09:28 Xoves, 04 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-09-2011

Tradicionalmente, o nacionalismo galego tivo, e segue a ter, unha incidencia importante na mocidade,

Alternativa democrática e de futuro para a mocidade

Valorar (22)

GAEL GONZÁLEZ BEIRA



A mocidade galega organizada ten un papel clave e activo no fortalecemento das ferramentas ideolóxicas e organizativas que se foi quen de construír historicamente como expresión política de defensa do que somos como pobo e de construción do futuro, capaz de artellar unha rede social activa e comprometida que se identifique co noso discurso e posicionamentos.

Tradicionalmente, o nacionalismo galego tivo, e segue a ter, unha incidencia importante na mocidade, isto é, capacidade de xerar respostas e alternativas, capacidade de mobilización da mocidade e de incorporación de nova militancia. Nestes momentos de tanta confusión, de desacreditación da participación política, de ataques constantes ás bases materiais da nación galega e de auxe de posicións reaccionarias cómpre estarmos inmersos na dinámica xuvenil, en todos os ámbitos, redobrarndo os esforzos por nos explicar, para pór de relevo a necesidade de exercermos como pobo o poder político para desenvolver as nosas potencialidades económicas, culturais e de calquera tipo. Axustarmos os nosos métodos de introdución social e emitirmos unha mensaxe pedagóxica en sintonía cos principais problemas da xente nova que propicie o seu achegamento ao nacionalismo.

Os últimos procesos electorais deron pé en parte da base social do nacionalismo a un sentimento de desánimo e desencanto que precisamos tornar nun maior compromiso coa alternativa que defendemos: afondamento na democracia e na participación, intervención pública nos sectores estratéxicos, mecanismos de control do capital financeiro e capacidade das nacións para orientar as súas políticas económicas. Fóra disto, non hai máis que resignación ou, directamente, rendición aos mercados, renuncia a exercer o poder político en favor de quen nunca se presentou ás eleccións, darlle aínda unha maior protección ao poder financeiro, mentres que se lle retira ao pobo, prestarse a reducir as competencias das nacións sen Estado e mesmo dos Estados soberanos para favorecer a globalización dos mercados...

Porén, a crise presenta un escenario de posibilidades para as alternativas políticas transformadoras como a que representa o nacionalismo galego. Hoxe podemos afirmar que o grande capital está completamente desacreditado perante a opinión pública e que conceptos que semellaban incuestionábeis comezan a ser claramente cuestionados pola maioría social. É por isto que o sistema combate con todas as armas ao seu dispor a loita do nacionalismo e de toda aquela persoa ou colectivo que cuestione o status quo imperante, así como a propia autoorganización da sociedade. Forma parte desa estratexia a despolitización da sociedade, criminalización e desacreditación das estruturas de participación políticas. Detrás dos que promoven a espontaneidade dos movementos sociais hai unha estratexia para provocar a división do conflito e a disociación entre a teoría e a praxe para desorientar os movementos sociais e así restarlles a súa orientación estratéxica. O sistema pódese permitir prescindir das organizacións políticas e sociais, nós non. 

Vivimos, pois, nun momento moi feble socialmente pero tamén tremendamente importante, é tempo de reforzar o sentido que ten a participación política pois o seu descrédito non fai senón afondar na crise social e dificultar o éxito da alternativa. Fuxir dunha colonización tamén no plano ideolóxico, dos complexos e do desprezo ou minusvalorización do propio.


[28-09-2011 17:45] rexionalista comentou:

Totalmente dacordo co comentario anterior. Galicia é xa irremediablemente unha rexión española onde se fala e se pensa maioritariamente en español. Convén evidentemente aos defensores da identidade tradicional, que non son tan poucos, adoptaren un discurso rexionalista e nunca antiespañol se queren ter eco na sociedade, facer ver que a conservación da nosa lingua e cultura non significa ser antiespañol. O único discurso que pode levar a un partido galeguista a ser maioritario é un tibio rexionalismo baseado na españolidade orixinal do noso idioma, ao fin e ao cabo ben presente na España medieval.

[22-09-2011 10:38] Xan comentou:

Sería bonito pensar que todo iso é así, mais desde a miña perspectiva, a dun rapaz de 19 anos, teño que dicir non se corresponde coa realidade. A realidade é que o 80% da xente nova non fala galego -non porque non queiran- senón porque os seus pais -moitos deles galegofalantes- os educaron en castellano, e nunca desenvolveron na práctica o galego, polo que saben ler e escribir mais non se desenvolven ben á hora de falalo, para finalmente optar por unha lingua que si coñecen ben, o castellano, a lingua da TV, da prensa, da radio, etc..

Por outro lado, outro 80% deles descoñece a historia do seu pobo porque ninguen llela explicou, ou ben lles explicaron algo ben distinto. E finalmente o que conseguiu o nacionalismo español (PSOE,PP, IU) é primeiro; desfacerse da etiqueta de "nacionalistas" (se es nacionalista español non es nacionalista, es un tipo normal, se es outra clase es un "nacionalista" ou "nacionalista radical") e segundo, darlle moi mala imaxe a esa palabra. Polo tanto, hoxe o 80% da mocidade galega é nacionalista española, aínda case nin sabeendo. Só hai que ver as cifras de afiliados a grupos xuvenis do nacionalismo galego, arrepiante.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña