14:46 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-03-2010

Facernos visibles ou quedar apampados

No escaparate da Gran Mazá

Valorar (6)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ


Torreón de Pontedeume con bandeira española


Quero traer aquí un tema que xa comentei no seu momento noutro lado, pero que agora me parece apropiado citalo de novo para falar da teima que o Conselleiro de Cultura ten con Nova York, como que se todo aquilo que non se ve nesta cidade non existise ou, simplemente, mirase só para o seu embigo.

O Conselleiro de Cultura é diplomático, aínda que só de carreira. Enténdese que un diplomático sabe negociar e buscar contactos para levar a cabo relacións institucionais e proxectos. Ten agora a oportunidade de facer visible a cultura galega na maraña que pode ser a gran cidade de Nova York, onde tamén se escoita o galego nas rúas, onde pasou un tempo do seu exilio Castelao facendo campaña pola II República, escribiu parte do Sempre en Galiza, rematou Os vellos non deben de namorarse e fixo debuxos de negros e de Milicianos.

No ano 2006 acudín un día a comprar uns libros a unha librería da cadea Borders, situada nas torres Time Warner Center, que tamén albergan o estudo da moi cosmopolita e global CNN, un centro comercial, etc. As torres están situadas nunha esquina do Central Park, é dicir, no corazón da cidade e non nun barrio marxinal e periférico no que só viven algúns deses doce millóns de inmigrantes ilegais, por certo entre eses doce millóns había nese momento algúns de Carnota e Ribeira, mesmo levaran a toda a familia. Diante da libraría hai un gran espazo no que se fan exposicións de promocións de todo tipo, especialmente de carácter comercial. Pero nesta ocasión, finais de febreiro e comezos de marzo de 2006, había unha exposición sobre o País de Gales (Cymru). Até aquí nada do outro mundo. A exposición, como outras moitas deste tipo e promovida por un organismo oficial, tiña como obxectivo captar inversores americanos e divulgar a imaxe do país do dragón vermello no corazón dunha das potencias económicas mundiais.

Así que desta vez pasei a ollar a exposición e quedei sorprendido por varias cousas. Ao lado das tópicas fotografías con imaxes bonitas, ao lado da restra dos produtos típicos, ao lado dunha serie de produtos turísticos, ao lado da obra dalgún artista cuxos nomes non me eran coñecidos (Helen Lopez, Caitlin Jenkis) e de novas artesanías, había outras cousas que me pareceron que non eran "normais" ou habituais neste tipo de exposicións de promoción con miras comerciais. Por exemplo un posto con libros. Achégome e folleo os libros con bonitas fotografías de paisaxes; pero ao lado hai máis libros, libros do filósofo Raymond Williams, claro que este é un referente no mudo anglosaxón das ciencias socias; libros do primeiro deputado do Plaid Cymru, no parlamento británico, Gwynfor Evans, un home que aprendeu a lingua galesa xa de adulto e que a defendeu sempre, até o extremo de ameazar cunha folga de fame até a morte se o goberno de Margaret Thatcher non repoñía a emisión do canal de tv, Chanel 4, que emitía en galés a comezos da década de 1980. Sigo ollando libros, agora de poesía e libros que falan da situación das linguas minoritarias en Europa, entre elas fálase do galego.

Tamén chamou a miña atención un vídeo de promoción. Como todo vídeo de este tipo este mostraba imaxes de paisaxes bonitos e atractivos, pois País de Gales é especialmente unha terra atractiva, especialmente o norte, que leva anos loitando contra a nova colonización inglesa, que ocupa a súa liña de costa e as súas aldeas para convertelas en segunda residencia, e quítalle a auga para levala a Inglaterra, moito máis poboada e de maior volume de consumo. Así ían pasando imaxes das nevadas montañas de Snowdonia, do estreito de Menai Bridge que separa Ynys Môn (Anglesey) de Bangor, do castelo de Carnarfon, onde se gardan as chaves da cidade da Coruña e que levaron despois da derrota de Elviña. Mais ás veces aparecía algunha imaxe non bonita, algo que aquí se chamaría feísmo e, sorprendente, imaxes dunha pintada que se ía intercalando como unha mensaxe subliminal: THIS IS NOT ENGLAND.

Como dixen, un dos obxectivos da mostra era captar inversores americanos para que investiran no País de Gales e facíano dicíndolles que agora tiñan autonomía, polo que xa non era preciso pasar primeiro por Londres e explicando que "Gales é unha pequena e dinámica nación......".

E traio este exemplo aquí para ver si o señor conselleiro se anima a mostrar a cultura galega nesa selva cosmopolita, facernos visibles nese mundo global, que invite a artistas e intelectuais para mostrar que estamos reinventando unha nova identidade sobre as bases de sempre, pero para estar no mundo de hoxe. Unha exposición na que se mostre na capital dese mundo global que temos unha lingua distinta ao Spanish, que temos formas propias de goberno, que somos os veciños de enfronte, que mans galegas traballaron na construción dos túneles que comunican a illa de Manhattan, que canteiros galegos labraron a pedra do edificio central de correos desa illa.

Mais para ser vistos polos outros temos que vernos a nós antes, temos que querer existir e o problema do conselleiro é que só ve o alleo e oculta o propio. É coma un papaleisón apampado facilmente coas luces de neon que iluminan a gran cidade.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña