15:52 Venres, 25 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-10-2011

Xa a mediados do século XIX, Marx e Engels recoñecen no Manifesto comunista a existencia da transnacionalidade do capital e a redución da man de obra a un simple ben ao servizo da economía de mercado

Neoliberalismo e mundialización

Valorar (12)

EDUARDO ÁLVAREZ



A globalización campa ás súas anchas por todo o mundo ocasionando a homoxeneización económica e cultural do planeta e a extensión da ideoloxía ultraliberal, o regreso á inhibición do sector público e, en definitiva, á desaparición do estado do benestar, que tantos esforzos e loitas se necesitaron en tempos pasados para conseguir.

Xa a mediados do século XIX, Marx e Engels recoñecen no Manifesto comunista a existencia da transnacionalidade do capital e a redución da man de obra a un simple ben ao servizo da economía de mercado. Mais, é despois da Segunda Guerra Mundial cando comeza en Occidente a mundializarse a economía, organizada inicialmente en dous sistemas antagónicos: o capitalista e máis o socialismo real. Neste contexto, en Europa considérase necesario introducir medidas correctoras no sistema capitalista na procura de servizos públicos sociais xeneralizados para a poboación. Deste xeito, nace o Welfare state ou Estado do benestar, en contraposición tanto á Depresión económica de 1929 como ao Warfare state hitleriano da seguinte década. Durante trinta anos, os que van aproximadamente desde 1945 a 1975, a maioría dos países europeos experimentan importantes conquistas sociais que se traducen fundamentalmente na universalización do ensino, da saúde e doutros servizos sociais sufragados cos orzamentos públicos. Mais, coa chegada ao poder de Margaret Thatcher e de Ronald Reagan, Occidente comeza a fase de desmantelamento destes logros que, paulatinamente, vai socavando o denominado Estado social até converter os servizos públicos en subsidiarios dos intereses das grandes corporacións. Coa caída do muro de Berlín, en 1989, e a incorporación da China á economía capitalista preséntase xa un panorama mundial uniformado por unha concepción globalizadora homoxénea, coas excepcións da oposición dalgunhas manifestacións de países islámicos que pretenden resistir con vigor esta asimilación e que constitúe, en palabras interesadas de S. Hantington, o "choque de civilizacións".

Nos últimos anos, cos progresos acelerados das novas tecnoloxías da comunicación, a globalización campa ás súas anchas por todo o mundo ocasionando a homoxeneización económica e cultural do planeta e a extensión da ideoloxía ultraliberal, o regreso á inhibición do sector público e, en definitiva, a desaparición do estado do benestar, que tantos esforzos e loitas se necesitaron en tempos pasados para conseguir.

A globalización móstrase no ámbito económico de múltiples formas, pero nomeadamente a través das empresas transnacionais que se asentan estratexicamente naqueles lugares onde poden obter máis beneficios a costa de man de obra explotada e de materias primas baratas. Estas empresas acaban eliminando da competencia aqueloutras que viñan actuando en ámbitos locais con aceptábel rendibilidade e xerando riqueza na súa contorna. O mesmo sucede nos ámbitos financeiro e comercial: só as entidades financeiras fortemente globalizadas resisten neste contexto e as grandes corporacións, baixo a forma de hipermercados, fanse con toda a oferta provocando que os pequenos comercios teñan que pechar definitivamente. O mesmo acontece co monopolio da tecnoloxía vinculada ao desenvolvemento industrial e das comunicacións. Aqueles países que carecen deste desenvolvemento manteñen unha dependencia absoluta cos máis desenvolvidos. Como consecuencia, prodúcese tamén unha globalización cultural a favor das culturas dominantes dado que nos intercambios que se realizan a través das denominadas "autoestradas da comunicación" o fluxo é practicamente unidireccional cara aos Estados dominantes, quedando os demais reducidos a meros receptores.

Este panorama da mundialización leva tamén aparellada a creación de institucións que actúan como superestrutura que vixía e controla esta situación para manter o status quo. Entre outros, o FMI, a OMC, o BM, a OTAN e a UE cumpren este cometido como institucións que marcan as pautas nos eidos financeiro, comercial e militar sobre boa parte do mundo.

Os efectos da globalización son manifestos na actualidade coa perda da soberanía dos Estados a favor destas grandes corporacións, que ditan as directrices no mundo. Moi ilustrativa desta situación resulta a este respecto a imposición da reforma constitucional, aprobada por PP e PSOE recentemente, que mostra a submisión de ambos partidos aos intereses das grandes corporacións financeiras.

Neste contexto, os dereitos humanos reséntense gravemente debido a que son máis facilmente vulnerábeis. Os dereitos civís concúlcanse mesmo a través da explotación e do tráfico das persoas. Os dereitos políticos decepcionan os cidadáns, que contemplan como os dirixentes e os seus representantes se afastan totalmente da realidade executando decisións contrarias aos intereses da sociedade e converténdose en meros transmisores desta ideoloxía neoliberal. A globalización dos dereitos económicos maniféstase na creación de, cada vez, maiores diferenzas entre unhas clases enriquecidas astronomicamente e outras que engrosan as inxentes bolsas de pobreza e de miseria. A globalización social reduce os dereitos laborais con reformas que aumentan a precariedade baixo a ameaza dun barato despedimento.

Este panorama que se presenta resulta, desde logo, profundamente desolador. Pero máis preocupantes son aínda as medidas políticas e económicas que impoñen as grandes corporacións aos respectivos gobernos que, cada vez, afondan máis na crise e no desmantelamento do Estado. En tempos pasados, as crises económicas remediáronse coa forte intervención dos poderes públicos; agora, recórrese ao contrario: aos recortes dos orzamentos para reducir a débeda e o déficit contentando, deste xeito, a aqueles mesmos que provocaron esta situación.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña