOE no noso país.

Monumento a Castelao en Txurdinaga


O labor do profesor xubilado da UPB, o queirugués Xosé Estévez, de estudo e do pacto de Galeuzca e a concienciación de milleiros de galegos da súa condición de cidadáns dunha nación sen Estado, despois de emigraren nos anos 60 e 70 a Euskal Herria sur, determinou que a figura de Castelao non ficase reducida aos galegos senón que tivese un lugar destacado na memoria colectiva das clases dirixentes vascas no exilio e  na loita polas liberdades dos pobos galego, catalán e vasco.

Lamentabelmente Castelao e os bascos é un libro actual. Malia describir as loitas políticas dos anos 30 das nacións sen Estado da península Ibérica e a súa posterior colaboración e organización no exilio, e máis o divorcio cos partidos nacionalistas e republicanos españois entre 1940 e 1950, vemos hoxe que pouco mudaron as circunstancias e que as lóxicas forzas centrípetas que acubillan cataláns e bascos e unha porcentaxe importante da cidadanía galega, non é máis que froito da desidia e da incapacidade de comprensión da dereita e esquerda española da realidade multicultural e multinacional do Estado español.

O Partido Nacionalista Basco (PNB) no exilio foi un dos alicerces das relacións entre o exilio exterior do galeguismo e o exilio interior. O PNB foi, fóra de toda dúbida, un partido que soubo apostar forte na súa loita contra a ditadura fascista do xeneral Franco. Desde os pactos con Estados Unidos até os seus servizos de información e espionaxe internacional, o PNB representa unha pedra no zapato da ditadura franquista.

Dos servizos de espionaxe do PNB serviuse Castelao para manter relación epistolar co exilio interno na Galiza, principalmente Ramón Piñeiro. Cartas mal traducidas desde o orixinal galego, probabelmente polos membros do servizo secreto do PNB, chegaban ás mans de Piñeiro nunha viaxe longa e perigosa desde a Arxentina, pasando polo Estado francés, Euskal Herria sur até Galiza.

Castelao e os bascos é un libro cheo de detalles difíciles de atopar en calquera outra publicación. Correspondencia, artigos de prensa nos principais medios de Latinoamérica do exilio, intervencións e notas de Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Castelao e os exiliados bascos e cataláns.

A loita iniciada por estes exiliados, dun verdadeiro recoñecemento dos nosos dereitos como pobos está aínda inconclusa en 2011. As declaracións do Goberno do PSOE, do presidente José Luis Rodríguez Zapatero, no Congreso dos Deputados, non deixan lugar a dúbidas: «España plural sí, pero una».

Os que abriron o camiño polo recoñecemento dos nosos dereitos como nacións sen Estado merecen un recoñecemento perpetuo pola súa afouteza e pola súa valentía.


Listaxe de ligazóns

[06-10-2011 00:50] Emilio Sobrado Ramos comentou:

Os peperos galegos empezando polo Presidente da Xunta non dubidan en usar a Castelao no seu probeito, esmorecendo a figura do grande valedor da Nación Galega e disfarzando as intencións nidias envolvendoas en ambigüidade, desnaturalizando, desfigurando, corrompendo, como fan con todo o que tocan!!!

[06-10-2011 00:12] Airinhas comentou:

O nacionalismo galego aínda non conseguiu que en ningunha cidade galega haxa unha estatua digna de tal nome coa figura de Castelao como pai da Patria que é. É rechamante o caso de Pontevedra onde aínda se goberna, e tamén o caso de Vigo, onde se gobernou e cogobernou e existe unha xigantesca rotonda baleira no medio da avenida que leva o seu nome agardando pola súa efixie.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña