10:43 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-09-2011

Exitosa presentación de "Sermos Galiza" na Coruña

Restaurar a imaxe de nós

Valorar (33)

ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ



Reconforta ver como, dentro dun océano de dificultades a sociedade galega aínda está viva e con capacidade de resposta. Nun momento no que as institucións que teñen entre as súas obrigas legais a promoción do galego nos medios de comunicación procuran con todo descaro a súa desaparición; nun País no que os grupos económicos actuantes son dependentes do capital foráneo e incapaces de agruparse nun proxecto autóctono; en circunstancias así só nos queda a sociedade civil para responsabilizarse da tarefa de darlle presenza nos medios a unha realidade social e lingüística que sigue sendo moi importante na nosa sociedade. Isto é o que nos trasladaron Xurxo Souto e  Xosé Ramón Freixeiro na presentación do proxecto "Sermos Galiza" o pasado mércores na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, nunha sala abarrotada de público. Foi esa asistencia masiva, que dificultou inclusive dar acomodo ao público, o que primeiro chama a atención e que indica a expectativa que xerou o proxecto.

Debuxo de Xosé Lois para o blog de "Sermos Galiza" (http://sermosgaliza.blogspot.com/)


Con certa contradición vemos como mentres que existen na nosa sociedade distintas expresións organizadas en forma de sindicatos ou organizacións políticas propias, en entidades lingüísticas, pedagóxicas, ecolóxicas, culturais... que atenden esas problemáticas cunha ollada propia, contrariamente, o reflexo dese traballo nos medios de comunicación non pasa de ser unha caricatura e, moitas veces, nin a iso chega. O espello no que se ven as persoas e colectivos que procuran unha mirada propia da realidade galega deforma tan brutalmente a súa imaxe que, ou ben non se recoñecen, ou ben deben asumir seren monstros: aldeáns que renuncian á cultura universal; insensatos cidadáns que lle impoñen o idioma propio a outros; egoístas insolidarios que non queren contribuír á cohesión social; persoas carentes da máis elemental sensibilidade democrática que non aceitan que o imperio "civilice" aos pobos con réximes tiránicos; atrasados provincianos que se opoñen a que a mocidade emigre; ao fin, unha especie residual que a propia evolución natural determinada pola "presión do medio" fará que, afortunadamente, desapareza con prontitude. Tal caricatura da realidade social afonda gravemente na falta de autoestima do pobo galego, na merma do potencial organizado para transformar a súa realidade e, inclusive, chega a fomentar con descaro a loita fraticida para dificultar a capacidade de auto-organización do pobo galego.

O traballo desas diferentes expresións organizadas da sociedade galega cundirá moito máis se atopa unha canle de expresión, un altavoz que reflicta as súas propostas e limpe de monstros ese espello, restaurando a imaxe nítida dun pobo traballador, pacífico, solidario e tamén desangrado económica, social e culturalmente por séculos de dominación.

Por iso me pareceu tan necesario e pertinente o proxecto "Sermos Galiza". Toma como punto de partida o obxectivo realista de poñer de inmediato en marcha un semanario en papel e un diario dixital que dean conta na nosa lingua dunha realidade habitualmente distorsionada polos medios existentes, cando non totalmente negada. E resalto o seu realismo non só porque o investimento económico preciso parece inicialmente asequíbel, senón tamén porque para conseguilo téñense en conta aquelas capas sociais que teñen interese obxectivo nun proxecto así, sen confialo a un mero experimento persoal de incerta credibilidade e menor durabilidade. Realista tamén na propia dimensión do proxecto que pretende ir á conformación dun cadro de profesionais asumíbel economicamente e capaz de dar unha información plural e útil aos sectores aos que se destina.

Agora, despois desta valente iniciativa das trece persoas promotoras do proxecto, temos nós a palabra. A iso convidaron Xosé Ramón Freixeiro e Xurxo Souto, a tomarmos a palabra informándolle do proxecto ás nosas amizades, organizando outras presentacións en lugares diferentes, realizando a previsión de subscrición ao medio na páxina de Sermos Galiza e, sobre todo, subscribindo accións que, aínda que parten dunha cantidade mínima de 100 euros, con toda lóxica pídesenos que moitos de nós a sobrepasemos amplamente.

Como dixo Xurxo, fóra preguizas e botemos a andar.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña