09:03 Venres, 05 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2011

Escándalo! Pois, si que o é. Mais, como é que non saltou ás noticias e non souben nada deste caso de mutilación sexual non consentida no corazón da Europa desenvolvida?

Relativismo cultural? Non me toques o carallo!

Valorar (46)

ROBERT NEAL BAXTER



Argumentando que o procedemento se levara a cabo en condicións sanitarias axeitadas e con anestesia local e apelando tamén á importancia desta práctica para a relixión da familia, recentemente o Tribunal Supremo da Finlandia absolveu unha nai acusada de agresión tras mandar practicar unha infibulación do clítoris á súa filla de catro anos por razóns relixiosas.

Escándalo! Pois, si que o é. Mais, como é que non saltou ás noticias e non souben nada deste caso de mutilación sexual non consentida no corazón da Europa desenvolvida? Porque a noticia non é verdadeira. Agora volve a relela, mais desta vez troca a vítima feminina por unha masculina, e onde pon 'infibulación do clítoris' le 'circuncisión'. É por iso é que a nova non transcendeu: polo peso do relativismo cultural. Quer dicir, mentres que repudiamos a mal chamada 'circuncisión' feminina, recoñecéndoa pola violación da integridade física que é, seguimos, porén, aceptando como 'normal' a circuncisión masculina. A lexislación española é elocuente a este respecto: "O que causar a outro (nota: o masculino aquí é 'xenérico, referido na práctica só á nenas) unha mutilación xenital en calquera das súas manifestacións (sic.) será castigado cunha pena de prisión de seis a 12 anos". Porén, séguese a mutilar nenos en todo o Estado por razóns relixiosas con total impunidade.

Esta nosa perspectiva cultural diferencial no que respecta á mutilación de nenos e nenas é un claro produto da deferencia para coas relixións abrahámicas, das que forma parte o noso acervo xudeocristián. Mesmo hai quen acusa de antisemita calquera que se opoña á circuncisión ritual xudía practicada nos varóns aos 8 días despois de naceren.

Mais abofé que non é o mesmo... De facto, a UNICEF advirte sobre o uso inadecuado do termo 'circuncisión feminina'. Mais esta distinción radica non tanto nas implicacións e riscos tanto físicos como psíquicos para a vítima, senón na natureza da intervención. De feito, recoñécense catro tipos principais segundo a OMS, que van desde a sección parcial ou total do clítoris (clitoridectomía) e a sección parcial ou total do clítoris e dos labios menores e/ou maiores (excisión), até o estreitamento da abertura vaxinal, con ou sen sección do clítoris (infibulación). Por desgraza, aínda hoxe se trata dunha práctica moi habitual en moitos países da África sobre todo, como por exemplo Xibutí, Guinea ou Somalia, onde afecta até 98% de todas as mulleres.

Cumpre recalcar tamén a dimensión patriarcal da mutilación xenital das mulleres, ausente no caso da circuncisión masculina, que non se trata dunha mostra da dominación do xénero socialmente dominante sobre o máis vulnerábel tendo como obxectivo (implícito ou explícito) inflixir dor e denegar pracer sexual.

Así que, até certo punto, non é o mesmo. Mais, por outra banda, existe un denominador común: tanto en nenos como en nenas, estas prácticas son claramente definíbeis como 'mutilación xenital non consentida de menores'. Loitar en contra do un non implica deixar de loitar en contra do outro, como ben demostra a política de orixe somalí musulmá, Ayaan Hirsi Ali, que milita en contra da mutilación xenital, tanto masculina como feminina.

Para que crea que se trata dunha exaxeración, non fai falta máis que comprobar a extensión e as consecuencias reais deste fenómeno: a circuncisión de neonatos é unha práctica común desde os EUA até a Asia central, pasando polo Oriente medio e a África occidental; segundo a OMS, en cifras globais afecta 30% de todos os varóns do mundo, o que se traduce en 661,5 millóns. Así as cousas, calquera complicación, por baixa que for a súa incidencia relativa, vai afectar necesariamente moitas persoas en termos absolutos.

Os supostos argumentos médicos que barallan algunhas das persoas que defenden a mutilación xenital infantil non consentida de crianzas varóns non son máis que un pretexto a posteriori para encubriren unha práctica cultural e relixiosamente asentada. Arguméntase, por exemplo, que a circuncisión temperá evita o cáncer de pene (o cal non ficou demostrado cientificamente). Mais, aínda que fose certo, do mesmo xeito non amputamos as dedas do pé de oficio para evitarmos uñas encarnadas, nin extirpamos o apéndice para evitar posíbeis peritonites no futuro. Para evitar contaxiarse da SIDA ou doutras doenzas sexualmente transmisíbeis (outra suposta vantaxe da circuncisión) están as camisiñas. Pola outra banda, no entanto, están as posíbeis complicacións derivadas da circuncisións, entre as que destacan as seguintes: fimose (pois si!), dehiscencia da ferida, desluvamento, hemorraxia, estenose e úlceras do meato, fístulas uretrocutáneas, infeccións (hepatite, tétano...), neuromas, pene enterrado, deformidades (acrocordóns, hipospadias, cicatrices, torsión...), gangrena de Fournier, amputación do pene ou do glande e mesmo morte en casos extremos (case 120 casos cada ano nos EUA, segundo un estudo recente). Se aínda hai quen fica con dúbidas a cerca da gravidade das consecuencias físicas e a lexitimidade de permitir que se siga a expor menores sen o seu consentimento aos riscos potenciais da circuncisión masculina por respecto ás tradicións relixiosas (propias ou alleas), convídoo a visitar as seguintes galerías de imaxes.

En definitiva, oporse á circuncisión masculina rutineira non resta importancia á sempre necesaria campaña contra a mutilación xenital feminina, xa que -malia as diferenzas que as separan- ambas coinciden en seren prácticas bárbaras herdadas de supersticións relixiosas, das cales xa vai sendo hora de nos desprendermos. Como din as mulleres con toda a razón do mundo: "O noso corpo é noso!". E o noso tamén!

[09-10-2011 14:56] Maria Lúcia Dário comentou:

Eu sou uma leitora brasileira e gostaria de dizer-lhes que gostei muito do artigo, mas também e principalmente, dos dois debatedores no final dele.
Opiniões fortes e bem fundamentadas devem ser trocadas e mostradas. Obrigada.
Maria Lúcia Dário - Campinas - São Paulo - Brasil

[28-09-2011 12:16] Robert Neal Baxter comentou:

1. Non fagas demagoxia: en ningún momento digo que a circuncisión é sinónimo de amputación do pene? Ou que digo é que: a) que se trata dunha amputación e; b) nalgúns casos pode afectar negativamente o glande.
2. Pode ser que amputar preventivamente o prepucio reduce o risco de contaxio en certos casos, mais tamén ´ñe certo que aumento outros riscos. A cuestión é de saber de a práctica cultural lexitimida por argumentos 'médicos' ten máis ventaxes que desvantaxes. A saber: cal é o risco propricionalñ de ser circuncidado ou non en relación a determinadas infeccións infermidades?; b. en que medida se poderían previr facilmente (uso do preservativo, etc.); son doenzas ggraves, ou poderían ser tratadas na súa maioría de xeito simple, por exemplo con antibióticos?
3. Alguén coñece un outro caso onde se amputa de xeito preventivo, por exemplo as amígdalas ou o apéndice?
4. Tamén cabe apontar que son varias as funcións do prepucio, non é só un anaco de pel inútil.
5. Non entendo por que se argumenta que se trata un problema do primeiro mundo. Que eu saiba, practícase moito ao redor de todo o mundo, con taxas de infeccións máis altas fóra do 'primeiro mundo' debido ás condicións de insalubridade. Mais, mesmo se se tratar dun 'problema do primeiro mundo', non vexo en que iso faría que fose 'banal'. A situación da muller traballadora é banal no primeiro mundo só por ser no primeiro mundo? A anorexia é 'banal' só por ser unha doenza cultural que só afecta o primeiro mundo.
O que deixas claro é o peso do relativismo cultural.

[28-09-2011 10:35] comentou:

A circuncisión non é a amputación do pene. Non a compares cunha amputación de dedo por prevención dunha doenza na unlla.

Se ben sobre os cancros non hai nada dito e seguro 100% ( o novo pene descuberto trala circuncisión queratiniza en 8-10 días, pasando a padecer os mesmos riscos en torno a melanomizar que a pel normal ), si é certo que unha circuncisión reduce moitos casos de infeccións ( non digo só ETS, falo de E.Collis que poden ascender polo tracto urinario e causar pielonefrites, que poden desembocar nunha insuficiencia aguda no ril pola inflamación e infección como lle aconteceu hai poucos meses ao señor Alfredo Pérez Rubalcaba: http://www.elmundo.es/elmundo/2011/03/07/espana/1299490044.html ). Polemizar pola circuncisión masculina é banal; "problemas" do primeiro mundo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña